O avogado do capitán do Prestige, Josá María Ruiz Soroa, solicitou este martes a suspensión do xuízo sobre a catástrofe e o sebreseimento da causa en canto á acusación por delito contra o medio ambiente contra o seu defendido, Apostolos Mangouras, un dos acusados presente na apertura da vista oral na Coruña. O letrado foi máis aló e puxo en dúbida que España poida garantir ao seu cliente un xuízo “xusto”.
Ruiz Soroa preguntouse se o Estado español é capaz de lle garantir ao capitán do petroleiro un xuízo xusto “cando se lle chamou pirata aos dous días da catástrofe”, asegurou, en relación ás duras críticas veridas polo Goberno de José María Aznar aos poucos días da deriva do Prestige en augas galegas.
O avogado dubida que o Estado sexa "xusto" no xuízo logo de que chamase "pirata" a Mangouras ao pouco da catástrofe
Pero as súas críticas ao Estado non pararon aí, xa queu tamén o acusou de terse “prevalido do seu poder” para acudir a inspeccionar o barco “sen dar” a posibilidade de “participar nos recoñecementos” á defensa polo que, na súa opinión, “infrinxíronse dereitos fundamentais” á hora de recoller a documentación do buque.
Ademais, e durante a súa intervención, o avogado rexeitou as acusacións sobre Mangouras ao entender que non existiu “dolo”, polo que reclamou a “nulidade parcial” ante a “violación de dereitos constitucionais” e a suspensión debido a que se piede a responsabilidade subsidiaria da compañía Universe Maritime, encargada da xestión técnica do Prestige, e que non está personada no xuízo.
Por outra banda, o inicio deste xuízo caracterizouse pola petición das partes de novas probas testemuñais e informes periciais. A Fiscalía solicitou que declaren como testemuñas 12 prexudicados franceses pola catástrofe que non puideron exercer a acción popular, mentres que a Avogacía do Estado reclamou testemuñais de persoas que intervrion no dispositivo de loita contra a contaminación, como dous comisionados de Medio Ambiente e de Fomento.
O avogado do Estado francés pediu a comparecencia dun responsable do Ministerio de Finanzas de Francia que avaliou os danos, mentres a plataforma Nunca Máis pediu que se declare a nulidade da pericial do enxeñeiro naval Martín Criado, xa que participou no organismo que supervisou as decisións dos días posteriores á catástrofe.