Dos 993 quilómetros de AVE a Angrois e o Parador de Muxía: o que deixou o Plan Galicia 20 anos despois

Feijóo e Álvarez-Cascos, responsables das infraestruturas en Galicia e no Estado tras o afundimento do 'Prestige', e nota de prensa divulgada polo Goberno de José María Aznar co anuncio do Plan Galicia CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

Non só o Estado aparcou infraestruturas anunciadas tras o afundimento do 'Prestige' senón que tampouco a Xunta completou aínda varias comprometidas daquela por Feijóo como conselleiro

“Galicia contará no futuro con outros 270 quilómetros de alta velocidade a engadir aos 723 quilómetros xa proxectados”. O 24 de xaneiro de 2003, dous meses despois do afundimento do Prestige, quen así sumaba preto de mil quilómetros (993) de tren de alta velocidade só no interior de Galicia era o daquela presidente do Goberno de España, José María Aznar

Facíao na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que viña de celebrar na casa do Concello da Coruña, cedida para a ocasión polo alcalde do PSOE Francisco Vázquez. Os seus anuncios conformaban o Plan Galicia. [Aquí as notas de prensa daquel día e aquí a intervención transcrita de Aznar].

José María Aznar comparece tras a aprobación do Plan Galicia no Consello de Ministros celebrado na Coruña o 24 de xaneiro de 2003

Vinte anos despois, boa parte das infraestruturas prometidas daquela polo Estado como compensación pola catástrofe do Prestige quedaron aparcadas, e as principais concrecións limítanse ao Porto Exterior da Coruña que comezou a entrar en servizo en 2012, o Parador de Muxía inaugurado hai unhas semanas e a liña de alta velocidade coa Meseta, cuxa aceleración acordada daquela no treito Ourense-Santiago derivou nunha cadea de decisións que reduciron a súa seguridade e propiciaron o accidente de Angrois de 2013 que agora está a ser xulgado.

Pero non só o Estado aparcou infraestruturas anunciadas tras o Prestige. Tampouco a Xunta foi quen de completar aínda diversas actuacións comprometidas baixo o mesmo termo Plan Galicia, pero neste caso a nivel autonómico, por quen daquela acababa de ser nomeado conselleiro de Política Territorial e despois foi presidente da Xunta: Alberto Núñez Feijóo. Malia os seus 15 anos á fronte das infraestruturas galegas nos dous cargos, actuacións tan significativas vinculadas ao Prestige como a Autovía da Costa da Morte seguen estando hoxe inacabadas.

As promesas estatais

Das oito infraestruturas prometidas polo Goberno de Aznar no Consello de Ministros celebrado na Coruña só están rematadas o Porto Exterior, o AVE coa Meseta e o Parador da Costa da Morte

Foron oito as infraestruturas anunciadas tras aquel Consello de Ministros do Plan Galicia do 24 de xaneiro de 2003: mellora das características previstas para o AVE coa Meseta (o do Eixo Atlántico xa se iniciara dous anos antes), novas liñas de alta velocidade Lugo-A Coruña, Monforte-Ponferrada e desde Ferrol pola cornixa cantábrica, unha autovía entre Pontevedra e a A-52 á altura da Cañiza, outra entre Chantada e Monforte, o Porto Exterior da Coruña e o Parador da Costa da Morte.

O Porto Exterior da Coruña comezou a entrar en servizo hai unha década tras máis de 700 millóns de euros de investimento, pero aínda non se concretou un dos seus principais obxectivos, o traslado das instalacións de Repsol que afaste do centro da cidade o tráfico de petroleiros.

O Parador da Costa da Morte, en Muxía, abriu en 2020 tras un investimento de 27 millóns e foi inaugurado hai unhas semanas. A Autovía Pontevedra-A Cañiza, estimada en 2003 en 480 millóns de euros, viu como o seu trazado variaba e se achegaba máis ao oeste, reconvertida na A-57 Pontevedra-Vigo-O Porriño, pero hoxe só hai en obras, desde hai sete anos, un treito de 6 quilómetros que formará parte da circunvalación de Pontevedra. E a autovía entre Chantada e Monforte, estimada en 2003 en 196 millóns, nunca pasou de estudos previos para un trazado no que o tráfico da estrada convencional segue a ser escaso.

Mapa das liñas ferroviarias do Plan Galicia, incluído nun programa do PP, e entrega da Medalla de Galicia a Cascos en 2003 © PPdeG / Xunta

Canto á alta velocidade ferroviaria, dos 993 quilómetros prometidos por Aznar hoxe están en servizo en Galicia uns 350: uns douscentos quilómetros entre o límite con Zamora e Santiago e outros 150 entre A Coruña e Vigo que sumaron un investimento duns 9.000 millóns de euros. Nada hai do “AVE do Cantábrico” para o que se estimaban 1.476 millóns só no seu treito galego, nin da liña Ponferrada-Monforte calculada en 690 millóns, nin da Lugo-A Coruña e os seus 780 millóns.

E no que respecta á liña coa Meseta, Aznar comprometeu unha mellora do deseño anterior, cunha “solución de dobre túnel e alta velocidade” no treito Lubián-Ourense. O Goberno central mantería o proxecto nese treito con peores características que esas ata 2010, xa co PSOE á fronte, pero o que si fixo nos meses posteriores o daquela ministro de Fomento, Franciso Álvarez-Cascos, foi acelerar o treito entre Ourense e Santiago.

A finais de 2003, un ano despois do afundimento e no marco do Plan Galicia, o Goberno acelerou o AVE Ourense-Santiago, cuxo remate en 2011 sen conexión con outras liñas derivou nunha cadea de decisións que reduciron a súa seguridade

Nunha decisión extraordinaria nese tipo de obras públicas, a finais de 2003, tras entregarlle a Xunta a Medalla de Galicia ao ministro, Fomento encargou á vez e conxuntamente o deseño e a construción da liña de alta velocidade Ourense-Santiago. Iso facilitou que ese treito se puxese en servizo en 2011 illado do resto da rede de alta velocidade, o que implicou unha cadea de decisións que acabaron repercutindo na configuración dos seus sistemas de seguridade, incapaces de evitar o descarrilamento do tren Alvia, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas. Por non avaliar os riscos existentes na curva de Angrois nin antes de inaugurar a liña en 2011 nin antes de desconectar a seguridade dos Alvia en 2012 está acusado xunto co maquinista no xuízo que se está a desenvolver estes días en Santiago un ex-cargo de Adif.

As promesas da Xunta

A Xunta tamén lanzou o seu propio Plan Galicia, coa Autovía da Costa da Morte como principal obra, pero tras 15 anos con Feijóo á fronte da consellería ou de toda a Xunta segue sen data de remate, con só 27 de 42 quilómetros abertos

Catro días antes do Consello de Ministros no que Aznar presentou o Plan Galicia quen tomaba posesión o 20 de xaneiro de 2003 como conselleiro de Política Territorial de Manuel Fraga, en substitución do defenestrado Xosé Cuiña, era Alberto Núñez Feijóo. El sería o responsable nas semanas seguintes de ir encargando distintos estudos e actuacións previas que conformarían o que sería o Plan Galicia da Xunta, unha recompilación de obras xa previstas e outras novas decididas tras o afundimento do Prestige coa que o Goberno galego pretendía complementar as promesas estatais.

Feijóo toma posesión ante Fraga en xaneiro de 2003, en imaxes captadas pola TVG © TVG

Unha das actuacións máis significativas daquel Plan Galicia da Xunta era o que naquel momento se denominaba “vía de alta capacidade Carballo-Berdoias”. Nos anos seguintes acabou sendo denominada Autovía da Costa da Morte, a comarca máis afectada polo Prestige, pero 20 anos despois o que hoxe hai construído dista de ser o prometido de xeito reiterado durante este tempo. 

Nos 42 quilómetros que separan o remate da Autoestrada A Coruña-Carballo e o lugar de Berdoias, en Vimianzo, hoxe están en servizo só 27 quilómetros de autovía, inaugurados en 2016, 14 anos despois do afundimento do Prestige e tras unha longa e polémica tramitación. Os 15 quilómetros restantes foron paralizados en 2015, cando a Xunta decidiu perdoarlle á construtora a súa execución, e agora o Goberno galego vén de retomar as obras en só 6 deles e cun só carril por sentido.

Entre aquelas actuacións prometidas no Plan Galicia da Xunta había varias que con maiores ou menores variacións, e non sen polémicas, si foron acometidas neste tempo, coa xestión repartida entre os 16 anos de gobernos populares e os 4 da coalición de PSdeG e BNG. Converteuse en autovía a anterior vía rápida do Barbanza, ou executáronse os corredores que comunican Noia con Santiago ou Sarria con Monforte. Pero outras varias infraestruturas sufriron vicisitudes ou recortes similares aos da Autovía da Costa da Morte, o que non impide que o PP siga a prometelas nos seus programas electorais en cada convocatoria galega. 

O mesmo día en que a Consellería de Política Territorial xa encabezada por Feijóo encargaba o estudo informativo da vía de alta capacidade da Costa da Morte facía o mesmo para unha vía de alta capacidade no Baixo Miño, entre Tui e A Guarda, e outra entre a A-52 e Celanova, coa mellora do resto da estrada ata Portugal.

Os corredores do Baixo Miño ou da Costa Norte son outras das infraestruturas prometidas tras o 'Prestige' aínda sen data de remate

Hoxe dos 25 quilómetros que ía ter a vía do Baixo Miño están rematados 10, 4 están a medio construír e dos restantes, cuxo trazado non foi definido ata hai dous anos, haberá 2 quilómetros que a Xunta non executará senón que transformará a estrada actual en “autovía urbana” con rotondas.

No caso da autovía a Celanova, inaugurouse en 2014, doce anos despois do afundimento do Prestige, pero nunca se acometeu o arranxo do resto da estrada, o que non impediu que Feijóo seguise prometendo esas actuacións de xeito recorrente.

Obras paralizadas en 2014 da vía de altas prestacións do Baixo Miño prometida por Feijóo tras o Prestige e que volveu incluír no seu programa electoral de 2020 CC-BY-SA Praza Pública

Tampouco tivo mellor sorte o corredor da Costa Norte, para o que en 2009 Feijóo prometía directamente unha “Autovía do Norte Ferrol-San Cibrao (posta en servizo 2012)”. O que hai hoxe volve ser un corredor, cun só carril por sentido, en apenas 16 quilómetros dos 80 que separan as dúas poboacións. Diversas melloras anunciadas nos últimos tempos para as estradas convencionais da zona evidencian que a nova infraestrutura non será un proxecto que os populares impulsen a curto prazo.

No primeiro aniversario do afundimento do Prestige o Plan Galicia foi definido por Manuel Fraga como “a máis grande oportunidade de Galicia na súa historia”. Vinte anos despois parte desas oportunidades quedaron polo camiño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.