O corredor prometido por Feijóo tras o 'Prestige' leva anos paralizado tras as protestas veciñais que discrepaban sobre o seu trazado, que vén de ser agora definido pola Xunta
En 2003, con Feijóo como conselleiro, a Xunta incluíu no seu Plan Galicia de actuacións tras o afundimento do Prestige a construción dunha vía de alta capacidade ou corredor entre Tui e A Guarda, ao longo do último treito do río Miño. Dos seus 25 quilómetros só están en servizo os 10 finais, inaugurados en 2014, e en obras os 4 iniciais, pero o treito intermedio quedou no aire polas protestas da veciñanza contra os trazados que contemplaba a Xunta, ou entre a moi urbanizada estrada actual e río Miño, con impacto ambiental e efecto barreira, ou polo monte, onde afectaría a viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas. Este luns a Consellería de Infraestruturas vén de presentar un novo trazado que prescinde de facer o corredor no treito en que máis se aproximaba ao Miño e que no resto do seu recorrido afectará a uns 17.600 metros cadrados de viñedo, 6.000 de carballeiras e 2.300 de espazos fluviais cun orzamento de 78 millóns de euros.
Coincidindo coa publicación este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) da exposición ao público do proxecto de trazado, do estudo de impacto ambiental da opción agora elixida pola Xunta e das expropiacións que implicará, a propia conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, informou da decisión en Tomiño, o concello que atravesa o treito conflitivo do corredor do Baixo Miño. O trazado elixido pola Xunta descarta por completo o que a veciñanza asimilaba como “polo monte”, a opción máis septentrional, que nin sequera aparece estudada no documento agora feito público. Pola contra, o estudo de alternativas elaborado pola Xunta remata elixindo unha variante do trazado que a veciñanza identificaba como “polo río” pero prescindindo do treito en que a infraestrutura máis se aproximaba ao Miño e os seus espazos protexidos.
O trazado elixido, que agora se somete a exposición pública, discorre polo sur do núcleo urbano de Tomiño, pero sen chegar a cruzar a estrada actual cara ao río senón rematando nela. Ao longo do seu trazado a nova vía contará cun enlace coa circunvalación urbana de Tomiño que está a executar a Deputación de Pontevedra tamén polo sur do núcleo, o que fará que nese treito haxa dúas novas infraestruturas paralelas con distinta funcionalidade.
No treito de corredor do que prescinde a Xunta quere converter a estrada actual nunha "autovía urbana" engadíndolle un carril por sentido e unha rotonda na metade do recorrido
Hai medio ano a Xunta xa anunciara a súa intención de renunciar a parte do corredor precisamente no treito no que a opción “polo río” máis se achegaba ao Miño. Alí, a partir do punto no que rematará o trazado hoxe presentado, a Xunta quere converter uns dous quilómetros da estrada actual PO-552, pola que hoxe circulan uns 15.000 vehículos ao día, no que denominou “autovía urbana”, engadíndolle un carril por sentido e unha rotonda na metade do recorrido.
Co proxecto agora presentado a Xunta renuncia por completo ao trazado identificado como “polo monte”, pero aínda así a infraestrutura afectará, segundo os datos do propio Goberno galego, a uns 17.600 metros cadrados de viñedos (de 39 parcelas distintas), uns 6.000 metros cadrados de carballeiras e 2.300 de espazos fluviais. En total, as expropiacións afectan a preto dun milleiro de parcelas.
A Xunta retoma máis de cinco anos despois unhas infraestrutura que paralizou pola contestación social e a crise
Ademais de definir agora o trazado do treito máis conflitivo, que cuantifica en 78 millóns de euros, a Xunta vén de licitar por 21 millóns o enlace inicial do corredor en Tui coa Autovía Vigo-Portugal (A-55). Unha obra que permitirá rematar á fin o primeiro treito de algo menos de 4 quilómetros do corredor cuxas obras a Xunta paralizou durante a crise.
Os atrasos, obstáculos e cambios de proxectos sufridos neste tempo pola nova estrada do Baixo Miño son similares aos experimentados por outras dúas infraestruturas que se comezaron a xestar pola mesma época, as autovías da Costa da Morte e do Morrazo, abertas anos despois do previsto.