A Xunta retoma máis de cinco anos despois o inacabado corredor do Baixo Miño, do que segue adiando a definición do seu treito máis polémico
O Consello da Xunta autorizou este xoves a licitación por 21 millóns de euros do enlace inicial e un pequeno treito do corredor do Baixo Miño, unha estrada de altas prestacións pero dun só carril por sentido prometida por Feijóo cando era conselleiro de Fraga no marco do Plan Galicia da Xunta publicitado tras o afundimento do Prestige. Este é o segundo anunciou en apenas dez días realizado polo propio presidente dunha actuación xa comprometida hai case 17 anos, despois de que o martes da pasada semana fixese o mesmo, ante os alcaldes da zona, co arranxo da estrada que comunica Celanova e o suroeste da provincia de Ourense con Portugal, tamén incluída naquel Plan Galicia.
Dos 25 quilómetros da nova vía están rematados 10, outros 4 que quedaron a medio construír serán agora retomados e o pasado xullo a Xunta anunciou que outros 2 serán substituídos por unha “autovía urbana” con rotondas
A denominada Vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda comezou a ser deseñada en 2003 como alternativa á estrada autonómica convencional paralela ao último treito do río Miño pola que hoxe circulan preto de 15.000 vehículos ao día. Pero década e media despois dos 25 quilómetros que ía ter só están en servizo, desde xullo de 2014 e tras o investimento duns 60 millóns de euros, os 10,2 quilómetros finais, entre A Guarda e Goián, no concello de Tomiño, nas proximidades da ponte internacional que conecta coa portuguesa Vila Nova de Cerveira. Tamén se iniciaron as obras no outro extremo da vía, nos seus 3,9 quilómetros iniciais nas proximidades de Tui, cuns 28 millóns de euros de orzamento, pero a comezos desta década os traballos quedaron a medias ao tempo que a Xunta argumentaba que coa crise non tiña cartos para acometer toda a nova infraestrutura.
Feijóo definiu a obra como “un trazado complexísimo, dunha enorme complexidade técnica, estamos falando dunha rotonda en altura” e presentouna como un “avance na cohesión territorial de Galicia”
É nese primeiro treito onde agora a Xunta licitará obras por 21 millóns de euros para conectalo coa estatal A-55 Vigo-Portugal a través dunha rotonda elevada da que partirán tanto o tronco principal do primeiro treito do corredor autonómico como un enlace coas estradas convencionais e o polígono empresarial da zona. Este xoves Feijóo definiu a obra como “un trazado complexísimo, dunha enorme complexidade técnica, estamos falando dunha rotonda en altura” e presentouna como un “avance na cohesión territorial de Galicia”.
A Xunta ten pendente de definir o trazado do corredor no seu treito intermedio, que recibíu protestas dunha e outra veciñanza afectada que reclamaban que fose “polo río” ou “polo monte”
Pero o Goberno galego aínda ten pendente de definir o trazado do corredor no seu treito intermedio, entre o que agora se impulsa e o xa inaugurado en 2014. Neses dez quilómetros, aparcados desde hai anos, a presenza do río Miño e da estrada convencional actual coas súas marxes moi urbanizadas só deixa dúas posibilidades para a nova infraestrutura. Ou entre as vivendas e o monte, onde afectaría a importantes espazos agrícolas e viñedos da denominación de orixe Rías Baixas na subzona do Rosal, ou entre as vivendas e o río, con impacto ambiental e efecto barreira.
Un e outro trazado obtiveron sucesivas protestas dunha e outra veciñanza afectada que reclamaban que a nova estrada fose “polo río” ou “polo monte” en función dos intereses de cada bando. Ata o momento a Xunta só foi quen de atopar solución para dous deses quilómetros, proposta presentada o pasado xullo pero aínda pendente de levarse á práctica. Consiste en renunciar a executar nesa zona a nova infraestrutura e, pola contra, transformar a estrada convencional actual no que denomina “autovía urbana”, engadíndolle un carril por sentido e colocando unha rotonda na metade dos seus dous quilómetros de lonxitude.