Hai dez días Feijóo anunciou aos alcaldes da zona que antes de rematar o ano licitaría o proxecto para mellorar a estrada de Celanova a Portugal, pero este luns ese paso administrativo excluíu as dúas variantes
Hai dez días o presidente Feijóo recibiu en Santiago a varios alcaldes do suroeste da provincia de Ourense e anunciou que antes de rematar o ano a Xunta licitaría a redacción do proxecto técnico necesario para mellorar a estrada OU-540, que comunica Celanova coa fronteira portuguesa á altura do parque natural do Xurés. Esa actuación xa a prometera el mesmo como conselleiro de Fraga en 2003, no marco do Plan Galicia publicitado pola Xunta tras o afundimento do Prestige. A licitación fíxose oficial este luns, pero nela o Goberno galego xa non contempla que entre as obras de mellora da estrada se inclúan circunvalacións ou variantes de trazado ao seu paso por Bande e Verea, dúas obras que volven ser postergadas.
A Xunta vai executar 8 novos quilómetros de terceiro carril para adiantamentos e mellorarase o trazado con rectificación de curvas en 4 quilómetros, cun investimento duns 9 millóns de euros
Ao tempo que a Xunta facía oficial a licitación, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, desprazábase este luns ata Lobios para publicitar alí o paso administrativo dado. Segundo salientou, dos 34 quilómetros que ten a estrada convencional actual entre o remate da autovía Ourense-Celanova, inaugurada en 2014, e a fronteira de Portugal, vanse executar 8 novos quilómetros de terceiro carril para adiantamentos, que unidos aos 7 xa existentes farán que o 44% do percorrido ofrezan esa posibilidade. Tamén se mellorará o trazado “sumando 4 quilómetros e medio de rectificación de curvas". En total, a Xunta estima que a obra custará uns 9 millóns de euros.
Malia que a actuación xa contaba desde 2005 con declaración de impacto ambiental, a Xunta terá que iniciar unha nova en 2020
Porén, na documentación incluída na licitación indícase expresamente que a obra non incluirá as variantes de Verea e Bande, “que serán obxecto de actuacións independentes”. Esa documentación tamén lembra que tanto as variantes como as actuacións no resto da estrada xa contaban cun proxecto técnico como o que agora volve encargar a Xunta. Igualmente, o Goberno galego chegara a realizar en 2005 a avaliación do impacto ambiental da obra, pero agora a propia Consellería de Infraestruturas admite que en 2020 haberá que volver a “iniciar a tramitación ambiental”.
Isto é, aínda deberán pasar anos, mentres se redacta o proxecto técnico agora encargado, se avalía ambientalmente a obra e se contratan e executan os traballos, ata que o suroeste da provincia de Ourense poida ver mellorada a OU-540, na que as variantes de Bande e Verea volven ser adiadas.