A principal promesa para a reactivación turística da Costa da Morte tras a catástrofe do Prestige inaugúrase oficialmente polas autoridades vinte anos despois do afundimento do petroleiro con discursos que gaban a súa sostibilidade e respecto pola contorna natural
O Plan Galicia co que o Goberno de José María Aznar pretendeu compensar a catástrofe ambiental do afundimento do Prestige en novembro de 2002 tiña como principal promesa, no eido da reactivación turísitica, a construción dun Parador na Costa da Morte. O proxecto tardou en comezar a súa andaina, pois o concurso público non se convocou ata o ano 2008, posteriormente foi paralizado polo PP no seu regreso á Xunta e non foi desbloqueado ata dous anos máis tarde.
A primeira pedra do Parador de Muxía colocouse en 2011, e apenas un ano despois a obra paralizouse polo Ministerio. Modificouse o proxecto, reduxéronse as prazas de 80 a 60 e retomáronse as obras para 2016, con sobrecustos que o elevaron ata os 27 millóns de euros. O edificio quedou listo en decembro de 2019, pero o establecemento funciona desde o 25 de xuño de 2020, xa que a súa apertura atrasouse pola irrupción da pandemia do coronavirus. Este sábado, máis de dous anos despois, foi inaugurado oficialmente.
A ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, sinalou neste acto inaugural que o Parador de Muxía é "un símbolo do desastre ecolóxico que supuxo o Prestige, do que se cumpren 20 anos". Aínda que matizou que o espazo "representa todo o contrario" ao tratarse dun "edificio sostible medioambientalmente que se fusiona coa contorna natural". "A pesar desta triste efeméride, hoxe podemos celebrar o éxito deste Parador que, desde a súa apertura en xuño de 2020, converteuse no duodécimo establecemento da rede de Paradores en Galicia, o que reforza o compromiso desta rede do Estado co desenvolvemento económico e social de Galicia", sostivo.
Maroto salientou que o Parador é "un símbolo do desastre ecolóxico" do Prestige pero "representa todo o contrario"
Na inauguración oficial, que chega no vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige e cando o establecemento leva funcionando máis de dous anos, tamén participaron o delegado do Goberno central en Galicia, José Manuel Miñones; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o presidente de Paradores, Pedro Saura; e o alcalde de Muxía, Iago Toba; así como outras autoridades e representantes turísticos e empresariais da zona, segundo informa a Delegación do Goberno.
Para a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, esta edificación situada na praia de Lourido é "un símbolo da imaxe e a promoción de Galicia" no exterior. "Unha imaxe dun turismo e unhas instalacións baseadas non soamente na excelencia, senón tamén na protección do patrimonio cultural, natural e artístico con especial coidado no medio ambiente e a preservación da biosfera", destacou.
Pola súa banda, Valentín Formoso, presidente da Deputación da Coruña, aseverou que o Parador de Muxía é "un dos elementos de cohesión da comarca ante unha catástrofe como a do Prestige”. Formoso tamén celebrou o cambio no marco lexislativo europeo que chegou despois do afundimento do pretroleiro: "Imaxinádevos cantas catástrofes se evitaron desde aquel momento, non sen antes moito esforzo para implementar esta medida na frota europea”.
Desde a entidade pública Paradores, o seu presidente, Pedro Saura, asegurou que desde a súa apertura o establecemento de Muxía converteuse "nun dos máis solicitados, colgando o cartel de 'completo' durante tres veráns seguidos”. O arquitecto Alfonso Penela, autor do proxecto orixinal, ideou un edificio con arquitectura do século XXI completamente integrado nas terrazas e cubertas vexetais da ladeira. O edificio finalmente construído conta cunha superficie habitable de 15.000 m2 e 63 cuartos con terraza que dan á praia de Lourido.