A conselleira de Infraestrutura salienta o seu propio traballo “con responsabilidade para mellorar a mobilidade desta comarca”
Hai agora once anos o PP chegaba á Xunta cun programa electoral no que prometía textualmente unha “Autovía do Norte Ferrol-San Cibrao (posta en servizo 2012)”. Era un paso máis sobre a promesa xa incluída polo propio Feijóo como conselleiro no Plan Galicia tras o Prestige de facer unha vía de novo trazado que recorrese toda a costa norte galega. Máis dunha década despois só hai en servizo, e con características de corredor, cun só carril por sentido e non dous como as autovías, apenas 16 quilómetros dos 80 que separan as dúas poboacións da costa norte galega. Diversas melloras anunciadas nos últimos tempos para as estradas convencionais da zona evidencian que a autovía non será un proxecto que os populares impulsen a curto prazo.
Este martes a Xunta anunciou a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da aprobación do proxecto de “acondicionamento” da estrada AC-566 entre Valdoviño e Cedeira, unha obra de 4,6 millóns coa que se ampliará a calzada e rectificarán curvas nuns catro quilómetros. O proxecto foi exposto ao público a finais do pasado ano xunto coa “1ª fase de mellora” doutra estrada paralela entre Ferrol e a costa norte, a AC-862, cuxo arranxo fora anunciado ano e medio antes como a solución que ofrecía a Xunta ás comarcas de Ferrolterra e Ortegal como alternativa á autovía aparcada. Tamén alí as actuacións, por 10 millóns de euros, consistirán na rectificación de curvas e ampliacións da calzada coa habilitación de carrís de adiantamento.
Dos 80 quilómetros de autovía prometidos só hai en servizo 16 de corredor cun só carril por sentido
A propia conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, desprazouse o domingo ata a zona, non como parte da súa axenda oficial senón como un acto de partido, para visitar as paradas de autobús recentemente instaladas na AC-862, estrada de cuxas obras salientou que suporán unha “radical mellora”. Alí tamén criticou o Goberno central polo deterioro da liña de Feve entre Ferrol e A Mariña e contrapúxoo co seu propio traballo “con responsabilidade para mellorar a mobilidade desta comarca”.
A Xunta renunciou a estudos xa realizados para encargar outros novos, entre eles o dunha ponte sobre a ría de Viveiro
A Xunta vén alternando os anuncios de melloras nas estradas convencionais da zona con diversas promesas de futuro sobre a vía rápida, cuxas partidas en todo caso veñen sendo postergadas nos sucesivos orzamentos galegos. O anuncio de marzo de 2018 sobre as melloras na AC-862 produciuse ao tempo que o Goberno galego decidía desbotar os estudos previos xa realizados para dous treitos do futuro corredor, en Viveiro e San Sadurniño, e encargar outros novos. No caso da primeira vila, para modificar o seu trazado previo polo sur da vila para substituílo por unha ponte sobre a ría polo norte.
Mentres, dos 80 quilómetros inicialmente previstos daquela prometida autovía, nestes 11 anos a Xunta de Feijóo só foi quen de poñer en servizo dous treitos que suman 16 quilómetros: a circunvalación de Ortigueira, en 2013, e o San Cibrao-Viveiro, en 2017, licitado oito anos antes polo bipartito e inaugurado con tres anos e medio de atraso.