De "ocultar siglas" ao "dream team" da política municipal: as eleccións de maio centran a axenda dos partidos

De esquerda a dereita, Valentín Formoso (PSdeG), Ana Pontón (BNG) e Alfonso Rueda (PPdeG) CC-BY-SA Fotos: PSdeG/BNG/PPdeG Montaxe: Praza.gal

Rueda na convención do PP en Valencia, Pontón no Consello Nacional do BNG e Formoso reunido para elaborar a ponencia marco do PSdeG para as municipais. O 28 de maio é unha cita clave para as formacións galegas, que miran a 2024 e os comicios ao Parlamento

Este sábado o presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, acudiu a Valencia para asistir á Convención Intermunicipal do PP que reúne a Feijóo con Aznar e Rajoy. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presidiu a reunión do Consello Nacional da formación nacionalista, na que tivo moito peso a estratexia cara ás municipais. E o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presidiu a primeira xuntanza para a elaboración da ponencia marco dos e das socialistas galegas para os vindeiros comicios. 

A pouco máis de cen días para que chegue o momento de votar o 28 de maio, as eleccións ocupan a axenda dos partidos. No caso do PPdeG, Alfondo Rueda insistiu na confrontación directa desde Galicia con Pedro Sánchez, a quen a 'número dous' do partido –e directora da campaña das municipais– converteu en "síndrome" esta semana. "A tendencia que estamos a ver nos candidatos e candidatas do PSOE, polo menos en Galicia, e supoño que no resto de España, é tentar ocultar, en moitos casos, as siglas e mesmo a relación co seu partido, pero non poden facernos esquecer", salientou Rueda, coñecedor da estratexia de Feijóo nas carreiras electorais de identificarse coa Xunta (ou co país) e nunca co partido. "Cada voto ao PSOE nas municipais en Galicia é un voto a Sánchez", concluíu.

Representantes do PP galego na Convención Intermunicipal do PP en Valencia CC-BY-SA PPdeG

Rueda insiste en confrontar con Sánchez e acusa os socialistas galegos de "tentar ocultar, en moitos casos, as siglas e mesmo a relación co seu partido"

Cos malos resultados acadados polo PP nos comicios locais de 2019, Rueda puxo en valor os concellos nos que goberna o seu partido e "a estabilidade, o sentidiño e a tranquilidade que dá non ter que estar a ceder a outros socios de goberno e só ter que atender aos compromisos". Falando en clave estatal, o líder dos populares galegos criticou que desde o Goberno central "veñen a Galicia a facer turismo electoral e a falar mal de Núñez Feijóo", mais di que non atenden ás reclamacións do país. "Nada se consulta, pídennos alegacións, nós, por suposto, facemos suxerencias que logo nunca son tidas en conta e logo reúnennos para dicirnos 'isto é o que hai", salientou Rueda, quen enviou a Sánchez as súas peticións para a última Cimeira Ibérica o día antes ás sete da tarde.

Pontón afirma que o BNG conta co 'dream team' da política municipal e apunta que "cada voto" aos nacionalistas "vai facer que estea máis cerca o cambio"

Na primeira reunión do Consello Nacional do BNG do ano, Ana Pontón marcou como prioridade "estender o modelo do BNG a máis concellos" e ofrecer "un horizonte de esperanza" aos galegos e galegas que teñen claro que "é necesario un cambio de rumbo á fronte do goberno galego". Cos comicios locais como un chanzo previo ás eleccións ao Parlamento, a formación nacionalista aprobou a estrutura e o modelo de campaña e debateu as liñas centrais do seu modelo municipal. 

"O  BNG conta co dream team da política municipal cun proxecto transformador e de vangarda que mellora a vida das persoas, crea progreso e benestar e baseado no potencial que temos neste grande país", afirmou Pontón, para engadir que se trata dunha política "de prestixio e de referencia" que "transforma os concellos, pon as persoas no centro e por iso recibe premios a nivel internacional".

Reunión do Consello Nacional do BNG CC-BY-SA BNG

A portavoz nacional do BNG apostou por "deixar atrás a desfeita que nos deixa o PP", cun executivo "ao servizo das eléctricas, da grande banca e de estratexias electorais dependentes de Madrid, desleais con Galiza e coa sociedade galega", e asegurou que "cada voto ao BNG vai facer que estea máis cerca o cambio galego".

Ao remate do Consello Nacional da formación nacionalista, Pontón trasladou unha proposta para que a Xunta cree un "fondo de rescate hipotecario" destinado ás persoas con rendas medidas e baixas que estean pagando unha hipoteca. "Un fondo de rescate sufragado nun 75% pola banca que, na práctica, supón fixar un tope nos intereses", defendeu. 

Formoso di que no PSdeG están "cargados de ilusión" e que as eleccións van "servir de plataforma para cumprir o ansiado soño da sociedade galega dun cambio na Xunta en 2024"

Pola súa banda, Valentín González Formoso fixou uns "obxectivos ambiciosos" para o PSdeG, que busca revalidar "o éxito das anteriores municipais" para "seguir sendo a forza que goberne á maioría dos galegos e galegas". O secretario xeral incidiu na xuntanza coas 26 ponentes da estratexia marco do partido, que estarán coordinados polo presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que os socialistas afrontan o reto electoral "cargados de ilusión".

Xuntanza da ponencia marco do PSdeG cara ás municipais o 4 de febreiro de 2023 CC-BY-SA PSdeG

Para González Formoso é importante ofrecer resistencia ao PP dende os concellos nestas municipais, para "evitar que sigan desmantelando a sanidade pública", así como para "reter o talento a través de ofertar un país mellor, máis dinámico e con máis forza e moral para a mocidade" dende o ámbito local. Mostrouse confiado en que o PSdeG acadará "uns resultados magníficos" que van "servir de plataforma para cumprir o ansiado soño da sociedade galega dun cambio na Xunta en 2024".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.