Ana Miranda e Nicolás González Casares censuran nunha nota de prensa a participación de cargos institucionais e do partido nun acto en Bruxelas mentres a institución que debera representar á Xunta ante a UE non mantén contacto cos outros representantes galegos
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o do PSdeG, Nicolás González Casares, emitiron este xoves unha nota de prensa conxunta na que critican “a instrumentalización que a Xunta e o PPdeG fan da Fundación Galicia Europa, unha entidade que debera ser a voz de Galiza ante as institucións comunitarias, pero que os populares utilizan para facer turismo en Bruxelas”.
Así reaccionan Miranda e González Casares á visita realizada esta semana por cargos do PPdeG á fundación, na que se mesturou “a presenza de cargos do partido e cargos institucionais como a do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea”, responsable directo da propia fundación. “As institucións galegas merecen respecto, non usos espurios”, criticaron a nacionalista e o socialista.
Tanto Miranda como Casares sinalaron que o Goberno do PP debera utilizar a Fundación Galicia-Europa “como unha vía para defender os intereses de Galicia ante as institucións comunitarias”. Sen embargo, lamentan, “falta a primeira vez que a Fundación fixera chegar aos eurodeputados galegos un posicionamento ante unha directiva ou regulamento europeo a pesar de que o Parlamento Europeo é colexislador en pé de igualdade co Consello e decide sobre materias con impacto directo nos sectores produtivos do país”.
“En vez de fomentar e coidar unha rede de influencia galega ante as institucións comunitarias para beneficio do país, o PP limítase a organizar viaxes turísticas dos seus cargos e a poñer a disposición do partido institucións públicas pagadas por todos”, concluíron.