En cumprimento do acordo da coalición Agora Repúblicas, coa que o BNG concorreu aos comicios comunitarios de 2019 xunto a ERC e EH-Bildu, Ana Miranda tomou posesión esta semana da súa acta de eurodeputada, que ostentará ata o remate da lexislatura na primavera de 2024. Malia que leva presentando iniciativas dende o inicio da lexislatura, contar con escano propio supón "ter máis peso" e poder de decisión nun momento "moi difícil", pero que aborda "coa mesma ilusión ou máis" que cando aterrou en Bruxelas.
"É o momento máis complicado da historia de Europa dende a crise de 2008 e probablemente dende a creación da UE"
Guerra en Ucraína, crise de prezos, crise enerxética, auxe da extrema dereita... É este un dos momentos máis complexos na UE?
É o momento máis complicado da historia de Europa dende a crise de 2008 seguro e probablemente dende a creación da UE. É unha situación moi complexa porque hai moitos factores que coinciden: un conflito bélico, desabastecemento, empobrecemento da poboación pola inflación, un impás na loita contra o cambio climático, un incremento no auxe extrema dereita -que ademais cuestiona todo- unha ausencia de humanidade total no tema dos refuxiados... Así como no BNG estamos felices por volver ao escano e a oportunidade que supón para que Galicia teña voz directa, tamén somos responsables e conscientes de que este é un momento moi difícil para entrar no Parlamento Europeo.
Será máis difícil situar outros temas na axenda política?
Destacar os temas galegos neste marco xeral vainos obrigar a facer moito máis esforzo que nas lexislaturas anteriores porque só se fala da guerra e da cuestión enerxética, que nos afectan tamén, pero hai temas como a agricultura, a pesca ou outros que imos ter que traballar moito para situalos na axenda. Vivimos nun contexto totalmente anormal e excepcional co risco de se torne en normalidade. E ocorre, ademais, cando Europa está ausente.
No que ten que ver coa crise enerxética, a UE parece non estar tan ausente á vista das últimas medidas. Fai faltan máis medidas?
Desde logo, fan falta medidas de intervención do mercado eléctrico. A Comisión vén de facer unha emenda á totalidade, asumindo o que nós levamos dicindo ao Estado ou en Europa moito tempo: que hai que intervir no mercado para que estas multinacionais non acaben pactando os prezos e actuando como sabemos que fan. Logo, ademais, hai unha estratexia de pacto verde na UE que non está tendo en conta a situación que se dá nalgúns territorios. Vémolo no caso de Galiza cos eólicos: baixo o paraugas da enerxía renovable, tan necesaria e tan imprescindible nestes momentos, promóvense modelos megaeólicos que tamén van en contra doutros sectores produtivos, como agricultura ou a pesca en Galicia.
"Fan falta medidas de intervención do mercado eléctrico; a Comisión fai unha emenda á totalidade, asumindo o que no BNG levamos dicindo hai tempo"
Non parece fácil compaxinar a demanda de máis enerxías renovables coa oposición rotunda a algúns proxectos. É o modelo eólico elixido o que se critica?
A Comisión Europea promove un incremento da enerxía eólica e das enerxías renovables baixo un paraugas do pacto verde europeo e tendo en conta o desabastecemento ao que nos enfrontamos. Niso, o BNG está de acordo e tívoo claro sempre. O que criticamos profundamente da UE é que, baixo esa escusa, faga un uso colonialista do modelo de implantación de parques, empregando a lei como unha trampa a través da súa fragmentación, introducíndoos en Rede Natura ou en zonas onde poden supor un problema para outros sectores produtivos ou permitindo e fomentando os plans de empresas amigas do Partido Popular. Nós cremos que os proxectos eólicos e a vida e a economía no rural galego son conciliables se hai unha regulación e normativa clara que exclúa certas zonas. Co que non estamos de acordo é con este modelo de megaparques nos que, ademais, na súa tramitación hai unha ausencia clara de participación cidadá e de debate e onde a falta de información ou da necesaria avaliación ambiental son mecanismos que serven para tiralos para diante máis axiña. Ademais, é obvio que hai casos nos que se incumpre a normativa europea, que é Dereito interno que as comunidades autónomas e o Estado deben asumir.
O que parece claro é que a reacción da UE a esta crise ou á pandemia non tivo moito que ver á que tivo coa crise de 2008...
Non, pero a UE está chegando tarde. Coa pandemia houbo medidas relativamente rápidas e eficaces, algo que non está acontecer agora. Hai que ter en conta que a COVID supuxo un parón económico ao que logo se veu sumar un conflito bélico, o aumento da inflación... Non é novo que a UE reaccione tarde, porque adoita facelo, pero hai institucións europeas que si fan cousas rapidamente se se trata de subir tipos de interese, por exemplo. Europa nestes momentos está en decadencia; o actual modelo da UE está en decadencia, non é a Europa que precisa a cidadanía, a que non pode quentarse nas casas ou a que non dá pagado as facturas. En Europa hai importantes problemas, como o da vivenda ou o dos prezos, aos que hai que reaccionar de maneira máis áxil. E non o digo só como unha denuncia, senón tamén porque esta é a impresión que se ve e respira e que eu levo vivindo na Eurocámara nos últimos meses.
"A UE está chegando tarde á crise enerxética e de prezos; hai que reaccionar dunha maneira máis áxil"
Debe actuar máis a UE contra os problemas sociais?
Os problemas sociais estaban de antes da pandemia, a COVID agravounos e a inflación estaos multiplicando. Como se deixan as competencias nos Estados membros e hai unhas grandes diferenzas entre eles, Europa non dá reaccionado aos problemas sociais. Aquelas estritas regras económicas e financeiras que nos aplicaron nos últimos anos, sobre todo a partir de 2008, tiveron unhas consecuencias de aumento de desregulación, de límites para as pensións ou de desestabilización dos servizos públicos. E isto provoca que agora, co agravamento da situación, teñan un efecto devastador na sociedade, tamén, por suposto, na sociedade galega. Non se levaron a cabo medidas sociais paralelas.
Si houbo unha morea de fondos extraordinarios para a recuperación...
Os fondos extraordinarios, os Next Generation pero moitos máis, non están servindo para recuperar a economía e crear emprego, senón para rexenerar algunhas multinacionais que se están beneficiando deles. Aquí o BNG vén exercer un mandato para o pobo galego, para a clase traballadora e para os sectores produtivos, pero non para esas grandes compañías. As medidas económicas non serviron para paliar os efectos da crise ou das múltiples crises que sufrimos. A UE non fixo ben a lectura: nos países do sur xa estabamos asumindo regras moi leoninas, regras do Banco Central avaladas pola Comisión e o FMI, e agora hai moitos cartos a través de fondos que non chegan ás casas, ás familias, aos pequenos comerciantes, ás praceiras, ao sector pesqueiro... Falla o modelo de confección, falta flexibilidade. É unha UE descompensada e así non vale.
Falla a xestión deses fondos?
O problema é que hai moitos fondos para paliar a crise económica pero é a distribución a que provoca que non cheguen a onde teñen que chegar, sobre todo no que ten que ver na xestión que se fai nos Estados. En España, por exemplo, o modelo é moi centralizado e iso afecta a Galicia. Temos moitos sectores produtivos ou industriais aos que non chegan estes fondos e a Xunta segue empregándoos para beneficiar certas empresas. Precisamos unha análise máis fonda sobre o que se necesita, sobre como distribuír estes fondos.
Dá a impresións, ás veces, que a imposibilidade de poñer de acordo aos Estados dificulta moitas medidas necesarias desde a UE, que falta axilidade ou unión...
Está claro que no Consello Europeo quen manda son os Estados e cadaquén vai polo seu interese, como se puido ver co tema do mercado eléctrico e a excepción ibérica. Porque esta UE está fracasada tal e como está concibida: nin é federal, nin confederal, senón que segue a depender dos Estados e cunha Comisión moi feble. Non digo que tivese que ser máis forte, pero é que logo, ademais, asume unhas competencias coa escusa da crise económica ou enerxética, coa que está a centralizar competencias dos Estados ou mesmo doutros territorios. É un problema extra cando non se ten un enfoque social.
"Traer os problemas a Bruxelas non é a panacea, pero é certo que moitas veces iso forza a que o Estado ou a Xunta cumpran"
Durante todos estes anos traballando na Eurocámara, vostede levou a Bruxelas moitos problemas desde Galicia que acabaron tendo relevancia ou mesmo solución a través das institucións europeas. É a UE a salvagarda de moitos colectivos?
No caso do BNG, a presenza no Parlamento Europeo permítenos que Galiza conte con outra voz europea para todos os temas de interese, así como para traer aquí a Bruxelas temas que lle competen ou nos que ten responsabilidade a UE. É certo que moitos colectivos e organizacións sectoriais, sociais ou medioambientais ven que a Eurocámara serve tamén de caixa de resonancia, é como unha ponte que logo obriga o Goberno do Estado ou a Xunta a cumprir. Pasou co saneamento das rías, porque non tivese sido posible sen a presión exercida aquí. Moitos problemas deberían solucionarse en Galicia, pero sabemos que en moitos casos as administracións non escoitan as demandas de moitos colectivos. E son estes colectivos os que veñen aquí esperanzados porque din que aquí si escoitan as súas demandas ou as súas problemáticas. Non creo que sexa a panacea para a solución traer certos temas, pero si que é verdade que moitas veces facelo forza a que o Executivo estatal ou a Xunta cumpran ou sexan apercibidos.
Na súa presentación como parlamentaria dixo que a procura da "verdade" sobre o accidente de Angrois, a defensa das vítimas do sinistro do Villa de Pitanxo, temas ambientais ou a loita contra a precariedade laboral serían a súa prioridade... Neste contexto de crise enerxética e guerra, prevé máis dificultades para afrontalos?
Vai esixir máis esforzo para que se vexan e se atendan, en Galicia hanse ter en conta pero o importante é que se teñan en conta aquí. O de Angrois é un tema, por exemplo, que segue aberto e o inicio do xuízo será tamén unha oportunidade importante para presionar a Comisión. Os temas de pesca van ser moi importantes... Imos ser un escano moi galego, nun contexto difícil por todas as crises que estamos a pasar, pero con Galiza sempre por diante. Sempre tivemos presenza, pero o feito de ter escano supón ter máis peso porque temos posibilidade de voto en decisións tan importantes como os orzamentos comunitarios ou porque somos membros titulares na Comisión de Pesca ou de Peticións. Ser europarlamentaria tamén supón ter máis voz para loitar pola pluralidade informativa en Galiza e contra a extrema dereita. Afronto este período con moita ilusión, con moita forza e con máis experiencia, o que me vai axudar a ir máis ao gran, facer as cousas máis rápido e poñer os temas en axenda como sexa. Teño a mesma ilusión ou máis que cando empecei aquí.