O BNG volve ter escano de seu no Parlamento Europeo. En cumprimento do acordo da coalición Agora Repúblicas, coa que a formación soberanista concorreu aos comicios comunitarios de 2019 xunto a ERC e EH-Bildu, Ana Miranda vén de tomar posesión da súa acta de eurodeputada, que ostentará ata o remate da lexislatura na primavera de 2024.
Tras completar os trámites de obtención da acta no Congreso, este martes volveu á sede da Eurocámara en Bruxelas acompañada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para comparecer na sala Anna Politoskaya ante os medios xa como eurodeputada. Ambas fixaron as prioridades do Bloque para un traballo que "non empeza hoxe", enfatizan -Miranda vén presentando iniciativas a través da coalición dende o inicio da lexislatura-, pero que agora realizará de xeito directo fixando entre as súas prioridades a loita contra a crise de prezos e a procura da "verdade" sobre o accidente de Angrois.
"Comprometémonos a traballar sen pausa para que Galiza sexa escoitada na Eurocámara; non vimos defender as transnacionais, senón ao pobo galego", ilustra a eurodeputada, que se incorpora como titular á comisión de Pesca e mais á de Peticións, esta última destinada a canalizar as solicitudes da cidadanía e onde no pasado xa achegou reivindicacións como as das vítimas do Alvia ou das enfermeiras eventuais.
Miranda será eurodeputada ata o remate da lexislatura en 2024 e exercerá como titular na comisión de Pesca e mais na que canaliza as peticións cidadás. "Galiza gaña un escano", subliña Ana Pontón en Bruxelas
En todos estes ámbitos, Miranda sinala que na sú axenda haberá tamén outros asuntos como a defensa das vítimas do sinistro do Villa de Pitanxo e as súas familias, "temas ambientais", a "loita contra a precariedade laboral", a denuncia do "racismo e o neofascismo" ou o pulo fronte á "manipulación informativa". Participará, asemade, na comisión de política rexional -que aborda, entre outros asuntos, a xestión dos fondos europeos- ou na subcomisións de dereitos humanos. Todo, dende o grupo parlamentario da Alianza Libre Europea.
Ao xuízo de Miranda, volver exercer como eurodeputada é tanto como "recuperar o escano para Galiza", argumento que defende tamén Pontón. O BNG, sinala a líder da formación soberanista, seguirá a exercer ante as institucións europeas como "voz libre e soberana para defender as maiorías sociais", agora nun "escenario económico, político e social moi complicado" por mor da "maior crise de prezos en 40 anos".
Neste sentido, afirma Pontón que o Bloque defenderá no Parlamento Europeo dun xeito "alto e claro" por "frear a guerra" na Ucraína, mais tamén por "unha saída xusta" á crise de prezos. As medidas actuais, di, "son insuficientes, non están servindo para paliar as consecuencias da guerra". Tamén neste ámbito, asegura, a cidadanía "pode contar co BNG" e co "ímpeto, enerxía e entusiasmo" de Ana Miranda na Cámara de Bruxelas e Estrasburgo.