Os grupos do Parlamento Europeo cambian varias veces por lexislatura e os deputados teñen liberdade de actuación, polo que formar parte deles non significa votar o mesmo
Cambian varias veces ao longo da lexislatura, agrupan a partidos que en cada Estado poderían considerarse opoñentes e os seus deputados teñen liberdade de actuación, polo que formar parte deles non significa votar o mesmo. Son os grupos políticos do Parlamento Europeo, que polas súas características tras as eleccións do 26M, e segundo as coalicións que desta volta se presentan aos comicios, poderían unir baixo unhas mesmas siglas europeas a BNG e En Comú Podem, a En Marea con Podemos ou a Compromiso con Ciudadanos.
O principal requisito para crear un grupo político no Parlamento Europeo é que estea conformado por polo menos 25 deputados procedentes da cuarta parte dos Estados membros da UE. Na pasada lexislatura europea constituíronse oito grupos, que poderían non ser os mesmos tras as eleccións do 26M pero cuxa composición axuda a entender o cruce de alianzas e a flexibilidade da política na Eurocámara:
Grupo do Partido Popular Europeo
Actualmente ten 216 deputados, 16 deles do PP.
Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas
Ten 185 deputados, entre eles os 14 do PSOE, ao que as enquisas apuntan como gañador das eleccións en España cunha importante suba, ata os 18 escanos.
Grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos
Con 77 deputados, nel están entre outros o Partido Conservador británico ou o polaco Lei e Xustiza.
Grupos da Alianza dos Demócratas e Liberais por Europa (Alde)
Con 69 deputados, nel están os dous deputados de Ciudadanos. Pero tamén o PNV, que nestas eleccións preséntase en alianza con Coalición Canaria e Compromiso por Galicia baixo o nome Coalición por unha Europa Solidaria.
Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea / Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Con 52 escanos, nel están os eurodeputados de Podemos e Esquerda Unida, pero tamén estaba ata agora a eurodeputada galega Lidia Senra, que obtivo o seu escano en 2014 como quinta na lista da coalición A Esquerda Plural impulsada a nivel estatal por Esquerda Unida e, en Galicia, a xeito de reedición do acordo entre esa formación e Anova (á que pertencía Senra), que conformara Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Agora Senra é candidata por En Marea na coalición Compromiso por Europa que lidera o valenciano Compromís, formación que no Parlamento Europeo se encadra no Grupo dos Verdes Europeos / Alianza Libre Europea. Pola súa banda, na actual alianza de Podemos e Esquerda Unida tamén participa Catalunya En Comú Podem, que opta tamén polo Grupo dos Verdes Europeos / Alianza Libre Europea.
Grupo dos Verdes Europeos / Alianza Libre Europea
Con 52 deputados, neste grupo está encadrada a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que volve concorrer ás europeas na coalición Agora Repúblicas con ERC e Bildu. Porén, mentres a formación catalá tamén compartía este mesmo grupo, Bildu optou na anterior lexislatura por formar parte do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea / Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), o de Lidia Senra. O relevo no mesmo escano que se deron o eurodeputado de Bildu Josu Juaristi e Ana Miranda hai ano e medio, froito do seu acordo previo para repartirse o tempo da lexislatura, foi un exemplo do variables que son os grupos europeos, xa que con ese feito o grupo da Esquerda Unitaria Europea perdeu un deputado e gañouno o dos Verdes.
Grupo Europa da Liberdade e da Democracia Directa
Con 42 escanos, neste grupo euroescéptico están deputados do Movemento 5 Estrelas italiano ou do Partido da Independencia do Reino Unido (UKIP).
Grupo Europa das Nacións e das Liberdades
Con 36 deputados, nel está a italiana Liga Norte e algún membro do UKIP.
No Parlamento Europeo hai ademais outros 20 eurodeputados non inscritos en ningún grupo político, entre eles o ultradereitista francés Jean-Marie Le Pen.