Pesca, Brexit ou Angrois: os intereses dos candidatos galegos ás europeas

Millán Mon (PP), González Casares (PSOE), Miranda (BNG), Senra (En Marea), Angustia (Unidas Podemos) e Piñeiro (CxG), candidatos galegos ao Parlamento Europeo CC-BY-SA Praza Pública

Os aspirantes galegos de PP, PSOE, BNG, En Marea, Unidas Podemos e Compromiso ao Parlamento Europeo responden sobre cales serían as súas liñas de traballo no caso de ter escano e a súa visión da política comunitaria

As eleccións europeas que se celebran conxuntamente coas municipais do próximo domingo 26 de maio son de circunscrición única de ámbito estatal, pero nelas tamén hai candidatos galegos, sexa porque forman parte de partidos estritamente galegos que se presentan en coalición con outros do resto do Estado ou porque os propios partidos de ámbito estatal os sinalan como a cota galega das súas listas. Praza Pública quixo coñecer a visión sobre a política comunitaria e as liñas de traballo que seguirán no caso de obter escano dos candidatos galegos máis representantivos das principais forzas políticas, aos que remitiu un cuestionario:

O Parlamento Europeo © Praza Pública
  • Dos múltiples ámbitos de traballo en que pode participar un eurodeputado, sexan temáticos (Política Agraria Común, Política Pesqueira Común, etc.) ou orgánicos (comisións sectoriais, delegacións para as relacións con outros ámbitos xeográficos, elaboración de informes ou opinións, etc.), en cal aspira a participar no novo Parlamento Europeo e por que o considera relevante para Galicia?

"Un só deputado non pode estar nas vinte comisións da Eurocámara, de aí a importancia de pertencer a grupos grandes; na última lexislatura Galicia non tivo un eurodeputado do PP, tivo dezaseis"

Millán Mon (PP): Galicia xógase moito nestas eleccións europeas. Hoxe en día, as decisións que determinan o futuro dos nosos gandeiros, da nosa frota pesqueira, do noso sector industrial ou do noso financiamento non se toman soamente en Santiago e Madrid, senón sobre todo en Bruxelas e Estrasburgo. Por esa razón na próxima lexislatura gustaríame continuar coma membro da Comisión de Pesca e seguir traballando polos intereses de todo o sector pesqueiro galego, e da industria transformadora e conserveira. Loxicamente, un só deputado non pode estar nas vinte comisións do Parlamento Europeo. De aí a importancia de pertencer a grupos grandes con capacidade de influencia. Nesta última lexislatura Galicia non tivo un eurodeputado do PP, tivo dezaseis, porque todos os eurodeputados populares exerceron de galegos cando tocou defender os intereses da nosa comunidade. Penso na miña colaboración con Luis de Grandes cando houbo que traballar pola inclusión de Galicia no Corredor Atlántico, con Esther Herranz na reforma da PAC ou con Ramón Luis Valcárcel cando conseguimos que se aprobasen emendas para que o envellecemento da poboación teña máis peso no reparto dos fondos estruturais. No eido non lexislativo, gustaríame continuar coa promoción europea dos Camiños de Santiago, en particular tendo en conta a proximidade do Xacobeo 2021.

González Casares (PSOE): Desde a miña humildade como probable representante no Parlamento Europeo o único que teño claro é que vou defender a Galicia, o meu país, e a miña máxima preocupación serán os seus sectores produtivos. Para min resultan moi relevantes todos os asuntos do agro, da pesca, pero tamén o relacionado coas infraestruturas, a política enerxética e tamén creo que temos que levar a Bruxelas a situación forestal de Galicia e a evidente substitución dos nosos bosques por un monocultivo sen control.

Miranda (BNG): Para o BNG é moi importante ter voz propia galega na Eurocámara, porque para nós Galiza é unha nación que ten que estar en todos os foros onde se decidan temas que non afecten. Mesmo coa nosa posición crítica coa UE máis europeísta coa defensa da Europa dos Pobos, é crical que Galiza conte con escano de seu no Parlamento Europeo. Demostramos, e dígoo con humildade, a utilidade, e creo que é especialmente importante estar nas Comisións de Pesca e Agricultura, para defender os intereses galegos nas negociacións dos fondos e a defensa dos nosos intereses; mais tamén na Comisión de Peticións, pola posibilidade que permite de levar temas moi diversos, desde a petición sobre as rías galegas até o caso do Alvia, pero tamén o problema das preferentes, da megaminaría, da sanidade pública, das pensións, dos mariñeiros galegos en Noruega, dos emigrantes retornados, da falla de pluralidade da RTVG, etc. O escano do BNG ten sido moi útil para estas plataformas para ser seu altofalante na Eurocámara. Mais como eurodeputada, caractericeime por estar defendendo cuestións galegas en todas as comisións onde se debatera un tema do país ou un tema de relevancia, xa fora na comisión de transporte para defender emendas do Corredor Atlántico, na de política rexional para defender que se incluíra o criterio demográfico e a loita contra o despoboamento, na de medio ambiente e saúde, de liberdades como a devolución do Pazo de Meirás ou a indecente posición da Europa fortaleza coas persoas refuxiadas; ou na de comercio internacional co TTIP; na de igualdade coa violencia de xénero e a a conciliación; na de educación e cultura na defensa da educación pública, de programas para a lingua galega, etc. 

Senra (En Marea): Todos os temas que se tratan no Parlamento Europeo son importantes para as mulleres, as persoas asalariadas, labregas, pescadoras, autónomos, en definitiva para todas as persoas traballadoras, por eso tratarei de facer un seguimento do maior número posible de comisións, independentemente de se formo parte delas ou non.

Angustia (Unidas Podemos): O reto de Unidas Podemos Cambiar Europa está en asumir a responsabilidade de achegar e abrir espazos, ata o momento pechados. O reto de saber que o noso traballo está en Galicia, polo que é vital trasladar as demandas directas da cidadanía coa fin de evitar que sexan os poderosos os que tomen as decisións e continúen a agravar as desigualdades que vivimos. Temos que poñer a Europa ao servizo da xente. Iso é a nosa prioridade. Dos ámbitos que mencionas, a clave é falar do modelo produtivo que queremos, do cambio de políticas en torno ao mundo rural, da industrialización, dun modelo de recursos enerxéticos sostibles que garantan emprego de calidade, sostibilidade fronte ao cambio climático, a recuperación da soberanía dos pobos e acabar coa fenda laboral: temos que seguir con forza a revolución feminista. 

Piñeiro (CxG): Evidentemente no eido das cuestións que afectan a Galicia, PAC e PPC. Pero tamén é prioritario as relacións con América do Sur e a lusofonía, sendo prioritario o galeguismo global, e a xente da diáspora. 

  • O Brexit vaise producir ou non? E que gaña e que perde Galicia con el?

Millán Mon (PP): Non me atrevo a facer ningunha predición sobre o Brexit, xa que semella que nin sequera a señora May sabe ben que vai pasar. Si creo que o Brexit é unha mala nova para todos, tamén para Galicia. As incógnitas que nacen da retirada británica da Unión Europea afectan aos miles de galegos que residen no Reino Unido, ás empresas exportadoras e, en particular, á nosa frota faenando en augas británicas. Tamén afecta aos orzamentos da Unión Europea, xa que o Reino Unido é un contribuínte neto. En canto ás oportunidades para Galicia, é certo que o Brexit pode deixar unha Unión Europea máis cohesionada e que alcance acordos en materias sociais de xeito máis sinxelo.

"Co Brexit Galicia podería gañar nalgunhas áreas industriais como naval e automoción, pero non vai compensar o que pode perder na pesca. É malo para Galicia, para toda Europa e ao meu parecer para o propio Reino Unido"

González Casares (PSOE): A decisión de abandonar a Unión Europea é una decisión soberana do Reino Unido, polo tanto non estou en condicións de responderlle se se vai producir ou non visto o sucedido ata agora coa imposibilidade da clase política británica para aprobar o acordo de saída acadado entre a Unión e o Goberno británico, ou mesmo cando volve a cobrar impulso a posibilidade dun segundo referendo. O que si está claro é que ninguén gaña coa saída do Reino Unido, primeiramente os propios británicos, non en van o propio Banco de Inglaterra ven de estimar o impacto en 800 millóns de libras por semana desde o referendum. Galicia podería gañar nalgunhas áreas industriais como naval e automoción pero non vai compensar o que pode perder na pesca. O Brexit é malo para Galicia, para toda Europa e ao meu parecer para o propio Reino Unido.

Miranda (BNG): É difícil saber se o Brexit se vai producir, hai incerteza. Pero si podo dicir que teño dirixido diversas iniciativas á Comisión Europea sobre a preocupación do Bloque a respecto do impacto en Galiza da saída do Reino Unido da Unión Europea, tanto no que se refire á libre circulación das persoas -que pode afectar a máis de 40.000 galegos e galegas, mesmo fun a Londres este ano dúas veces para estar con galegas e galegos, a maioría xente moza emigrada-, como as súas consecuencias nos sectores produtivos galegos, como poden ser especialmente na pesca e o téxtil, en moitos servizos. O Goberno galego estivo ausente do tema e a verdade, tiven que interpelar varias veces ao Comisario Barnier no Pleno de Estrasburgo. En todo caso, é moi relevante o acordo adoptado na Eurocámara no mes de marzo para que se respecte a estabilidade das actividades pesqueiras para capturar as cotas xa asignadas. Que os barcos galegos poidan seguir pescando en augas do Reino Unido con independencia da resolución do Brexit aporta tranquilidade ao noso sector pesqueiro. Mais creo que é a oportunidade de reformar o principio de estabilidade relativa, que xa lastra a pesca galega dende o 1986. A discriminación xa ven de alí. Feijoo comprometeuse a denuncialo no Tribunal de Luxemburgo, e vaia, todo foron palabras.

Senra (En Marea): Como todo o mundo sabe, houbo un referendum no que o Reino Unido decidiu saír da Unión Europea. Hai un proceso de negociación entre a Unión Europea e o Reino Unido para unha saída acordada. Polo de agora non hai acordo pechado. Canto ao que perde ou gana Galiza, vai depender dos acordos que se negocien entre a Unión Europea e o Reino Unido. Eu agardo que tanto a Xunta de Galicia, como o Goberno do Estado non acepten ningún acordo que nos prexudique, porque o máis habitual neste tipo de negociacións é que só se teñen en conta os intereses das máis grandes empresas en contra da pequena e mediana empresa, dos traballadores e traballadoras, da pesca artesanal e a pequena escala e dos labregos e labregas.

Angustia (Unidas Podemos): En primeiro lugar, temos que respectar profundamente as decisións soberanas que os pobos toman sen ningún tipo de intervención externa. Se finalmente Reino Unido decide irse da UE, pedimos varias cousas. A primeira, que se protexan os postos de traballo dos traballadores transfronteirizos, que afecta directamente a España pola fronteira compartida con Xibraltar. E, no caso galego, sería imprescindible manter as relacións comerciais. Reino Unido é o cuarto importador de produtos do campo español, tamén do galego, polo que solicitamos que se deixe a demagoxia no terreo político e a belixerancia e que a UE colabore para manter o futuro de produtoras e produtores que dependen de acordos para a comercialización de produtos para o Reino Unido. 

Piñeiro (CxG): O Brexit coido que non ten cambio, vai ser. Galicia é dentro do estado a máis afectada, pola pesca e a poboación Galega alí. Gañar non gañamos nada significativo, mais pode ser unha opción para seguir facendo Europa. 

Sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo
  • A UE non acaba de ter un discurso común en materia de migracións e refuxiados mentres Galicia segue afondando no seu devalo demográfico. Que política comunitaria sería a adecuada nese eido para Galicia?

Millán Mon (PP): O devalo demográfico non é só un problema de Galicia, senón tamén doutras moitas rexións españolas e europeas. Necesitamos políticas ambiciosas a todos os niveis para facer fronte a este importante desafío. En maio de 2018, no debate sobre o Marco Financeiro Plurianual, tiven a oportunidade de reclamarlle á Comisión que as rexións que se enfrontan ao envellecemento ou ao despoboamento reciban máis fondos europeos para asumir os esforzos investidores que implican estas tendencias. Tamén nesta lexislatura presentei xunto con Ramón Luís Valcárcel unha batería de emendas aos Regulamentos de fondos estruturais para que a loita contra o despoboamento sexa un obxectivo da política de cohesión europea. No que respecta ao reto migratorio, esta é unha cuestión moi complexa. O Partido Popular Europeo aposta por profundar a cooperación e o investimento nos países de tránsito e orixe, impulsando un verdadeiro “Plan Marshall” para África. O noso candidato a presidir a Comisión Europea, Manfred Weber, quere incluso un Comisario para África. Nun espazo sen fronteiras interiores, como Schengen, necesitamos tamén unha política europea de inmigración e asilo. Desgraciadamente, a reforma do Regulamento de Dublín está a resultar especialmente dificultosa. De xeito paralelo, é necesario reforzar os recursos humanos e materiais da Axencia Europea de Fronteiras (Frontex). 

González Casares (PSOE): Unha puntualización inicial. Se cara a algún lugar hai que dirixir o malestar pola carencia dunha política común en materia de migracións e refuxiados non é tanto cara ás institucións comunitarias como cara a determinadas capitais nacionais, porque, por exemplo, cando durante a crise derivada dos conflitos de Siria e Libia a Comisión Europea propuxo un sistema solidario de reasentamento dos refuxiados chegados por milleiros ás costas europeas, foron países como Hungría ou Polonia os que dinamitaron tal posibilidade e se negaron a acoller refuxiados. Cadaquén, polo tanto, que asuma a súa parte. En todo caso unha inmigración ordenada pode axudar a paliar o noso gran problema demográfico. Urxe, polo tanto, que Europa adopte una estratexia sobre o cambio demográfico e que integre as consideracións demográficas en todas as políticas da Unión. É esencial que o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional priorice a loita contra o desafío demográfico a fin de desenvolver estratexias integradas que permitan facer fronte ao declive demográfico e incrementar o atractivo destes territorios para a poboación e para os investimentos.

Miranda (BNG): Desde o BNG rexeitamos a concepción da Europa fortaleza. Pola contra, queremos unha Europa solidaria e máis humana, e precisamente acoller as persoas refuxiadas, respectando os seus dereitos e a súa dignidade. Unha Europa que loite contra o racismo, o odio e a xenofobia. É vergoñento que o Mediterráneo sexa un gran camposanto de persoas que foxen das guerras, das violacións, da miseria e non pase nada. Guerras que se libran coas armas que venden os Estados Membros, por certo como as vendidas polo Estado español a Arabia Saudita para matar nenos en Iemen. Perdeuse a empatía coas persoas, e por iso síntome orgullosa de estar ao lado das persoas refuxiadas, de ir no Open Arms, aos campos de refuxiados de Idomeni e Calais e ter denunciado dende a Comisión de Liberdades do Parlamento esta vergonza dos Estados e da propia UE.

Senra (En Marea): Eu creo que a política en materia de migracións ten que partir de que ningunha persoa é ilegal e ten que enmarcarse plenamente no marco dos Dereitos Humanos, e ademais a Unión Europea ten que deixar de ser parte do problema, ten que sacar as súas mans (multinacionais e intervencións) dos países do sur e permitir o desenvolvemento destes países para beneficio dos seus pobos. Eu creo que a política de migración non ten que facerse en función dos intereses de ningún país, senón respectando os dereitos das persoas migrantes, empezando por non obrigar a ningún pobo a migrar masivamente contra a súa vontade, por eso hai que parar o saqueo de África, a imposición de acordos como os acordos de partenariado ou as intervencións militares para apropiarse dos seus bens.

Angustia (Unidas Podemos): A UE destina moitos recursos ao control de fronteiras e ás deportacións, aínda que o que temos que facer é levar a cabo procesos de integración e medidas que, tal e como dis, poden ser moi importantes para paliar o devalo demográfico. Nós non temos ningún conflito de nacionalidade, senón un conflito de clase dentro da UE. Mellorar as políticas migratorias pasa tamén por garantir os mesmos dereitos da cidadanía comunitaria ás persoas migrantes: libre mobilidade, mesmos salarios, mesmo acceso ao traballo... entre outras. 

"Galicia precisa man de obra e Europa precisa un plan para África"

Piñeiro (CxG): O medible non é cuestionable, Galicia coa nosa demografía precisa de man de obra, xa incluso para coidar os maiores. Europa precisa facer un plan para África, axuda en orixe e ordenar a chegada conforme á necesidade. 

  • O saneamento das augas segue a ser unha tarefa pendente en Galicia. Cada certo tempo, a UE ameaza con sancións, pero estas nunca chegan ao argumentar o Estado que as obras van avanzando. Ameaza moito e sanciona pouco a UE?

Millán Mon (PP): A Xunta de Galicia ten un compromiso claro coa mellora e conservación da calidade da auga e está contribuíndo eficazmente ao saneamento das rías. Desde o ano 2009 o esforzo de investimento foi moi importante, mobilizando máis de 1.100 millóns de euros en saneamento e abastecemento que se traduciron na construción de 45 novas depuradores, con capacidade para dar servizo a 1,7 millóns de galegos e galegas. Entre todas estas actuacións cabe destacar a EDAR do Lagares en Vigo, que cun investimento de 208 millóns de euros é unha das obras civís hidráulicas máis importante da última década en Europa. Celebro que a Comisión Europa non impuxese sancións, o que quere dicir que non é necesario. Na última comunicación da Comisión ao Parlamento da que dispoño, en 21 de setembro de 2018, a Comisión trasladou que o tratamento de augas residuais en Galicia cumpre actualmente cos parámetros contidos nas Directivas europeas. 

González Casares (PSOE): Tal e como eu o vexo, o importante de poder impoñer sancións polo incumprimento da normativa europea é que esa potestade serve para forzar aos Estados a cumprir tales normativas se non queren ser sancionados. Porque as sancións non son unha fin en si mesmas, senón un medio para lograr o obxectivo principal, que é lograr o saneamento das augas. Todos sabemos que temos un problema nas rías pero tamén nos ríos do noso interior, neste comezo de tempada de pesca fluvial hai que lembrar que os pescadores quéixanse ano tras ano das poucas troitas que hai nos ríos e a Xunta de Galicia con fondos outorgados non é quen de executalos.

Miranda (BNG): Efectivamente, o saneamento das augas en toda Galiza é unha materia pendente. Que no século XXI aínda haxa casas con pozo negro en lugar de que o saneamento chegue a todos os puntos é unha deixadez política. Este é un tema que ocupou moito do traballo do BNG na Eurocámara e por iso levamos anos desenvolvendo iniciativas na Comisión de Peticións, organizando delegacións que comproben o estado do saneamento e percorrendo as rías e os ríos galegos. Dito isto, probablemente ao Estado até agora compénsalle máis pagar as sancións da UE que acometer o saneamento integral das augas. Estamos pagando 36000 euros diarios, é escandaloso. Nós non queremos multas queremos saneamento integral e que se cumpran os compromisos. Recentemente puiden descubrir, seguindo no caso da Ría do Burgo, despois de 2012, que o Estado non pediu os fondos europeos para o dragado. Por iso Galiza ten que ter un escano de país que fale destas problemáticas directamente. 

Senra (En Marea): Eu creo que as sancións aínda que cheguen, as administracións páganas con fondos públicos, é dicir pagámolas as persoas contribuíntes, por eso nós defendemos que a sanción ten que consistir en obrigar a realizar o saneamento.

"É grave que a UE non teña capacidade de unificar lexislacións para garantir, por exemplo, dereitos humanos e, por outra parte, sancionar a estados membros que os incumpren" 

Angustia (Unidas Podemos): O afastamento de políticas desenvolvidas ou de normativas da Unión Europea teñen unha comprensión bastante escasa e, nalgúns casos, totalmente equivocada das cuestións territoriais. Cuestións tan sinxelas como é a ordenación dun territorio o a capacidade de recursos dun territorio, iso debería de revisarse. Se a UE ameaza moito e sanciona pouco? Evidentemente. É un mecanismo útil para a cuestión social e inútil para territorios para eles considerados “periféricos”; porque teñen unha comprensión escasa ou nula do territorio; porque as políticas non son desenvolvidas de forma participada e tamén é inútil un marco que está lonxe de coincidir coa cohesión social, e iso implicaría normativas e acordos e, mentres non sexa un instrumento útil, nunca se vai poder establecer un marco de sancións. É grave no caso das políticas de auga, pero tamén noutras, xa que non ten capacidade de unificar lexislacións para garantir, por exemplo, dereitos humanos e, por outra parte, sancionar a estados membros que os incumpren. 

Piñeiro (CxG): Considero que os mecanismos da unión son axeitados, a sanción quere dicir que o mal está na orixe, non é o camiño. Dende CxG apostamos polo control e a visión previa, a sanción é que está mal e non ten solución.

Votación en Estrasburgo CC-BY-NC-ND Parlamento europeo
  • A Comisión Europea ten aberto un novo procedemento de infracción a España por seguridade ferroviaria derivado do accidente de Angrois e as eivas que puxo en evidencia. E a Eurocámara deu voz e preocupouse polas vítimas antes que o Congreso dos Deputados ou que o Parlamento de Galicia. Adoita dicirse que Bruxelas está moi lonxe para a cidadanía, pero á vista dese caso, o afastamento xeográfico dos órganos de goberno ou de participación democrática facilita a súa independencia?

Millán Mon (PP): O tráxico accidente de Angrois e a dor das vítimas sénteno todos os cidadáns e todas as institucións galegas e españolas. Dito isto, o que me parece prioritario neste caso, que está neste momento sub iudice, é respectar a independencia xudicial e os tempos da xustiza. 

González Casares (PSOE): Creo que se impón a prudencia cando estamos a falar dun accidente que se cobrou tantísimas vidas, que truncou a vida de tantas persoas e cuxa investigación xudicial segue aberta nos xulgados de Santiago. Os prazos da xustiza a veces son demasiado longos e iso desde logo non axuda a paliar a dor das vítimas e os seus familiares, pero debemos ser respectuosos coa actuación da xustiza. Dito isto, non me doen prendas en sinalar que as institucións españolas probablemente non estiveron á altura da dilixencia debida: creo que se o Congreso dos Deputados tivera aberto moito antes a comisión de investigación parlamentaria iso tería axudado non só a dar as explicacións debidas por parte dos responsables técnicos e políticos, senón que tería axudado a impedir que se xerara calquera sombra de dúbida sobre o accidente. Lamentablemente, non se pode volver atrás, pero si creo que casos coma este demostran que en absoluto as institucións comunitarias son ese monstro administrativo alleo e afastado dos intereses dos cidadáns.

"No caso de Angrois a única esperanza de acadar a verdade e a xustiza só provén de Europa, e en concreto do traballo do BNG"

Miranda (BNG): Neste terrible caso é evidente que a única esperanza de acadar a verdade e a xustiza só provén de Europa, e en concreto do traballo do BNG no Parlamento Europeo. Demostrámolo levando ás vítimas a Bruxelas en 2015, en reunión coa Comisión, un ano despois conseguindo que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) emitira un informe que confirmaba a falla de independencia na investigación do accidente e que se centrara só no maquinista e non na falla de control de riscos, logo en sucesivas reunións coa Comisaria de Transporte, sempre sensible cara as vítimas. Demostrámolo tamén presentando en xullo de 2017 denuncia contra o Estado por incumprimento da normativa europea en seguridade ferroviaria, que motivou a apertura de procedemento de infracción contra o Estado español en xaneiro de 2019. Non creo que a independencia pola que vostede me pregunta teña tanto que ver co afastamento xeográfico como por un xeito de proceder máis democrático e transparente do que as institucións galegas e españolas teñen moito que aprender polo menos no que foi referente a este caso, onde se non fora pola acción europea do BNG a dia de hoxe estaba só centrado no erro do maquinista e non na causa de fondo, que é que non se fixo control de riscos na curva de Angrois por querer inaugurar rápido. 

Senra (En Marea): Pode haber algún caso concreto no que desde algunha das institucións europeas se mova algo, pero temos moitos exemplos nas institucións europeas de falta de transparencia e de conflitos de interese que impiden que se tomen as decisións máis adecuadas como foi por exemplo a renovación da comercialización do glifosato.

Angustia (Unidas Podemos): Á Unión Europea nunca lle resultou difícil resaltar os incumprimentos de normativa comunitaria que teñen os estados membros. O problema é a inoperatividade das institucións europeas para garantir que iso se resolva. Non hai ningún tipo de mecanismos que garanta unha lexislación, uns marcos comúns, que permitan que este tipo de cuestións non poidan pasar nos estados membros. Por que non se pronuncian as institucións nacionais? Pois por outra cousa moi sinxela: non é que teña moita vontade a Unión Europea e moi pouca España, é que a UE non ten ningún tipo de responsabilidade por non ter ningún tipo de institucionalidade real pero, sen embargo, Partido Popular e Partido Socialista si teñen ambos responsabilidades no desastre de Angrois. 

Piñeiro (CxG): Non é certo que Bruxelas estea lonxe, CxG traballa co PNV, neste caso algo aportamos. Por exemplo, cando a vaga de lumes CxG puxo a voz do noso país ese mesmo luns no europarlamento. O tema é coñecer os mecanismos, Europa ten que ser o Estado. 

  • Cando obteña o escano, canto e que tipo de traballo desenvolverá vostede en Galicia ou en Bruxelas e Estrasburgo?

Millán Mon (PP): Como é lóxico, os asuntos que ocuparán a miña mesa de traballo dependerán das circunstancias, pero a miña prioridade sempre será defender os intereses de Galicia en Europa, en estreita cooperación cos meus compañeiros de delegación. A aprobación do Marco Financeiro Plurianual para o período 2021-2017 e os seus Regulamentos, a reforma da PAC e as consecuencias do Brexit serán cuestións fundamentais para Galicia na próxima lexislatura. Tamén continuarei defendendo os intereses de todo o sector da pesca galego, en estreita colaboración coa Xunta de Galicia, co Consello Galego da Pesca e cos sectores afectados. A loita contra o declive demográfico é un desafío que estará sempre presente na miña mesa de traballo. Con vistas ao Xacobeo 2021, a promoción dos Camiños de Santiago no marco europeo será outra das miñas prioridades, un labor que desenvolverei tanto en Galicia como no marco do Intergrupo antes citado. A defensa dos dereitos humanos nos países latinoamericanos onde tanta emigración galega hai, coma Cuba ou Venezuela, é outra das cuestións de atención prioritaria para min. Por outra parte, estarei moi atento ás negociacións do acordo de asociación e comercio entre a UE e Mersocur, que me gustaría puidese concluírse este mesmo ano 2019. Por último, prestarei especial atención a cuestións que afectan á educación, á cultura e á xuventude, tales como o reforzo da dimensión europea no ensino ou o impulso ao programa Erasmus+.

González Casares (PSOE): Pois mire, a miña residencia seguirá sendo Lalín, o meu eixo de traballo e vida serán Lalín e Bruxelas. Pode soar a bravuconada de lalinense orgulloso, pero creo que cos pés na terra, en continuo movemento desde o centro de Galicia cara a todos os puntos da nosa xeografía e estando na realidade dos problemas do país podo axudar máis á miña terra. En canto a cantidade, só podo dicirlle que o meu esforzo vai ser máximo e teño unha gran capacidade de traballo. Para min é un reto persoal, moi ilusionante e de primeira orde. Teño vocación de servizo público, pois levo mais de 20 anos traballando así, antes como enfermeiro da sanidade pública e neste tempo da miña vida onde me sitúa a política.

Miranda (BNG): Coma sempre, entrega total, traballo intenso, perseverancia, ser ponte dos temas galegos nas institucións comunitarias, levar directamente aos diversos sectores, plataformas, colectivos a Bruxelas. Ter unha incidencia directa coa Comisión e en todas as comisións parlamentares nos temas que defendemos no programa, e loitar polo noso como nación. Ríome porque o alcume de madame Galice é tamén pola perseverancia nesa defensa. Ficou claro que o escano do Bloque é útil, solvente, eficaz para Galiza e digo isto humildemente, partindo de resultados e activismo, oxalá sexa isto valorado e apoiado co voto. No que a min respecta, todo o mundo sabe que vivo entregada ao traballo polo meu país e a diversas causas da humanidade, son anos de servizo público ao meu país en Bruxelas, en distintas fases, non todas visibles nen bonitas, mesmo no persoal, traballando en etapas e coalicións diversas como asistente, como deputada, no grupo parlamentar, unha experiencia e uns contactos internacionais que quero que sirvan para que Galiza avance e para transformar a nosa realidade e sobre todo para seguir pondo a Galiza como nación alí e no mundo. Como eurodeputada, sumando as lexislaturas pasada e a actual, estiven menos de 3 anos de escano, ou sexa, non é a mesma situación de igualdade que un eurodeputado ou eurodeputada cun escano completo de 5 anos, co que a concentración de temas nun cuarto de tempo oficial é a única maneira de poder defendelos. É evidente que a posibilidade de acción, repercusión e incidencia política non é a mesma con escano que sen el. Oxalá o BNG academos nestas eleccións un escano de 5 anos porque sería bo para o país, como cando o tivemos no 1999 co gran Camilo Nogueira. 

Senra (En Marea): Pois seguirei traballando como fixen durante estes cinco anos, combinando o traballo nas comisións e nos plenos coas reunións por todo o país para recoller as preocupacións e problemáticas derivadas das políticas e decisións comunitarias para levalas ás institucións europeas

Angustia (Unidas Podemos): Unha das primeiras medidas imprescindibles é a actuación activa no debate sobre a futura PAC e a loita pola derrogación do paquete ferroviario para acadar unha rede de transporte público, vertebrado e de calidade para galegos e galegas. O meu compromiso cos colectivos cos que estes anos traballei, revalídase de xeito inmediato para continuar o traballo en cada espazo, institucional ou non, que eu ocupe. Doutra banda, tamén é unha reivindicación histórica dende Izquierda Unida-Esquerda Unida, en cada lexislatura do Parlamento Europeo, defender que todas as linguas oficiais dun Estado da Unión Europea sexan realmente linguas oficiais da UE. O meu compromiso será acadar a igualdade para a nosa lingua, expresarnos na mesma en sede parlamentaria, dispoñer na mesma toda a documentación e que a cidadanía que participe dos espazos da UE que o desexe faga uso dela, tamén para que eu poda usala tal e como fixen ata o agora dende o Senado.

Piñeiro (CxG): Pois teño claro que dar conta periódicamente en Galicia, unha vez o mes. O traballo en Bruxelas e Estraburgo vai ser poñer unha axenda Galega na eurocámara, ao servizo dos galegos e as súas reivindicacións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.