Testemuños galegos apelan en Bruxelas á UE para acabar coa "impunidade" do franquismo e a "excepcionalidade española"

Participantes na xornada 'Franquismo sen Franco', este 20 de novembro na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas CC-BY-NC-SA Praza Pública

Este 20 de novembro, no 44º cabodano da morte do ditador Franco, e poucos días despois da importante irrupción da extrema dereita no Congreso dos Deputados, o Parlamento Europeo acolleu unhas xornadas sobre o Franquismo sen Franco. O Grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, conformado por deputados de grupos da Esquerda, Alianza Libre Europea, Socialista e Liberal, deu un paso máis no seu intento de “europeizar as políticas españolas de memoria” e deitar luz sobre a “excepcionalidade” de España no contexto comunitario por non cumprir cos “estándares democráticos” en canto á reparación das vítimas ou polos “vínculos” que a democracia aínda mantén cos “restos da ditadura”.

Unha vez máis, vítimas, asociacións de memoria ou políticos agárranse á UE para que remate coa “excepción” de que España sexa o único Estado da UE que “non puido xulgar a súa ditadura, os seus crimes e os seus criminais”. Así o lembraron os deputados Izaskun Bilbao (PNV), Miguel Urban (Podemos), Clara Aguilera (PSOE) e mais Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa, que forma parte dun grupo no que non hai representantes nin do PP, nin de Ciudadanos, “nin por suposto de Vox”.

A xornada, impulsada polo Grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, encádrase na vontade de "europeizar as políticas españolas de memoria", tamén acudindo á axuda comunitaria para labores como a busca de foxas

Eles presentaron unhas xornadas que contaron na Eurocámara con importantes testemuños de vítimas e asociacións galegas que ergueron en Bruxelas a súa voz para reclamar tamén que España cumpra coas resolucións da ONU e que, como lembraron os deputados, se apoie na UE no caso de querer teimar no seu desleixo. Porque mentres a Comisión Europea “ten programas para a recuperación de vítimas de desaparicións forzosas que inclúen achegas económicas, como o que leva a cabo en Chipre”, ou axudas para colaborar na busca de foxas, o Estado non só non as leva a cabo de seu, senón que non as solicita a Europa. “A UE está disposta pero agarda que as institucións españolas demanden esa colaboración”, explica o Grupo de Memoria Histórica, do que tamén forma parte Diana Riba, de ERC, que abriu o acto. 

Telmo Comesaña, intervindo no Parlamento Europeo ao carón de Manuel Monge e Carlos Babío CC-BY-NC-SA Praza Pública

Entre os casos de espolio analizados na xornada destaca a do Pazo de Meirás, debullado polo investigador Carlos Babío

Entre as denuncias, tamén a do “espolio” cometido polo franquismo, co Pazo de Meirás como maior símbolo. O seu caso, e outros moitos de represión, foron explicitados polos galegos que participaron nas xornadas que son parte da intención do Grupo de Memoria de implicar parlamentos nacionais doutros Estados, europarlamentarios e institucións comunitarias para lograr a “normalidade democrática”. Esa da que España, que recoñeceu á Comisión de Peticións a “desprotección xudicial” das vítimas, carece no ámbito comunitario.

Carlos Babío, investigador e autor da obra Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, foi algúns dos que deitou luz sobre os abusos cometidos polo franquismo, explicando na Eurocámara como Franco se fixo irregularmente con esta propiedade e que tipo de artimañas empregou para que a súa familia manteña aínda no seu poder as Torres, agora reclamadas polo Estado a través dunha denuncia.

O presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 explicou na Eurocámara a súa loita por coñecer a verdade da represión que sufriu a súa propia familia

Antes, Telmo Comesaña, presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, explicou tamén o seu caso, o dun home fillo de asasinado que leva máis de 80 anos reclamando xustiza e que se coñeza o verdade da brutal represión que el mesmo viviu na súa familia e que o impulsa a seguir denunciando aquel “horror”. “Sexan conscientes de que non se cumpre a Constitución, nin as leis de memoria e que en España vulnéranse os dereitos humanos”, dixo quen amosou a súa especial decepción cunha “Transición que foi unha transacción” e coa actitude “do PSOE” en todo o que ten que ver coa reparación das vítimas e co mantemento de simboloxía fascista.

Manuel Monge, destacado activista e membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, aclarou todos os restos do franquismo que se manteñen na actualidade, xa non só no rueiro, homenaxes e simboloxía, senón no Exército ou na xudicatura. Por outra banda, María Lores, neta dun represaliado –Aurelio Torres Pacheco-- centrouse no “silencio íntimo e resistente” de moitas mulleres ou do sufrimento engadido dos 20.000 orfos que lembrara Comesaña e que, tan só en Galicia, provocaron os asasinatos do fascismo. “Temos memoria porque queremos tela e temos dereito”, advertiu.

Miguel Urbán, Diana Riba, Izaskun Bilbao e Ana Miranda, nun intre da xornada sobre memoria histórica na Eurocámara CC-BY-NC-SA Praza Pública

Persoas que estiveron presas na ditadura subliñaron en Bruxelas a impunidade de torturadores como 'Billy el Niño'

Ademais, Sol Luque, presidenta da asociación Todos los Niños Robados son también mis Niños explicou o drama desa realidade que afectou milleiros de familias e pequenos, mentres que Juan Miguel Baquero, xornalista e investigador, centrouse no espolio económico e nos beneficios, nunca reclamados, que importantes empresas obtiveron grazas ao réxime franquista e á colaboración e negocio levado a cabo coa ditadura a costa tamén de milleiros de represaliados.

O vigués Miguel Ángel Gómez e Rosa García, da Comuna ex-presos e presas represaliadas polo franquismo, relataron con emoción e duros detalles as prácticas de tortura nos últimos anos do franquismo. Tamén destacaron a impunidade daqueles delitos provocada, denuncian, pola Lei de Amnistía e a Transición ou o que supón que un dos maiores torturadores, Billy el Niño, manteña honras polo seu labor policial.

“Esta é a impunidade do franquismo e con impunidade non hai democracia plena… E isto non é unha cuestión de pasado, senón do presente para construír o futuro”

Ante toda esta situación, hai anos que se abriu na Arxentina unha pequena esperanza para estas pesoas e milleiros máis que piden que se “faga xustiza”. Á querela presentada no país suramericano uníronse moitos galegos. Jana Calero e Irene Álvarez, do Grupo de Abogados Jóvenes de Vigo, colaboran con este proceso reunindo demandas de vítimas de Galicia e axudando os seus impulsores para "colaborar co esclarexamento da verdade" e na loita "contra a impunidade xudicial do Estado español". "É vergonzoso", insistiron sobre a inacción do Goberno e do sistema xudicial. 

“Sabemos que Europa ten algo que dicir ante isto”, advertiron os deputados que forman parte do Grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, que prometeron continuar no traballo para “europeizar” as demandas das vítimas, a verdade e a “excepcionalidade” dun Estado que nin repara nin colabora con quen sufriu a ditadura. “Esta é a impunidade do franquismo e con impunidade non hai democracia plena… E isto non é unha cuestión de pasado, senón do presente para construír o futuro”, remataron tras advertir de que as medidas "son máis necesarias ca nunca" polo ascenso da ultradereita. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.