A Eurocámara acolle este vindeiro mércores, 20 novembro, a conferencia Franquismo post Franco, organizada polo Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo co obxectivo de "dar a coñecer na capital europea a realidade da represión franquista, o espolio da ditadura vixente na actualidade e os pasos que se están dando para rematar coa impunidade".
“Como demócratas temos a obriga de frear o avance do fascismo no Estado español e en Europa e dar cumprimento á resolución aprobada hai un ano na Eurocámara e prohibir as fundacións vencelladas ao franquismo”, destaca Ana Miranda, portavoz en Europa do BNG, un dos partidos que forma parte deste grupo de Memoria Histórica.
A xornada 'Franquismo post Franco' trata de dar a coñecer na capital europea "a realidade da represión franquista" ou o "espolio vixente da ditadura"
Nas xornadas deste mércores participan o presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Telmo Comesaña; a representante da Asociación das 13 Rosas de Asturias, Laura Díez; a neta dunha vítima represaliada, a galega María Lores; e a representante da Asociación de Nenos Roubados, Sol Luque. “O testemuño destas persoas daranos unha visión ampla do terror que exerceu o franquismo desde os seus inicios e como obedeceu a un plan sistemático de exterminio”, explica Miranda.
Tamén participarán dúas persoas, representantes da Comuna ex presos e presas represaliadas por Billy el Niño, Miguel Ángel Gómez, Gus, e Rosa García, que falarán de "como o franquismo exerceu a tortura como base para manter o seu sistema de terror".
Na xornada deste 20 de novembro estará presente tamén o investigador galego Carlos Babío, autor da obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, obra que foi clave na demanda presentada pola Avogacía do Estado co fin de reverter o Pazo de Meirás ao patrimonio público. En Bruxelas estará tamén Manuel Monge, autor de la obra Os Borbóns: unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo e un dos principais denunciantes do mantemento de honras á ditadura en rueiros e monumentos varios. Ademais, o xornalista Juan Miguel Baquero, autor de El país de la desmemoria, abordará o marco xeral do espolio económico que levou a cabo a ditadura.
Telmo Comesaña, Carlos Babío ou Manuel Monge serán alguns dos galegos que participarán nas xornadas sobre a ditadura
A representante da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina contra o franquismo, Mercedes Sánchez, falará do que supón a existencia das foxas comúns desde hai máis de 80 anos, mentres que dúas avogadas do Colexio de Avogados de Vigo, Jana Calero e Irene Álvarez, explicarán a situación actual das querelas polos crimes do franquismo.
“Teremos en Bruxelas unha intensa xornada para dar a coñecer como o franquismo post Franco aínda segue no Estado español e denunciar a pasividade deste Estado nos últimos corenta anos para reparar as vítimas”, remata Ana Miranda.