O ditador Francisco Franco deixou uns 28,5 millóns de pesetas (equivalentes na actualidade a uns 1,8 millóns de euros seguindo a evolución do IPC) en herdanza para a súa muller, Carmen Polo, e a súa filla Carmen, tal e como consta no testamento que publica este luns El Mundo e elaborado polo xeneral fascista en febreiro de 1968, case oito anos antes do seu falecemento.
O testamento revela que o Pazo de Meirás era a parte máis valiosa da herdanza 'oficial' da familia Franco
De entre todo o patrimonio legado, entre terras, valores en sociedades e contas ou inmobles, destaca sobre todo o Pazo de Meirás, a parte máis valiosa da herdanza, un conxunto cun valor total que se calculou daquela en 16 millóns de pesetas (equivalente a case 1 millón de euros actuais), tal e como se especifica no testamento que, como é lóxico, non recolle todas as propiedades e cartos que o ditador e a súa familia acumularon durante décadas e que diversos investigadores debullaron en diferentes obras.
Segundo algunhas investigacións, Franco acumulou unha fortuna duns 400 millóns grazas á súa rede corrupta. A cantidade total varía entre os 120 millóns e os 600 entre propiedades inmobiliarias e unha maraña societaria, tal e como relatan investigadores como Mariano Sánchez Soler, autor do libro Los Franco S.A.
Segundo se explica no testamento, Franco legou á súa filla o Pazo de Meirás, o seu ben máis preciado e valioso, como se fose seu e malia as investigacións históricas que revelan que foi espoliado xunto a terreos adxacentes da veciñanza baixo presións e ameazas disfrazadas de subscrición popular impulsada por homes de prol do franquismo e do bando fascista da guerra civil.
O pasado mes de xullo, e logo de anos de reivindicación cidadá, o Estado presentou unha demanda contra os Franco na que reclama a devolución do Pazo ao patrimonio público e céntrase na tese xa desenvolvida en anteriores investigacións e no informe histórico-xurídico encargado pola Deputación da Coruña, ademais de no achado de novas probas. Advirte que a transmisión de Meirás a Franco fíxose a través dun contrato simulado en 1941 para evitar que pasase a ser parte do patrimonio estatal e cando xa levaba tres anos sendo utilizado polo ditador, a quen lle fora doado en 1938. Xa que logo, as Torres foron vendidas dúas veces e a última delas a través dun acordo “fraudulento”, cando o inmoble xa era residencia do xefe do Estado tras un acordo anterior.
O Pazo de Meirás estaba valorado en 16 millóns de pesetas, o legado de maior valor, máis da metade dos 28,5 millóns totais que terían Franco e a súa dona
O testamento, segundo conta El Mundo, foi aberto ante o notario Sergio González Collado, e constaba da sociedade conxugal de Francisco Franco e Carmen Polo, que tiña algo máis de 28,5 millóns de pesetas, que equivalerían a case 1,8 millóns de euros actuais. O Pazo de Meirás estaba valorado en máis da metade dese total, tal e como aclara o mesmo documento.
Ademais, o testamento fai unha completa descrición do conxunto do Pazo de Meirás, composto por unha "grande extensión de terro, dedicado a xardín, horta, prado e bosque, casa palacio e outros pavillóns destinados a outros servizos". "Ocupa, segundo o título", di o testamento, unha superficie de case 57.000 metros cadrados, equivalentes a "128 ferrados, un cuartillo e dous terzos doutro", aínda que o texto aclara que logo de novas medicións, a extensión real quedou en case 67.000 metros cadrados, "150 ferrados, dez cuartillos e catro novenas partes doutro".
De 14 a 16 millóns
O testamento advirte da "casa palacio" do conxunto de Meirás, "coa súa fachada de 1.002 metros cuadrados" e dos "cinco" pavillóns máis dos que conta a propiedade. E valora o conxutno, nun inicio, en 14 millóns de euros aos que se suman 2 millóns máis, ata os 16, logo da "adquisición de parcelas adxacentes ao Pazo", unha práctica que, segundo diversos estudos de historiadores, consistiu no roubo e espolio á veciñanza de numerosos terreos polos que moitas familias aínda loitan hoxe.
A principios de 2018, os herdeiros do ditador puxeron á venda o Pazo de Meirás nunha inmobiliaria, Mikeli, especializada na venda de propiedades de luxo e por un prezo inicial de 8 millóns de euros.
O testamento aclara que a valoración do Pazo aumentou logo da "adquisición de parcelas adxacentes ao Pazo"
No testamento, o ditador aclara o seu desexo de que, mentres viva a súa esposa, non se practique a división da herdanza, senón que se administre e usufrutúen todos os bens nos que esta consista.
Carmeno Polo quedou coa mitad da súa participació nos gananciais (14,25 millóns de pesetas) e ou terzo de libre disposición (4,75) logo da renuncia da viúva de Franco á cuto lega de usufrutuaria. Pola súa banda, Carmen Franco recibiu 9,5 millóns de pesetas.
Ademais, e segundo o testametno, en diferentes contas Franco e a súa muller tiñan un saldo total de algo máis de 1 millón de pesetas e 1,5 millóns en accións de diferentes compañías. Na renda actualizada, o total seríad e algo máis de 150.000 euros.