Eurodeputados visitan o Pazo de Meirás para implicar a Eurocámara na expulsión dos Franco

Eurodeputados, ante a entrada do Pazo de Meirás © BNG

Unha situación "anacrónica", impropia dun Estado "que se di democrático" e "símbolo da impunidade do franquismo". Así definiron cinco eurodeputados o feito de que o Pazo de Meirás siga en mans da familia Franco malia serlle "espoliado" ao pobo durante a visitia que na mañá deste venres realizaron ao histórico inmoble desta parroquia de Sada. A delegación do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo demandou a "devolución" das Torres á cidadanía galega a través da dúa incorporación ao patrimonio público e anunciou a súa intención de "dar a coñecer a realidade na Unión Europea" e "internacionalizar" a súa denuncia a través de diferentes iniciativas en varios organismos comunitarios. 

O Grupo de Memoria Histórica pretende que a Eurocámara reciba e apoie o informe xurídico que avala a devolución do Pazo ao pobo

Na visita, impulsada polo BNG, participou a eurodeputada da formación nacionalista, Ana Miranda, así como Izaskun Bilbao (PNV), Jordi Solé (Esquerra), Miguel Urban (Podemos) e Jill Evans (Plaid Cymru, Gales). O obxectivo da delegación é que o Parlamento Europeo reciba e apoie o informe histórico-xurídico encargado pola Deputación da Coruña no que se reclama a devolución do Pazo de Meirás ao pobo.

“Queremos facer noso este informe e trasladalo ao Parlamento Europeo, co obxecto de transversalizalo”, destacou Ana Miranda durante a súa intervención na recepción que tivo lugar na Deputación da Coruña, a onde acudiron logo de visitar o Pazo e tras outra visita a primeira hora ao Concello de Sada. A eurodeputada do Bloque advertiu da posibilidade de levar á Eurocámara o documento que certifica que a venda do inmoble ao ditador foi nula e que avala o paso deste ao público a través de Patrimonio do Estado. 

Todos os eurodeputados insistiron durante a "visita histórica" a Meirás na necesidade de "dar a coñecer internacionalmente a impunidade da que goza o franquismo en España" e dunha situación "antidemocrática" nunha "democracia de baixa intensidade". "O Pazo é un símbolo dun espolio do réxime franquista que perdura hoxe en día" dixo Miguel Urban, de Podemos. Pola súa banda, Izaskun Bilbao, do PNV, destacou o "salto atrás e moi retrógrado no tempo" que se produce ao entrar nun inmoble que identifica "cunha imaxe pasada, a duha ditadura da que xa nos gustaría saír".

"O Pazo é un símbolo dun espolio do réxime franquista que perdura hoxe en día", di o eurodeputado Miguel Urban

As "100.000 vítimas do franquismo desaparecidas" ou casos como o das Torres de Meirás é algo "totalmente descoñecido en Europa", insistiu Bilbao, ao tempo que Jordi Solé, de ERC, destacaba a "anormalidade democrática" e o "poder do franquismo" aínda no Estado. "Non é xa unha cuestión de memoria nin de pasado, senón de xustiza" engadiu. Desde Gales, Jill Evans recoñeceuse "sorprendida" de que nun lugar que se di democrático poida existir aínda un lugar como o Pazo de Meirás e propiedade da familia do ditador e que, tal e como comprobaron na visita, difunde numerosas pinturas e bustos de Franco, a súa figura e as súas teóricas fazañas; e non só sen crítica ningunha, senón con apelacións constantes ao seu carácter de "generalísimo" ou de "xefe do Estado". 

Todos eles posaron tras a visita ás portas do inmoble cunha pancarta que rezaba Non á impunidade do franquismo, devolución do Pazo de Meirás nunha xornada na que numerosos medios deron conta da realidade deste inmoble histórico que fora propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán.

 "O Pazo é o epicentro do franquismo e debe ser o epicentro da recuperación da Memoria Histórica", asegura o alcalde de Sada

Antes da visita a Meirás, na que participaron os eurodeputados acompañados de varios xornalistas, a delegación visitou tamén o Concello de Sada, onde foi recibida polo alcalde, Benito Portela, que considera a súa visita a Meirás "fundamental para difundir o anacronismo" que supón que a familia Franco posúa a propiedade. "O Pazo é o epicentro do franquismo e debe ser o epicentro da recuperación da Memoria Histórica", dixo. 

Os eurodeputados na súa visita ao Concello de Sada / © Concello de Sada

Esta visita inclúese no conxunto de propostas que desenvolve o Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo e mediante o cal presentaron diversas iniciativas e visitas relacionadas coa impunidade do franquismo e impulsaron xornadas como as desenvolvidas en novembro en Bruxelas. O seu obxectivo radica en "dar a coñecer e denunciar internacionalmente a situación de impunidade da que goza o franquismo en España". Neste contexto produciuse a visita internacional que eurodiputados de diferentes grupos políticos realizaron ao val de Cuelgamuros (valle de los Caídos) e ao cemiterio de San Lorenzo de El Escorial o pasado mes de marzo.

Ademais, desde En Marea tamén volveron a pedir este venres a "devolución" do Pazo. En nota de prensa, a formación política mostrou o seu "rexeitamento" ao "boicot" da familia Franco ao Concello de Sada ao frear a construción de beirarrúas, tal e como publicou este diario. 

A formación considera que este feito se dá como "vinganza" da familia Franco "por ser declarados non gratos" no pleno do Concello do pasado mes de agosto. "Esta provocación súmase a outras como a de vender o Pazo de Meirás por oito millóns de euros", sinalou En Marea.

Os eurodeputados, fronte á fachada principal do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.