Bruxelas asume a precariedade das enfermeiras do Sergas e mantén a investigación, que tamén apoia o PP europeo

Catuxa Lagarón, de Eventuais en Loita, e Ana Miranda, coa denuncia presentada na Eurocámara CC-BY-NC-SA BNG Europa

A Comisión Europea (CE) recoñece a situación de precariedade da enfermaría eventual do Sergas, advirte das "impactantes cifras" de sucesión de contratos que sofren estas profesionais en Galicia e mantén aberta a investigación sobre os "abusos" denunciados na contratación temporal por parte da Xunta, que insta a solucionar de vez. 

A Comisión Europea mantén aberta a investigación sobre a precariedade e os "abusos" da temporalidade na enfermaría eventual do Sergas

Xa que logo, Bruxelas mantén o foco na eventualidade e precariedade das enfermeiras en Galicia tras ergueren estas a voz no Parlamento Europeo para advertir da "terrorífica xestión" que o Sergas fai da contratación temporal. Logo da denuncia presentada a través da portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, hai máis dun ano --e pola que a CE comezou a investigación-- a Comisión de Peticións da Eurocámara asistiu este martes ao relato de Catuxa Lagarón, portavoz de Eventuais en Loita, que deitou luz sobre a situación de "fraude de lei" e "abuso" que sofren arredor de 7.000 profesionais. 

Catuxa Lagarón, portavoz de Eventuais en Loita, nunha intervención no Parlamento galego CC-BY-SA Parlamento de Galicia

"Foi unha exposición clara e contundente", recoñeceu o responsable de Condicións Laborais da Dirección Xeral de Emprego da Comisión Europea, Adam Kopornyo, que advertiu de "cifras impactantes" tras a denuncia que Lagarón fixo da suma de ata "500 contratos nunha vida laboral" que acumulan algunhas das súas compañeiras "con só seis anos cotizados".  "É un exemplo moi elocuente dunha situación que xa foi condenada polo Tribunal de Xustiza da UE", lembrou a CE, que asegurou que mantén "estreito contacto" coas autoridades españolas para que revisen a lexislación e "eliminen cláusulas que poidan desembocar nestas prácticas abusivas". 

Bruxelas recoñece as "impactantes cifras" sobre a suma de contratos nas enfermeiras e insta as autoridades españolas a acabar coas "prácticas abusivas"

"Non existen medidas suficientes en vigor para previr o recurso excesivo da contratación temporal sucesiva", insistiu a Comisión, que confirmou que manterá a investigación sobre os abusos denunciados, aínda aberta e pendente das "conclusións definitivas", e que segue en contacto coas administracións españolas para evitar que prácticas como as relatadas polas Eventuais en Loita continúen, por incumpriren ademais varias directivas europeas. 

"Que a Comisión Europea recoñeza o abuso da contratación temporal significa que Europa pon en cuestión o modelo de contratación da Xunta", di Ana Miranda

O apoio a que a denuncia contra a precariedade laboral no Sergas se mantivese aberta non só chegou da propia Comisión, senón dun total de seis grupos políticos da Eurocámara, un "feito histórico", segundo asegurou Ana Miranda, que cre que "que a propia CE recoñeza o abuso da contratación temporal significa que desde Europa se pon en cuestión o modelo de contratación da Xunta na sanidade pública”.

Varias eurodeputadas e eurodeputados, entre eles o galego e socialista Nicolás González Casares, recoñeceron que esta utilización abusiva dos contratos temporais e outras situacións de precariedade na enfermería incumpren varias directivas europeas, ademais dunha resolución da Eurocámara de maio de 2018. 

Pleno da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, nunha foto de arquivo © Parlamento Europeo

Seis grupos políticos apoiaron que se continúe a investigación sobre estas prácticas do Sergas, incluído o Partido Popular Europeo, que advertiu dunha situación "moi clara" na que "converxen moitos tipos de abuso por parte de autoridades públicas dos estados membros". 

Seis grupos políticos apoiaron que se continúe coa investigación, incluído o Partido Popular Europeo, do que se desmarcou Millán Mon, do PPdeG

No entanto, Francisco Millán Mon, eurodeputado galego do PP, desmarcouse da súa propia formación para defender a xestión do Sergas e asegurar que a porcentaxe de traballadoras fixas na enfermería da sanidade pública galega "ascende a un 73%", contradicindo así os datos de Eventuais en Loita. "O Sergas fixo un importante esforzo nos últimos anos para contratar 2.134 enfermeiros fixos", engadiu. 

Na súa quenda de réplica, Catuxa Lagarón, portavoz do colectivo de enfermeiras, acusou a Xunta de non dar os datos reais e lembrou a Millán Mon que "o 75% do persoal fixo do Sergas non é tal" ao sumar a Xunta a estes profesionais fixos "os interinos". "O contrato de interinidade é persoal eventual", asegurou, logo de que durante a súa primeira intervención sinalase tamén que nin a pandemia mudou a forma de contratación da Consellería de Sanidade, que "seguiu facendo contratos dun día", mesmo provocando que persoal pasase dunha xornada a outra de tratar pacientes COVID a atender outros doentes. 

Millán Mon, eurodeputado galego do PP, defende o Sergas e asegura que o 73% do persoal de enfermería do Sergas é fixo, cifra que desmente Eventuais en Loita

Tamén reparou Lagarón no feito de que as enfermeiras encadeen "20 ou 25 días traballando sen descanso" ou que sexan avisadas con "horas" de antelación para incorporarse ao traballo por mor dun novo contrato, a risco de ser penalizadas de non aceptalo. 

Ante estas denuncias, o representante da Comisión Europea alertou que hai unha nova directiva europea que prohíbe estas prácticas e obriga a "un preaviso razonable mínimo" para evitar "situacións como as denunciadas", polo que pediu máis información ás Eventuais en Loita sobre este tipo de contratación exprés, documentación que o colectivo anunciou que achegará nos vindeiros días. "Queremos evitar que estas traballadoras teñan que estar dispoñibles 24 horas ao día e todos os días da semana", rematou a CE. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.