O persoal precario clama no Parlamento contra a "política de contratación deplorable" do Sergas

Sesión da Comisión sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19 CC-BY-SA Parlamento de Galicia

O persoal eventual e precario da sanidade pública alza a súa voz no Parlamento contra unha "política de contratación deplorable" por parte do Sergas e pide unha "mudanza urxente", non só desta política, senón da cerna dun sistema que, advirte, conta con eivas importantes que "xa existían" e que a covid só empeorou ata colocar os profesionais nunha "situación insostible". 

"A pandemia puxo de manifesto as costuras do sistema", din Eventuais en Loita e Precarias pola Atención Primaria, que piden unha "mudanza urxente"

Así o manifestou este xoves Miguel López del Pueyo, portavoz do colectivo Precarias pola Atención Primaria, durante a súa comparecencia na Comisión especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19 que se desenvolve na Cámara. "A pandemia puxo de manifesto as costuras do sistema", aclarou este médico no centro de saúde de Muros, que advertiu do "cansazo" dos profesionais sanitarios que ven como "todo o monte de problemas xa existentes volven con máis forza" ata pasarlles "por riba". 

Miguel López del Pueyo, durante a súa intervención na comisión parlamentaria CC-BY-SA Parlamento de Galicia

"Viren a ollada cara a un novo modelo para reforzar esas costuras que están a piques de rebentar", alertou Del Pueyo nunha comparecencia que seguiu o ronsel da que o pasado venres ofreceu Catuxa Lagarón, portavoz de Enfermeiras Eventuais en Loita, outro dos colectivos que leva tempo denunciando a situación precaria de boa parte do persoal do Sergas, con contratos temporais, máis do 40% en Atención Especializada e máis do 30% na Primaria, segundo o Consello de Contas e ante a falta de datos desde Sanidade.

"A problemática xa existía antes da pandemia, que puxo os traballadores nunha situación insostible na que a calidade dos coidados vese afectada"

"Non nos enganemos, a problemática xa existía", advertía Catuxa Lagarón na súa intervención, que aclara que o coronavirus "puxo os traballadores nunha situación sumamente insostible na que a calidade dos coidados e dos servizos vese afectada". "A inestabilidade vai aumentando ao mesmo tempo que diminúe a calidade asistencial", engadiu quen resumiu os problemas que afrontan "milleiros" de enfermeiras "afectadas pola xestión da contratación eventual da Xunta" que as leva a "non xerar dereitos laborais básicos como baixas remuneradas ou desfrute de vacacións". 

"Encadeamos contratos sen días libres entre un e outro, chegando a traballar 20 ou 25 días seguidos e sen cumprir períodos de descanso; vivimos pendentes do móbil e de non seren penalizadas por non aceptar a contratación e a nosa conciliación familiar é imposible porque nos chaman para incorporarnos de maneira inmediata e dannos as quendas con moi pouca antelación ou se modifican día a día", explica Lagarón, que lembra que a media de anos dunha profesional de enfermaría ata conseguir praza é "de 12 anos e aínda que aprobes todos os exames". 

No caso de Del Pueyo, abondou coa súa experiencia persoal para definir a precaria e eventual posición de moitos profesionais. Agora conta cunha praza estable, pero ata febreiro de 2019 botou ano e medio encadeando contratos no Sergas: "67, 53 deles de menos dunha semana e a meirande parte de 1 día, chegando a traballar en 37 centros de saúde e PACs". Unha experiencia, aclarou, "semellante á que viven moitas compañeiras, así como auxiliares ou técnicos". 

Del Pueyo, portavoz de Precarias pola Atención Primaria, encadeou 67 contratos en ano e medio, "53 deles de menos dunha semana e a meirande parte de 1 día"

A pandemia, advertía Catuxa Lagarón, supuxo ademais para este persoal precario "renuncias aos mermados dereitos e máis carga psicolóxica e física que xa pasa factura". Uniuse á "presión" que di que sente o colectivo ante a inestabilidade que provocan o que consideran "abusos" no uso de contratos de acúmulo de tarefas ou directamente "contratación en fraude de lei". Nun país, advirte, cunha proporción de enfermeiras "moito máis baixa do recomendado e do que hai na UE". 

"Sufrimos estrés polo cambio continuo de servizo ou de localización, día tras día; padecemos ansiedade e fatiga mental por non poder gozar de contratos decentes", explicaba a portavoz de Eventuais en Loita, que advirte tamén da "falta de persoal evidente" e da "falta de coidado do que hai por parte do Sergas". 

Catuxa Lagarón, portavoz de Eventuais en Loita, intervén na comisión CC-BY-SA Parlamento de Galicia

"A contratación precaria durante a covid continuou e cando o sistema sofre unha pequena presión, colapsa", insistiu quen lembra o ocorrido na OPE en maio de 2019 en Silleda. "Chegouse a pagar o triplo polas quendas para que a xente as collese e non houbese falta de profesionais", lembra. E engadiu datos que, segundo o seu colectivo, amosan o estrutural do problema, mesmo durante a pandemia: o 31% das enfermerias eventuais asinaron máis de dez contratos entre marzo e novembro e máis da metade traballou en cinco servizos diferentes. "Mesmo pasando de pacientes con coronavirus a neonatos nun mesmo día", engadiu. 

Eventuais en Loita denuncia que, durante a pandemia, o 31% das enfermeiras temporais asinaron máis de dez contratos

Por iso, Del Pueyo e Lagarón coincidiron. O portavoz de Precarias pola Atención Primaria insistiu en rematar coa "política contratual deplorable" do Sergas que "obriga a buscar outras alternativas laborais ou a emigrar", coincidindo co denunciado por Eventuais en Loita. "O Sergas é a maior ETT de Galicia", engadiu tras alertar dunha "precariedade planificada en favor da sanidade privada" e repetir a advertencia que a súa compañeira lanzara unha semana antes: "A precariedade laboral supón unha merma espectacular da calidade asistencial". 

Por razóns evidentes en moitos casos e noutros non tanto. A mudanza constante de profesionais provoca que, "cando o médico che cambia cada semana ou cada pouco, se acaben realizando prácticas innecesarias e máis agresivas". Ademais, ambos colectivos coinciden en criticar o denominado contrato de continuidade, instaurado polo Sergas pero que, din, "segue a perpetuar a escravitude". 

Por todo isto, Eventuais en Loita e Precarias pola Atención Primaria comparten as demandas, que inclúen "máis persoal, a reformujlación do modelo de contratación temporal para limitar a eventualidade, a convocatoria dunha macrooposición de todas as faltas que falten por cubrir e as previstas ou a eliminación das taxas de reposición". 

Comitiva das Enfermeiras Eventuais en Loita na manifestación a prol da sanidade pública en febreiro de 2020 CC-BY-SA Praza Pública

"É necesaria unha mudanza urxente das políticas e contratación para manter e estabilizar todos os profesionais, ademais de apostar pola transparencia, que non existe, sobre a situación do persoal do Sergas", dixo Lagarón, que pediu outras políticas de Recursos Humanos porque as actuais "están lonxe de ser nin tan sequera dignas". "O persoal está esgotado e, se isto non muda, o problema será maior no futuro", engadiu. "Se de verdade lles importa Galicia --rematou--, traballen para darlles aos galegos a mellor das atencións".

Eventuais en Loita pide outra política de Recursos Humanos no Sergas: "A actual está lonxe de ser nin tan sequera digna" 

Del Pueyo, ademais, reclamou "máis independencia" para os profesionais, un cambio estrutural porque "a saúde vai máis aló dunha placa de raios" e un mellor financiamento para unha Atención Primaria "sempre maltratada". "Precisamos unha fonda reflexión porque a saúde non se pode entendder só desde o punto de vista asitencial e inmediato", demandou tras reclamar equipos multidisciplinares, atención plena á saúde mental e atención comunitaria. 

"O plan fallou estrepitosamente; igual non é o momento de pedir máis investimentos, pero si de pedir que se invista mellor, non máis, senón mellor", advertía Lagarón. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.