Enfermeiras en loita e Venezuela: as primeiras intervencións dos eurodeputados galegos

Os eurodeputados galegos Nicolás González Casares (PSOE) e Francisco Millán Mon (PP) nas súas primeiras intervencións ante o Pleno tras a constitución da Eurocámara a comezos de xullo CC-BY-SA Praza Pública - Parlamento Europeo

Dous meses despois da constitución do Parlamento Europeo e tres meses despois das eleccións gañadas polo PSOE tanto en Galicia como no Estado, estas son as primeiras actividades dos representantes galegos

A coincidencia das eleccións ao Parlamento Europeo do pasado 26 de maio coa celebración aquel mesmo día dos comicios locais e un mes antes dos xerais e dos autonómicos en varias comunidades fixo que as cuestións comunitarias ocupasen un lugar menor na axenda política durante a campaña e nos últimos meses. Pero tres meses despois daquela clara vitoria socialista tanto en Galicia como no Estado e dous meses despois da constitución da Eurocámara o pasado 2 de xullo, os representantes galegos nela xa iniciaron a súa actividade con diversos tipos de iniciativas e mesmo con intervencións verbais ante o Pleno, sobre as enfermeiras en loita e Venezuela.

O socialista Nicolás González Casares, que 'substituíu' a José Blanco, lamentou ante o Pleno que “en Galicia, a miña terra, as enfermeiras, pero tamén outros colectivos sanitarios, son vítimas de abusos na contratación por parte da Xunta"

A primeira intervención no Pleno do Parlamento Europeo dun eurodeputado galego nesta lexislatura produciuse o 15 de xullo. Nicolás González Casares, que substituíu ao ex-ministro José Blanco como representante galego no grupo socialista tras as últimas eleccións, empregou a súa primeira intervención para facer un recoñecemento público ao colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita

O socialista, nunha intervención dun minuto, lamentou que “en Galicia, a miña terra, as enfermeiras, pero tamén outros colectivos sanitarios, son vítimas de abusos na contratación por parte do Goberno rexional, a Xunta de Galicia. Esta situación levou a colectivos como Enfermeiras en Loita a organizarse para denunciar abusos, como que unha enfermeira se vexa obrigada a asinar máis de cincocentos contratos en dez anos, moitos deles por horas”. González Casares dixo querer con esa a súa primeira intervención en Pleno “reivindicar o papel a enfermaría en Europa” e “esixir respecto e condicións laborais dignas e xustas para estas profesionais”. 

O popular Francisco Millán Mon, eurodeputado desde 2004, alertou ante o Pleno da "cada día máis dramática" situación en Venezuela e pediu máis implicación da UE no conflito

Un día despois, o 16 de xullo, as outras dúas únicas intervencións verbais ante o Pleno realizadas ata agora por un eurodeputado galego, as dúas tamén dun minuto, como a do socialista, correron por conta do popular Francisco Millán Mon, na Eurocámara desde 2004. Nunha delas apelou á necesidade de afondar nunha política de Defensa común da UE ademais da OTAN e noutra alertou contra a situación “cada día máis dramática” de Venezuela

“O réxime de Maduro, como demostrou o informe Bachelet, viola gravemente os dereitos humanos e as liberdades máis básicas, como, no fondo todos sabiamos”, dixo Millán Mon, pedindo a continuación sancións, “liberación dos presos políticos, un Goberno de transición e a celebración de eleccións presidenciais libres” cunha implicación máis activa da UE. Sobre a cuestión de Venezuela Millán Mon tamén subscribiu dúas propostas de resolución.

González Casares e Millán Mon xa presentaron varias preguntas por escrito, varias delas directamente relacionadas con Galicia, cuxa resposta aínda non chegou

Ademais desas tres intervencións no Pleno, e á espera do que poidan facer nas comisións sectoriais nas que participa cada un (Industria, Investigación e Enerxía e relacións con Chile no caso do socialista, e Relacións Exteriores, Pesca e relacións con Canadá, no do popular) tanto González Casares como Millán Mon xa presentaron varias preguntas por escrito á Comisión Europea ou o Consello Europeo, varias delas directamente relacionadas con Galicia e sobre cuestións que xa avanzaran en campaña que centrarían os seus intereses, cuxa resposta aínda non chegou.

O socialista formulou dez cuestións: tres sen relación directa con Galicia sobre telecomunicacións (unha das áreas temáticas nas que estará especializado dentro do grupo socialista como xa o estaba o seu antecesor Blanco), dúas sobre execución de fondos europeos por parte das comunidades autónomas e cinco sobre cuestións pesqueiras con efecto en Galicia. Pola súa banda, o popular formulou tres preguntas: dúas sobre os obstáculos ao transporte da pesca procedente de Mauritania e outra sobre a reasignación por parte do Goberno central de fondos europeos para rexeneración da ría do Burgo.

A candidata do BNG Ana Miranda, que se repartirá o escano parte da lexislatura con ERC e Bildu, xa traballa no Parlamento como asistenta oficial emantén unha axenda propia de 'lobby' ante as institucións comunitarias

Ademais de González Casares e Millán Mon, nas eleccións do pasado 26 de maio tamén aspiraban a escano na Eurocámara outros varios candidatos galegos, pero deles só Ana Miranda, do BNG, ten expectativas de ocupar un escano ao longo da lexislatura ao repartirse o tempo de representación dos tres postos obtidos pola súa candidatura en coalición con ERC e EH-Bildu. 

Miranda, de feito, xa traballa no Parlamento Europeo como asistenta oficial do eurodeputado de EH-Bildu Pernando Barrena, cuxa única iniciativa ata o momento foi unha moción non relacionada con Galicia, de denuncia de violación de dereitos humanos na fronteira entre México e Estados Unidos. Porén, Miranda, como vén facendo nos últimos anos, mantén unha axenda propia de lobby ante diversas institucións comunitarias sobre cuestións relacionadas con Galicia. Así, o mesmo 2 de xullo en que se constituía o Parlamento Europeo Miranda reuníase coa Defensora do Pobo Europeo para facer seguimento ás queixas presentadas ante esa institución polas vítimas de Angrois, das que vén actuando como representante de feito ante as institucións comunitarias. 

Ana Miranda coa Defensora do Pobo Europeo, Emily O'Reilly, o pasado 2 de xullo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.