Claro triunfo socialista nas eleccións europeas en Galicia e no Estado

O hemiciclo do Parlamento Europeo © Praza Pública

O PSOE gañou tamén nas eleccións europeas. No Estado e en Galicia. Os socialistas seguiron o ronsel da súa vitoria nas eleccións xerais e venceron con claridade nos comicios en España, con máis de 12 puntos de diferenza co PP, que foi a segunda forza, e case o 33% dos votos. 

Son 20 escanos para os socialistas e 12 para o PP, que cae catro. Ciudadanos, pola súa banda, suma 7 escanos e aumenta en nove puntos o seu apoio, mentres que Unidas Podemos suma 6 e supera por pouco o 10%. A extrema dereita de Vox suma máis do 6% e 3 escanos, os mesmos que Agora Repúblicas, liderada por Oriol Junqueras. Junts, a lista de Puigdemont, obtén 2, mentres que CEUS obtén 1. 

O PSOE vence con claridade nas europeas no Estado e en Galicia; o PSdeG sobe 15 puntos no país, onde o BNG é terceira forza e supera a Unidas Podemos

O feito de que as eleccións europeas coincidisen desta volta coas municipais en Galicia provocou, como era previsto, un espectacular aumento de participación, ao pasar do 45,4% de hai cinco anos ao 65,3% deste 26 de maio. En España, tamén houbo un importante incremento, ao subir desde o 45,8% ao 64,4% desta ocasión.

A nivel galego, o PSdeG converteuse na forza máis votada, aproveitando o impulso das pasadas xerais, mentres que o PP afondou no seu retroceso caendo máis de cinco puntos ao pasar de superar o 35% a baixar do 30%. Os socialistas, pola súa banda, incrementan o seu apoio en Galicia en case 14 puntos, superando o 35%.

A esquerda foi nestas europeas a gran vencedora en Galicia, sumando máis do 55% dos votos entre PSdeG, BNG e Unidas Podemos. O Bloque, incluído na coalición Agora Repúblicas, é outro dos grandes triunfadores ao subir catro puntos, duplicar o número de votos e superar a formación morada no país. 

A esquerda venceu con claridade en Galicia ao sumar máis do 55% dos votos entre PSdeG, BNG e Unidas Podemos

Unidas Podemos mantivo a porcentaxe de voto en Galicia coa que a formación morada irrumpira en 2014, con algo máis do 8%. Pola súa banda, Compromiso por Europa, coalición na que se integraba En Marea e a súa candidata, Lídia Senra, obtivo pouco máis do 1% e uns 15.000 votos. Hai cinco anos, AGE, que sentara a Senra na Eurocámara, obtivera máis de 100.000

O PsdeG coloca o galego González Casares na Eurocámara ao obter 20 escanos, ía de 8 nas listas, ao igual que o PP a Millán Mon, tamén de número 8. Nin Vanessa Angustia, de Unidas Podemos, nin Juan Carlos Piñeiro de Compromiso por Galicia, incluída na coalición CEUS, obtiveron representación, do mesmo xeito que Lídia Senra. 

En canto ao BNG, integrado na candidatura Agora Repúblicas xunto a ERC ou Bildu, mellora resultados e obtén case o 12% dos votos.

A coalición obtivo tres escanos na Eurocámara. Liderada polo líder de ERC, Oriol Junqueras, preso no cárcere, ten como número dous a Pernando Barrena, de Bildu, e de tres e catro outros dous membros de Esquerra, Diana Riba e Jordi Solé. 

A galega Ana Miranda, que foi eurodeputada na pasada lexislatura, sitúase na quinta posición e o acordo entre as diferentes forzas garante que sexa parlamentaria durante un período de polo menos un ano, un tempo que se aumentará proporcionalmente segundo os votos obtidos pola coalición en Galicia respecto do total estatal e en comparación co conseguido nos outros territorios. Ademais, e no momento no que o Reino Unido marche da UE, Agora Repúblicas sumaría outro escano. 

Millán Mon (PP), González Casares (PSOE), Miranda (BNG), Senra (En Marea), Angustia (Unidas Podemos) e Piñeiro (CxG), candidatos galegos ao Parlamento Europeo CC-BY-SA Praza Pública

No conxunto da UE, cunha participación algo superior ao 50% e segundo as primeiras proxeccións do Parlamento Europeo, o Partido Popular Europeo gañou os comicios cns 180 representantes, mentres que os socialistas terían obtido 147 escanos, algo por debaixo das sondaxes. En terceiro lugar estaría o grupo dos liberais grazas ao impulso do movemento de Macron, con 102 escanos. 

As forzas eurófobas, ultras ou radicais de dereitas irrumpirían con forza pero aínda estarían lonxe da minoría de bloqueo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.