O Parlamento Europeo, que agora debe negociar coa Comisión e o Consello, tomba unha emenda do PP para facilitar proxectos en espazos protexidos e aproba outra apoiada polos eurodeputados de PSdeG e BNG para garantir participación cidadá
A aposta polas enerxías renovables como alternativa ás fósiles que favorecen o cambio climático é transversal á gran maioría dos grupos políticos en Galicia, o Estado e Europa. O debate é como desenvolvelas, e a Unión Europea está estes días metida de pleno nel. O Parlamento Europeo vén de fixar a súa postura e agora deberá debatela á súa vez coa Comisión Europea e co Consello Europeo (isto é, os estados).
Esas negociacións a tres bandas, os coñecidos como trílogos, poden mudar o aprobado polo Parlamento, pero o que xa é firme é o que defenderon nel os diversos grupos políticos, entre eles os eurodeputados galegos. E o que fixeron, en liña coa votación xeral dos seus grupos políticos europeos, foi defender, no caso do PP, que se facilitase a instalación acelerada de enerxías renovables en espazos protexidos, proposta que foi tombada pola maioría da Eurocámara. Pola contra, si saíu adiante unha proposta apoiada polos eurodeputados de PSdeG e BNG para garantir a participación cidadá no deseño dos espazos prioritarios para o desenvolvemento das renovables.
O Parlamento Europeo votou este mércores a proposta de directiva comunitaria que lle remitiu a Comisión Europea para simplificar e axilizar diversos trámites e impulsar así a instalación de enerxías renovables, nomeadamente eólica e solar, en determinadas áreas de aceleración. O texto da Comisión establecía que esas áreas “excluirán os espazos Natura 2000 e os parques e as reservas naturais, as rutas definidas de migración de aves, así como outras zonas definidas baseándose en mapas de sensibilidade”. Pero o PP europeo presentou unha emenda para engadir a ese texto unha excepción xeralista: “a menos que as centrais de enerxía renovable non afecten de maneira significativa ao obxectivo de protección de ditos espazos e se adopten debidamente medidas apropiadas de mitigación e de potenciación da biodiversidade”.
Esa emenda que facilitaría a instalación de proxectos enerxéticos en áreas protexidas foi apoiada polo PP español, incluído o eurodeputado galego Francisco Millán Mon, e rexeitada polos grupos europeos dos socialistas e dos Verdes/Alianza Libre Europea (ALE), entre eles polos galegos Nicolás González Casares (PSdeG) e Ana Miranda (BNG). O resultado final foi o seu rexeitamento con 368 votos en contra, 228 a favor e 14 abstencións.
Pola contra, si saíu adiante outra emenda ás propostas da Comisión para garantir a participación cidadá, unha iniciativa que tivo na súa orixe o traballo do eurodeputado galego do PSdeG Nicolás González Casares, relator do grupo socialista europeo na Eurocámara para esta directiva comunitaria. Finalmente a súa proposta foi incluída e aprobada a través dunha emenda presentada con palabras similares polo grupo dos Verdes/ALE, do que forma parte a nacionalista Ana Miranda.
A emenda que esixe participación cidadá chega despois de que o Parlamento Europeo admitise a falta de aceptación pública de proxectos de enerxías renovables e instase as administracións a mellorar a súa planificación
O que incorporou á directiva esa emenda similar dos socialistas e Verdes/ALE é que “os Estados membros aseguraranse de que a preparación dos plans que determinen as zonas terrestres e mariñas necesarias para a instalación de centrais de produción de enerxía a partir de fontes renovables” deberá ser “aberta, inclusiva, oportuna e eficaz, e de que o público goce de oportunidades tempranas e efectivas para participar na súa elaboración”. Tamén que os estados deberán concretar a cidadanía que pode estar afectada por eses plans de desenvolvemento das enerxías renovables e asegurarse de que reciba a información sobre os mesmos. Esa emenda si foi incluída grazas á aprobación da Eurocámara con 328 votos a favor, 74 abstencións e 219 votos en contra, entre eles do popular galego Millán Mon.
É unha emenda que chega, por outra banda, despois de que o Parlamento Europeo admitise este mesmo ano a falta de aceptación pública de proxectos de enerxías renovables e instase as administracións a mellorar a súa planificación.
Ademais de González Casares, Miranda e Millán Mon, tamén pode considerarse dalgún xeito eurodeputado galego o representante de Ciudadanos Adrián Vázquez Lázara, madrileño pero con pais galegos e que desde que asumiu o escano en 2019 presentou algunha iniciativa relacionada con Galicia. No seu caso votou en contra das dúas emendas, tanto da do PP que pretendía facilitar as renovables en espazos protexidos como da dos socialistas e Verdes/ALE que logrou reclamar maior participación cidadá.
Cando a directiva comunitaria sexa aprobada definitivamente os estados terán tres meses para adaptar as súas lexislacións
Agora, a directiva, que reduce os prazos de tramitación e de silencios administrativos nas áreas que os estados definan como de aceleración das renovables, será negociada a tres bandas polo Parlamento, a Comisión e o Consello Europeo, e despois, unha vez aprobada definitivamente, os estados membros terán tres meses para adaptar as súas respectivas lexislacións.