O último informe do IPCC asegura que “sen reducións inmediatas e profundas das emisións en todos os sectores, limitar o quecemento global a 1,5ºC está fóra do noso alcance”
O último informe do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC, polas súas siglas en inglés) das Nacións Unidas céntrase na “mitigación” do cambio climático sinalando directamente ás emisións de dióxido de carbono (CO2). “As evidencias son claras: o tempo para a acción é agora. Podemos reducir á metade as emisións para 2030”, aseveran os científicos neste documento aprobado por 195 países e publicado este luns. “Sen reducións inmediatas e profundas das emisións en todos os sectores, limitar o quecemento global a 1,5ºC está fóra do noso alcance”, conclúen os expertos.
O IPCC constata que as emisións netas totais de gases de efecto invernadoiro (GEI) provocadas de accións relacionadas coa actividade dos seres humanos seguiron aumentando no período 2010-2019, sendo as máis altas comparadas con calquera década anterior; porén, a taxa de crecemento entre 2010 e 2019 foi menor que entre os anos 2000 e 2009. Da mesma maneira, o estudo salienta que medraron as emisións netas acumuladas de CO2 desde 1850.
O informe elaborado polo grupo de traballo III do IPCC avalía o progreso global e as promesas de mitigación do cambio climático, examinando as fontes de emisións. Explica os avances e esforzos, así como o impacto dos compromisos dos diferentes Estados en relación cos obxectivos de redución de emisións a longo prazo presentes no Acordo de París.
Un dos novos aspectos que inclúen neste traballo é o capítulo sobre os aspectos sociais da mitigación, que explora que elementos impulsan o consumo e as emisións de gases de efecto invernadoiro. Outra das novidades é o apartado sobre innovación, desenvolvemento e transferencia de tecnoloxía, que describe como "un sistema de innovación ben establecido a nivel nacional, guiado por políticas ben deseñadas, pode contribuír á mitigación, a adaptación e o logro dos obxectivos de desenvolvemento sostible, á vez que evita consecuencias non desexadas".
O grupo de científicos móstrase confiado en que “as emisións globais de gases de efecto invernadoiro en 2030, asociadas coa implementación das contribucións determinadas a nivel nacional anunciadas antes da COP26 [celebrada en Glasgow o pasado novembro], farían probable que o quecemento supere os 1,5°C durante o século XXI". Desta maneira, sinalan que “limitar” ese incremento da temperatura da Terra a menos de 2ºC a respecto da era pre industrial dependería "dunha aceleración rápida dos esforzos de mitigación despois de 2030".
Os datos que manexan apuntan a que “sen un fortalecemento das políticas máis alá das que se implementaron a finais de 2020, prevése que as emisións de GEI aumente máis alá de 2025"; o que suporía un incremento global da temperatura do planeta de 3,2ºC de media para os anos 2100. As cifras coas que traballan son unha redución dun 43% dos GEI antes de 2030 e unha diminución da produción de gas metano nun terzo tamén para ese ano.
Segundo describen, todos os camiños para a limitación do quecemento global por enriba dos 1,5ºC pasan por unha “transición de combustibles fósiles” a “fontes de enerxía de moi baixo ou cero carbono", como son as enerxías renovables. E inclúen "medidas ao lado da demanda e a mellora da eficiencia, redución de emisións que non son de CO2 e o despregamento de métodos de eliminación de dióxido de carbono para contrarrestar emisións residuais de gases de efecto invernadoiro".
Neste sentido, o informe engade que "a redución das emisións de GEI en todo o sector enerxético require transicións importantes, incluída unha redución substancial no uso xeral de combustibles fósiles, o despregamento de fontes de enerxía de baixas emisións, o cambio a portadores de enerxía alternativos, e a eficiencia e conservación da enerxía”.
No que se refire ao sector industrial, responsable dunha cuarta parte das emisións mundiais, certifican que as emisións netas cero de CO2 son "desafiantes pero posibles” e "implicarán unha acción coordinada ao longo das cadeas de valor para promover todas as opcións de mitigación, incluída a xestión da demanda, a eficiencia enerxética e dos materiais, os fluxos circulares de materiais, así como tecnoloxías de redución e cambios transformadores nos procesos de produción”. Uns cambios que –estiman– serían posibles mediante a adopción de novos sistemas de produción baseados en "procesos que utilizan electricidade, hidróxeno, combustibles e xestión de carbono baixos ou sen GEI".
A agricultura e a silvicultura tamén poden axudar a mitigar as emisións GEI e a eliminar dióxido de carbono. Aínda que advirten que “a terra non pode compensar as reducións de emisións retrasadas noutros sectores”, consideran que as políticas axeitadas poderían reducir as emisións desde un 40% ata un 70% ata o ano 2050.
"As áreas urbanas poden crear oportunidades para aumentar a eficiencia dos recursos e reducir significativamente as emisións de gases de efecto invernadoiro a través dunha transición sistémica das infraestruturas e a forma urbana, con baixas emisións e vías de desenvolvemento cara ás emisións netas cero”, defenden.
Son “esforzos ambiciosos de mitigación” para as cidades que pasan por "reducir ou cambiar a enerxía e os materiais de consumo”, a “electrificación” e unha "mellora da absorción e almacenamento de carbono na atmosfera das zonas urbanas”. "As cidades poden lograr emisións netas cero, pero só se as emisións se reducen dentro e fóra dos seus límites administrativos a través de cadeas de subministración, o que terá beneficios efectos en fervenza noutros sectores”, destacan.
En definitiva, os resultados deste informe van ser presentados nos diferentes países para lograr que as políticas nacionais camiñen cara o cumprimento do Acordo de París e se consiga frear o quecemento global do planeta, con consecuencias que os expertos xa comezan a observar e son quen de anticipar. Neste propósito, recomendan que se inclúa a todos os actores no diálogo, pois “non hai solucións que non afecten negativamente a alguén”.