A Comisión Europea lembra, en resposta a unha pregunta de Ciudadanos sobre a situación da praga en Galicia, que ten axuda financeira “a disposición” dos Estados membros
“A Comisión non recibiu do Goberno español ou do Goberno autonómico de Galicia solicitude algunha de apoio concreto para o control da avespa asiática”. Así responde o comisario europeo de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Janusz Wojciechowski, a unha pregunta formulada polo eurodeputado de Ciudadanos Adrián Vázquez Lázara, madrileño de familia galega, que se interesou polas axudas dispoñibles ao respecto e as posibles peticións desde Galicia.
A Comisión Europea lembra que os estados membros “deben adoptar as medidas necesarias para controlar a especie” e salienta que “a axuda financeira da UE para estas medidas está a disposición"
O eurodeputado de Ciudadanos salientaba na súa pregunta á Comisión Europea, formulada en outubro, o elevado impacto da velutina en Galicia e lembraba que está considerada especie exótica invasora pola UE. Por iso, interesábase polas axudas comunitarias dispoñibles e as solicitudes formuladas por España ou Galicia.
Na súa resposta, que chegou en decembro, a Comisión confirma a consideración da velutina como “especie exótica invasora preocupante para a Unión”, lembra que os estados membros “deben adoptar as medidas necesarias para controlar a especie” e salienta a continuación que “a axuda financeira da UE para estas medidas está a disposición dos Estados membros” con cargo a diversos instrumentos financeiros xa existentes.
A Xunta presentou hai un ano, nove anos despois do inicio da praga, un plan para centralizar a loita contra ela
A comisión tamén responde á pregunta directa de se España ou Galicia solicitaron axudas concretas contra a velutina e certifica que non, malia salientar que precisamente “un dos obxectivos do programa apícola español anterior (2017-2019) e do actual (2020-2022) no marco da política agrícola común é atallar a súa expansión”.
A Xunta presentou hai un ano, nove anos despois do inicio da praga, un plan para centralizar e coordinar a loita contra a velutina.