A Xunta presenta un plan para coordinar a loita contra a velutina nove anos despois do inicio da praga

Velutinas nunha trampa nunha árbore froiteira CC-BY-SA Praza Pública

Nove anos despois da chegada da avespa velutina, a Xunta "centralizará" a loita contra ela, asumindo por fin unha vella demanda dos expertos e dos principais colectivos afectados por unha praga que non para de espallarse por Galicia, practicamente colonizada. A expansión da avéspora asiática non se detén desde que en 2011 se avistasen os primeiros exemplares dun insecto que provoca a redución da biodiversidade --sobre todo pola grave afectación nas abellas--, causa serios prexuízos económicos no sector apícola e froiteiro e crea riscos de picaduras, así como inseguridade cidadá.

Malia que ao ano retíranse uns 25.000 niños --poucos menos de 600 retiráranse en 2014, por exemplo--, a Asociación Galega de Apicultura (AGA) advirte de que son 100.000 os que podería haber por toda Galicia dunha avespa velutina que, en maior ou menor medida, é un problema enquistado e cada vez máis estendido. O problema que empezara na Mariña e no Ortegal con dureza afecta agora todos os concellos galegos, con especial impacto en toda a costa e no interior das provincias da Coruña e Lugo. 

A Xunta centraliza a retirada de niños de vespa velutina, que a tal hora realízase con catro sistemas diferentes segundo o concello onde se localicen

Na actualidade, existen catro sistemas distintos de retiradas de niños de velutina dependendo de onde se localicen: 124 municipios colaboran coa Xunta e actúan cos seus propios medios ou os cedidos pola Administración autonómica, noutros 106 son os GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) os que fan esa tarefa, mentres que en 22 da Rede Natura encárgase Medio Ambiente e noutros 61, Medio Rural. 

Agora, a Xunta, en colaboración cos concellos, porá en marcha un plan global co que "centralizar e sistematizar" a retirada de niños, poñendo fin ao "cuádruplo sistema" existente e liderando a resposta que levan anos reclamándolle apicultores, municipios e expertos. Así o explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares, que presentaron este mércores a iniciativa.

Explicárono tras unha xuntanza entre as administracións locais e a autonómica para tatar o fondo de acción local do vindeiro ano, que chegará aos 136 millons de euros. Do total de 23 millóns que en 2020 terá o fondo adicional, que se destina a competencias e finalidades concretas dos municipios, 1,5 serán destinados a este plan contra a velutina, ao que a Xunta achegará outros 800.000 euros ata completar 2,3 millóns

"Este cuádruplo sistema pode dar problemas de resposta", admite Alfonso Rueda

O obxectivo, segundo Rueda, é dar "unha resposta global" ao problema e "centralizar o sistema de recollida" e eliminación de niños, establecendo parámetros e tempos equitativos. Xa que logo, intentando rachar cun sistema no que particulares, concellos, empresas privadas e distintos niveis da administración autonómica seguen o seu propio método. 

"Este cuádruplo sistema pode dar problemas de resposta", recoñeceu Rueda, que asumiu como "elevado" o número de niños que se localizan, o que require unha resposta "homoxénea". No que vai de ano, segundo o vicepresidente da Xunta, retiráronse xa 15.000 miños e hai 10.000 pendentes de ser retirados. 

O obxectivo do plan, que prevé estar en funcionamento en 2020, é establecer uns criterios "homoxéneos" de actuación, tanto no que ten que ver cos tempos como no procedemento, así como que exista unha única entidade que se encargue en toda Galicia de retirar os enxamios. Agora a Xunta decidirá se se fai a través dunha encomenda de xestión, cunha licitación ou mediante unha empresa colaboradora. 

O vicepresidente da Fegamp, pola súa banda, gabou a coordinación das administracións e confía en que se "minimice o impacto" da velutina, polo que apostou por que o novo sistema "funcione canto antes". 

Expansión da avespa velutina por Galicia a 14 de outubro de 2019 CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.