"Ata agora, o principal límite" para "producir modelos actualizados" de expansión da avespa velutina foi a dificultade para ter "datos en tempo real". Para tentar comezar a esquivar este atranco vén de nacer Velumap, unha aplicación para dispositivos móbiles desenvolvida no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) en colaboración coa Deputación da Coruña, xa dispoñible tanto para Android como para IOS.
O propósito deste proxecto é "mellorar o coñecemento da autoecoloxía da especie e producir mapas actualizados de como será a distribución" da velutina "practicamente en tempo real", explica o doutor Luis Rodríguez Lado, investigador do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC responsable do proxecto en colaboración con Abraham Martínez Gracia, técnico do Cesga. Velumap é, ao cabo, a ferramenta para realizar un "mostreo colaborativo": a poboación que detecta a presenza de velutinas comunícao e colabora coa base de datos construída para tentar controlar a praga. Os resultados desta monitorización xa son visibles sobre o mapa da investigación.
"Supón un grande avance porque, ademais de ter datos en tempo real, permite identificar a presenza da avespa asiática en lugares pouco accesibles ou con pouca poboación"
"A plataforma -explican os seus desenvolvedores- recibe os datos enviados" por cada persoa usuaria e "actualiza automaticamente as predicións de distribución" dos insectos. "Supón un grande avance -detalla Rodríguez Lado- xa que, ademais de ter datos de presenza en tempo real, está dispoñible un medio para identificar a presenza da avespa asiática en lugares remotos, pouco accesibles ou con pouca poboación", nos que na actualidade non hai constancia de se a velutina chegou ou non "porque, simplemente, non se comunicara oficialmente".
Canta máis poboación utilice Velumap, resaltan os investigadores, "mellores serán os resultados dos modelos preditivos" e, daquela mellor poderá afrontarse o espallamento desta especie invasora.
Cada persoa que utilice Velumap pode elixir se dar conta de velutinas illadas ou de niños da especie, colaborando así a predicir a súa expansión
Cada persoa que utilice Velumap ten que rexistrarse na aplicación e elixir se quere ofrecer observacións sobre avespas illadas ou sobre a presenza dos seus niños. Unha vez feito, terá que achegar unha fotografía. En caso de dúbida, resaltan os autores, "a aplicación conta cunha guía simplificada da Consellería de Medio Ambiente que axuda a verificar que se trata dunha velutina".
Coa fotografía xa agregada é posible inserir comentarios que poidan ser de utilidade para as pescudas. Por exemplo, "o ambiente no que se atopa a especie para sinalar o emprazamento xeográfico da observación", así como a hora ou o tempo meteorolóxico no momento da observación. Con todas estas achegas Velumap plasma sobre o mapa "os datos de presenza rexistrados e os mapas de distribución potencial xerados polo sistema".
Esta aplicación para dispositivos móbiles é un paso máis nos traballos que o equipo de Rodríguez Lado, en colaboración coa Deputación da Coruña, vén desenvolvendo para tentar predicir con precisión a expansión da velutina. As conclusións máis recentes do seu modelo matemático xa advertían de risco alto ou moi alto en practicamente todo o litoral galego, se ben o feito de que este verán non estea a rexistrar polo momento temperaturas moi altas permite amortecer relativamente o seu impacto.