Case todo o litoral galego presenta risco alto ou moi alto de presenza de avespa velutina

Porcentaxe de superficie en cada concello con risco alto ou moi alto de presenza da velutina © USC

O pasado venres publicouse a actualización do modelo matemático -desenvolvido polo investigador Luis Rodríguez Lado, do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC- que analiza a probabilidade de extensión da avespa velutina en Galicia. Nun informe que resume o seu contido destácase que neste 2019 o insecto continuará a expandirse por todo o territorio galego.

No 2019 o 28,76% de Galicia presenta risco alto ou moi alto de presenza de niños de Vespa velutina

No ano 2019 o 28,76% de Galicia presenta risco alto ou moi alto de presenza de niños de Vespa velutina. O pasado ano a superficie con risco equivalente foi do 25,61%, o que indica un ascenso de máis de tres puntos. Os concellos con maior superficie potencialmente afectada na categoría de risco Moi Alto son Cambados, Ribadumia, Mugardos, A Coruña, Rábade, Cambre, Vilanova de Arousa, A Guarda, Vigo, Bergondo, Sanxenxo, Sanxenxo, Portas, Oleiros, Betanzos, Narón, Vedra, Meaño, Ares, Redondela e Mos.

De feito, a práctica totalidade das provincias da Coruña e Pontevedra presentan este risco alto ou moi alto, agás as áreas de Noia, Muros e Barbanza, a contorna das Pontes de García Rodríguez, así como algunhas zonas altas do interior de Pontevedra. Tamén presentan un risco elevado toda a Mariña lucense e a comarca do Ribeiro, en Ourense. O resto das provincias de Lugo e Ourense fica, de momento, con parámetros de risco máis reducidos.

Rexistros de vespa velutina en 2018 © USC

A primeira edición deste modelo matemático publicouse hai dous anos, utilizando unha serie de 50 variables ambientais, dende a meteoroloxía ata os hábitats preferidos polo insecto para asentarse. 

A maior parte dos niños foron detectados en zonas agrícolas ou en solo urbano

O informe recolle, a partir dos niños detectados no ano 2018 que a maioría foron localizados en áreas de mosaico agrícola (41,2%), seguidos de solo urbano (27,75%), infraestructuras (8,15%) e de monte baixo (6,22%) en cuarto lugar. Os niños localizados en super ficies ocupadas por frondosas, eucaliptos e coníferas supuxeron* un 14,38% do total. 

Con todo, destaca que segue a ser o clima a variable que máis determina o asentamento da especie nun determinado lugar, optando preferentemente a avespa pola franxa costeira, onde as temperaturas medias anuais son suaves e a amplitude térmica está atenuada debido á súa proximidade ao mar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.