Os apicultores galegos gastan case 600 euros anuais en loitar contra a velutina, que reduciu un 20% os seus beneficios

Unha avespa velutina e unha abella CC-BY-SA Danel Solabarrieta

Os custos de control e prevención nos que incorreron os apicultores e apicultoras ascenden a 2,5 millóns de euros anuais

Galicia leva unha década sufrindo os efectos da presenza do territorio da avespa velutina, unha especie invasora que ten provocado grandes prexuízos, especialmente, ao sector da apicultura, como teñen denunciado en varias ocasións entidades coma a Asociación Galega de Apicultura (AGA). Agora, un estudo realizado por persoal investigador da Universidade de Santiago alerta de que os gastos xerados pola loita contra esta especie reduciron un 20% os beneficios que xera a apicultura en Galicia pola venda de mel.

Así, tras realizar un total de 151 enquisas a persoas dedicadas á apicultura en Galicia, estimaron que os custos de control e prevención nos que incorreron ascenden a 2,5 millóns de euros (entre 1,8 e 3,3 millóns cun intervalo de confianza do 95%), con datos referidos a 2020.

Avespa velutina atrapando unha abella © SGHN

O custo medio sufragado polas preto de 5.000 persoas apicultoras en Galicia foi de 561 euros, unha cifra que varía por provincias, sendo Pontevedra a máis afectada debido ás súas condicións climatolóxicas, cun custo medio de 1.062 euros por persoa apicultora

Unha análise pormenorizada dos datos permite cifrar o custo medio sufragado polas preto de 5.000 persoas apicultoras en Galicia en 561 euros, unha cifra que varía por provincias, sendo Pontevedra a máis afectada debido ás súas condicións climatolóxicas, cun custo medio de 1.062 euros por persoa apicultora, e Lugo, a menos gravosa no período de referencia, cun gasto inferior a 400 euros. As cifras ascenden a preto de 500 euros no caso de Ourense a máis de 600, na provincia da Coruña. 

O estudo do grupo Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC foi realizado polos profesores da EPS de Enxeñaría Ana Isabel García Arias e Iban Vázquez González, e a investigadora no mesmo centro universitario lugués Mariam Ferreira Golpe. 

Os gastos derivados do trampeo, a pesar das trampas gratuítas repartidas polas administracións, representan aproximadamente a metade dos custos asumidos polas persoas apicultoras

O estudo realizado ao abeiro do proxecto Atlantic Positive, financiado nun 75% con fondos FEDER co obxectivo de frear a expansión desta especie invasora e minimizar o seu impacto nos ecosistemas e no desenvolvemento socioeconómico do Espazo Atlántico, revela tamén que o trampeo foi o método máis estendido fronte á avespa velutina. De feito, os gastos derivados da colocación destes dispositivos, a pesar das trampas gratuítas repartidas polas administracións, representan aproximadamente a metade dos custos asumidos polas persoas apicultoras. O custo da formación ascendeu a 64 euros por apicultor ou apicultora.

Exemplar de avespa velutina © AGA

O persoal investigador da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC aproveitou tamén este proxecto para avaliar a incidencia da avespa velutina no sector vitivinícola a través dunha enquisa a técnicos das distintas Denominacións de Orixe

O persoal investigador da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC aproveitou tamén este proxecto para avaliar a incidencia da avespa velutina no sector vitivinícola a través dunha enquisa a técnicos das distintas Denominacións de Orixe. As conclusións obtidas nesta liña de investigación apuntan que esta especie invasora tivo unha presenza máis temperá na D.O. Rías Baixas, para logo estenderse de xeito progresivo ao resto das zonas de produción. 

Os danos increméntanse con cada ano que pasa e a praga ten unha maior presenza, subliñan os investigadores, que tamén salientan a relevancia das picaduras na froita, en tanto que favorecen a aparición doutras enfermidades.

Esta especie invasora tivo unha presenza máis temperá na D.O. Rías Baixas, para logo estenderse de xeito progresivo ao resto das zonas de produción

O obxectivo principal do proxecto Atlantic Postive, que vén de rematar o pasado 30 de xuño, é o de contribuír á preservación dos servizos de polinización a través do desenvolvemento de enfoques integrados para o control da avespa velutina e a minimización do impacto desta especie invasora tanto nos ecosistemas como no desenvolvemento socioeconómico da Área Atlántica. 

A aplicación desta tarefa foi posible grazas á creación de áreas protexidas en espazos naturais rurais e periurbanos, e ao establecemento dunha rede de cooperación transnacional para o desenvolvemento de actividades conxuntas. Creáronse tamén estratexias de prevención e un Plan Estratéxico Atlántico para protexer a biodiversidade e os servizos ecosistémicos, ao tempo que se promoveron campañas de educación, formación e redes de colaboración aínda activas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.