Hai dúas semanas o Consello da Cultura Galega e Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia organizaron unha xornada de análise sobre a avespa velutina, A Vespa velutina en Galicia: estado da cuestión e avances científicos, na que participaron especialistas da materia e apicultores. A partir das conclusión desa xornada e doutros estudos e investigacións, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de remitir senllos escritos ás consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente demandando unha serie de actuacións concretas para frear o avance desta especie invasora e solicitando, ademais, determinadas informacións sobre a situación actual.
A SGHN sinala que a propagación da Vespa velutina en Galicia "mantense a un ritmo máis o menos constante" e di que "é necesario impulsar medidas de control"
A SGHN sinala que a propagación da Vespa velutina en Galicia "mantense a un ritmo máis o menos constante" e di que "é necesario impulsar medidas de control", criticando as declaración realizadas nos últimos meses por representantes da Xunta sobre que é necesario aprender a convivir con ela ou que é imposible a súa erradicación. Para a entidade estas palabras "non son compatibles coa determinación de facer o imposible para a erradicar ou cando menos controlar esta especie a niveis aceptables".
Os escritos están asinados por Xosé Lois Rey Muñiz, coordinador da Sección de Entomoloxía da SGHN, que subliña que "aínda que sexa complicada loita contra este insecto, hai que facer todo o posible para conter a súa proliferación".
Conclúe que nestes momentos se está a facer "un ineficiente emprego dos medios económicos e materiais para o control desta especie"
Reclama, en primeiro lugar, un maior apoio da Xunta á investigación e ás universidades e institutos que están a traballar en métodos para predicir a propagación da praga e en ferramentas para combater o seu avance. "Estes medios foron desenvolvidos con cartos públicos e unha vez rematado o proxecto inicial este é mantido polo interese particular do seu desenvolvedor", sinala nos escritos presentados. Destaca que "varias liñas de investigación ofrecen potentes e potenciais medios de loita (emprego de feromonas, atraentes...)", pero suxire que non se están a desenvolver por falta de recursos económicos.
Reclama un maior apoio da Xunta á investigación
Conclúe que nestes momentos se está a facer "un ineficiente emprego dos medios económicos e materiais para o control desta especie". "A efectividade é como mínimo discutible e o investimento por niño retirado que debe ser mellorado", di. Aclara que a SGHN "non está en contra da retirada dos niños, senón de como se está a facer" e propón que se eliminen todos os niños "sexa cal sexa a época do ano", pois "está confirmado que hai niños que manteñen poboacións viables durante todo o ano, incluído o inverno".
En canto ao uso de insecticida, a SGHN alerta de que "a conservación das abellas e do resto de invertebrados é incompatible co uso incontrolado de insecticidas, uso que a SGHN ven denunciando reiteradamente pola, como mínimo, laxitude no seu control e xestión".
A entidade advirte de que "non existe ningún estudo científico que avalíe o emprego de trampas"
En relación coas trampas empregadas ata agora, a entidade advirte de que "non existe ningún estudo científico que avalíe o emprego de trampas". E acusa á Xunta de "fomentar" ou cando menos "a vista gorda" cun sistema non selectivo "sobre o cal os datos previos amosan unha mortaldade non selectiva sobre outros grupos de insectos, incluídos potenciais polinizadores ou especies como a Vespa crabro". Engade que "as trampas entregada pola Xunta de Galicia non son as que mellor rendemento obteñen nos test realizados a diversos modelos".
Finalmente, denuncia que se están a importar outras variedades de abellas "alleas á nosa fauna", algunhas "cun comportamento máis agresivo cas raza autóctona", o que pode producir ademais unha perda de xenes das variedades autóctonas, e a entrada de novas enfermidades e patóxenos.