Apicultores e labregos reclámanlle á Xunta un urxente "trampeo masivo" ante a expansión da velutina

Acción organizada no Día das Abellas © AGA

"Levamos dende o 2012 coa velutina presente en Galicia, e en 5 anos consiguíu colonizar o 70% do territorio galego, levando consigo abellas e outros insectos, kilos de mel e froitas, varios sustos e o desgraciado acontecemento sucedido no Porriño o pasado mes de novembro. Hai que actuar xa". Laura García Sáez, representante da Asociación Galega De Apicultura (AGA) expresábase con esta claridade este mércores no Parlamento galego. Alí, varios representantes da Plataforma Stop Velutina, na que participan AGA e SLG entre outras entidades, presentou no rexistro da cámara unha proposición non de lei (PNL) con medidas para loitar contra esta especie invasora: trampeo masivo en primavera, impulsar a investigación nas universidades e unha mellor coordinación entre consellerías e con outros gobernos. Esta proposta, que será debatida en xaneiro, únese a outra PNL que os tres grupos da oposición presentaron hai unhas semanas, e que se votará no pleno do 20 de decembro, derradeiro deste ano. Ese día a Plataforma convoca unha concentración diante do Parlamento (ás 17 horas) na que participarán todas as asociacións integrantes e á que animan a asistir a toda a cidadanía.

É necesaria a colocación de ao redor de 50.000 trampas en todos os concellos afectados e isto debe comezar a facerse antes do inicio da primavera, polo que debe aprobarse de inmediaro para estar preparado a finais de xaneiro do 2018

Unha das medidas fundamentais contida na proposta é relativamente urxente. É necesaria a colocación de ao redor de 50.000 trampas en todos os concellos afectados e isto debe comezar a facerse antes do inicio da primavera, polo que debe aprobarse de inmediaro para estar preparado a finais de xaneiro do 2018. A avespa asiática xa se estende por toda Galicia agás nas zonas montaña e un recente estudo da USC calcula que ao redor da metade da superficie do país (o 47.88%) ten un risco "alto ou moi alto" de presenza de niños de Vespa Velutina. Os concellos con maior superficie potencialmente afectada na categoría de risco moi alto son A Guarda, Ames, Boqueixón, Carral, Cerdido, Fene, Ferrol, Frades, Meaño, Moeche, Mondariz-Balneario, Mugardos, Narón, Ordes, Pontecesures, Pontedeume, Portas, Redondela, Ribadumia e Teo.

Ademais dese trampeo masivo, que busca capturar futuras raíñas fundadoras e evitar así a aparición dos enormes niños secundarios no verán, a Plataforma reclama que a Xunta asine convenios de colaboración coas universidades galegas para levar a cabo investigacións sobre a velutina de cara a atopar ferramentas de control biolóxico que permitan controlar a expansión a longo prazo. De igual xeito, esixe do Goberno galego a aprobación dunha partida específica para loitar contra a praga, como xa fixo por exemplo Asturias, que o vindeiro ano destinará medio millón de euros a esta cuestión, ou Cantabria, que reservou 300.000 euros.

"Os apicultores e apicultoras experimentan entre un 20-30% máis de custos asociados á velutina, e isto sen contar a perda de abellas e a perda correlativa nas colleitas de mel"

Así mesmo, a Plataforma demanda un sistema de axudas directas mediante convocatoria, para compensar aqueles labregos e apicultores que sofren perdas nas súas froiteiras e colmeas por mor da vespa invasora. "Os apicultores e apicultoras experimentan entre un 20-30% máis de custos asociados á velutina, e isto sen contar a perda de abellas e a perda correlativa nas colleitas de mel", sinala neste senso Laura García Sáez. 

Outra das eivas que a Plataforma sinala na acción da Xunta nesta cuestión refírese a cuestións organizativas e de xestión. Por unha banda, a entidade solicita a presenza dos sectores afectados nos organismos da administración que están a tratar o problema, a chamada Comisión de seguimento da que forman parte tres Consellerías "e que actualmente parece non ser operativa", denuncia García Sáez, que subliña que "é fundamental que se escoite aos afectados e que estos poidan tamén facer propostas de xestión". Ademais, denúnciase a falta de coordinación con outras comunidades autónomas afectadas, nomeadamente con Asturias e Cantabria, e co Goberno central.

"O 15 de novembro reuníronse en Santander os representantes das Consellerías de Medio Ambiente e do Medio Rural de Asturias e Cantabria, co obxectivo de xuntar forzas e levar propostas ao Ministerio nunha seguinte reunión que se celebrou o día 22 do mesmo mes. Galicia non asistiu a esta reunión, non coñecemos os motivos, pero consideramos necesario que a Comunidade máis afectada pola velutina se coordine coas comunidades veciñas no futuro a fin de mellorar na xestión (por exemplo nun
hipotético plan de trampeo "da Cornixa Cantábrica") onde tamén ten moito que dicir o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, con competencias de coordinación neste senso", revelou a voceira da Plataforma.

Galicia non asistiu á xuntanza que en novembro mantiveron Asturias e Cantabria para loitar coordinadamente ante a praga

A entidade reclámalle ao Goberno central que asuma igualmente as súas responsabilidades neste asunto, que ata agora vén delegando na acción das comunidades autónomas. Neste senso a Plataforma baralla a posibilidade de levar as súas demandas ao Congreso dos Deputados se as súas demandas "non son escoitadas e debidamente atendidas" en Galicia.

A análise e as críticas da Plataforma van na mesma liña que as que vén realizando a Asociación Galega de Apicultura (AGA) nos últimos tres anos. "A praga da velutina vai nun bólido e as institucións van detrás nun carro de vacas", dicía este verán Xesús Asorey, voceiro de AGA, en entrevista con Praza Pública.

 

Rexistro da PNL, este mércores © Asociación Galega De Apicultura
Acción organizada no Día das Abellas © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.