Esixen á Xunta a activación dun Plan galego para o control da velutina ante o agravamento do problema

Concentración ante a sede da Xunta en Lugo para esixir a activación dun Plan galego para o control da velutina © SLG

O SLG demanda á Xunta que "asuma as súas responsabilidades" e alerta de que a velutina constitúe "un grave perigo para a saúde das persoas debido á elevada presenza de niños"

Máis dun cento de persoas concentráronse esta semana ante a sede da Xunta en Lugo, convocadas polo Sindicato Labrego Galego (SLG) para esixir do Goberno galego a activación dun Plan galego para o control da vespa velutina, ante os crecentes prexuízos que esta especie invasora está a provocar, especialmente no sector agrario. 

O SLG demanda á Xunta que "asuma as súas responsabilidades" e alerta de que a velutina constitúe "un grave perigo para a saúde das persoas debido á elevada presenza de niños", especialmente en núcleos de poboación, aparecendo incluso dentro das vivendas e nas súas inmediacións. Así mesmo, lembra que tamén no aspecto laboral "o risco é crecente dende hai anos, tanto nos traballos forestais como nos agrícolas, complicando en gran medida a realización de certas tarefas durante o verán e o outono".

Concentración ante a sede da Xunta en Lugo para esixir a activación dun Plan galego para o control da velutina © SLG

A nivel alimentario, a praga da Vespa velutina provoca "unha merma importante na produción de alimentos, afectando gravemente á produción apícola, de froita e de viño"

A nivel alimentario, a praga da Vespa velutina provoca "unha merma importante na produción de alimentos, afectando gravemente á produción apícola, de froita e de viño, quedando inservible para a comercialización ou a transformación", sinala o SLG. Nos apiarios, ademais, as colmeas "colapsan chegando a mortalidades moi elevadas, que fan inviable a súa continuidade, chegando mesmo a poñer en perigo a incorporación de persoas mozas á actividade agraria", alerta.

Finalmente, a nivel medioambiental o seu impacto é tamén patente. O SLG advirte de que "asistimos xa a unha diminución drástica na biodiversidade, por predación dalgunhas especies de insectos e por competencia polo nicho ecolóxico con outras moitas".

Demandouse á Xunta a elaboración urxente dun Plan galego para a detección control e/ou erradicación da Vespa velutina

Na concentración demandouse á Xunta a elaboración urxente dun Plan galego para a detección control e/ou erradicación da Vespa velutina nigrithorax, apoiado nun fomento da investigación sobre o ciclo biolóxico e comportamento da vespa velutina en Galicia, así como o desenvolvemento de mellores ferramentas de trampeo -con trampas e atraíntes máis efectivas e menos prexudiciais para outras especies-, establecendo un protocolo e un plan coordinado coas distintas consellerías, a FEGAMP e os concellos.

Velutinas nunha trampa caseira instalada nunha árbore CC-BY-SA Praza Pública

Solicitouse a habilitación de axudas para a prevención dos ataques nos apiarios, prevendo a posibilidade de habilitar axudas polas perdas ocasionadas por esta especie

Ademais, solicitouse a habilitación de axudas para a prevención dos ataques nos apiarios, prevendo a posibilidade de habilitar axudas polas perdas ocasionadas por esta especie. Tamén se pide que se consideren as baixas ocasionadas pola velutina como causa específica de forza maior contemplada nos criterios de excepcionalidade que eximen do reintegro das axudas percibidas, tanto nas 'Axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria', como nas 'Axudas Agroambientais da PAC'.

O SLG critica que "a retirada dos niños se estivo a realizar con cando menos dous meses de atraso, debido ao pouco persoal contratado, quedando as persoas traballadoras en situación de precariedade, cun gran número de niños sobre os que actuar diariamente en longas xornadas de traballo"

O SLG xa alertou hai uns meses que o elevado número de raíñas na primavera e a presenza temperá nos apiarios facía presaxiar que sería "un ano especialmente complicado en canto á existencia de niños de Vespa velutina". Esta alerta foi trasladada á Consellería de Medio Ambiente e á Consellería do Medio Rural en senllos escritos, onde se enumeraban as propostas do SLG e se solicitaba unha xuntanza de urxencia. Ademais foi exposta a situación no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 19 de xuño e no Consello Forestal de Galicia do día 23 de xuño. Porén, o Sindicato denuncia que a Consellería de Medioambiente "non respostou".

O SLG critica tamén que no Programa de vixilancia e control fronte á velutina "a retirada dos niños se estivo a realizar con cando menos dous meses de atraso, debido ao pouco persoal contratado, quedando as persoas traballadoras en situación de precariedade, cun gran número de niños sobre os que actuar diariamente en longas xornadas de traballo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.