"A praga está descontrolada". Suso Asorey, voceiro de Asociación Galega de Apicultores e representante da Plataforma Stop Velutina, fala claro sobre a praga que dende hai anos se estende por Galicia e que prexudica moi directamente aos apicultores, pero tamén a labregos e a calquera persoa que realice traballos no exterior. E á sociedade no seu conxunto, dada a vital importancia das abellas, ás que as avespas atacan. "Os apicultores en ningún momento quedamos de brazos cruzados. Aprendemos bastantes cousas sobre a velutina e puxemos en marcha moitas ideas para conter a súa expansión, pero chegou un momento que xa non demos avanzado máis", sinala en conversa con Praza.
A pasada semana a Plataforma Stop Velutina presentou senllas solicitudes nas consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural en demanda dunha liña de financiamento específico para investigación de novos métodos para frear a expansión desta praga e de axudas directas ao sector apícola para facer fronte á protección das colmeas. Reclaman "a implicación real e efectiva" da Xunta "nesta problemática", asumindo "as competencias que lle corresponden". Piden, ademais, ser recibidos polos conselleiros Ángeles Vázquez e José González Vázquez.
Hai meses investigadores e investigadoras das tres universidades galegas xunto coa Plataforma Stop Velutina decidiron abordar xuntos esta situación, creando un grupo estable de traballo. Chegaron á conclusión de que a pesar de que existen avances na investigación faltan recursos e financiamento para continuar cun traballo que chegue a plasmarse en métodos eficaces de control da praga.
"Ante o avance da praga ano tras ano e a constatación de que a erradicación é practicamente imposible, a investigación é indispensable para mellorar os sistemas actuais de loita e atopar novas ferramentas máis eficaces e selectivas"
Asorey sinala que "estamos traballando xuntos todos os colectivos afectados e os investigadores das tres universidades. Agora falta o outro pé, que é a Xunta, que é quen ten que poñer os medios. Se o Goberno galego tivese vontade e se unise ao grupo poderiamos avanzar moito: nun prazo de tres anos teriamos posibilidades de comezar a frear a expansión desta praga. Sen a súa axuda será imposible". "Ante o avance da praga ano tras ano e a constatación de que a erradicación é practicamente imposible, a investigación é indispensable para mellorar os sistemas actuais de loita e atopar novas ferramentas máis eficaces e selectivas", explica, en referencia á mellora dos sistemas de loita biolóxica con feromonas, con bacterias ou fungos.
Nas solicitudes entregadas ante as dúas consellerías tamén se piden ferramentas que melloren a comunicación entre os diferentes axentes implicados e a xestión da información, comezando pola creación dunha Mesa Sectorial "para traballar unidos nesta loita todos os sectores afectados xunto co científico e a administración". A praga debería ser tratada de forma transversal implicando a todo o aparato administrativo a nivel autonómico, estatal e europeo", subliña a Plataforma
Investigadores/as das universidades galegas que traballan sobre a vespa velutina | Plataforma Stop Velutina
A Plataforma Stop Velutina demanda igualmente axudas para cubrir os gastos derivados de protexer as colmeas, como por exemplo coa instalación de trampas eléctricas. "Esta é unha das medidas que demostrou ata o momento resultados positivos, tal como sinalan estudios realizados dende a Universidade de Vigo e financiados pola propia Xunta de Galicia", di. "Pero o seu uso xeralizado require dunha grande inversión, gasto que está sendo asumido directamente por cada apicultor e apicultora de xeito individual", explica. "Hai que ter en conta que a apicultura non é só unha actividade gandeira produtiva, da que se benefician produtores e consumidores. As abellas son clave para o mantemento da biodiversidade a través da súa función polinizadora, polo tanto o seu coidado e protección non debe recaer exclusivamente nos apicultores e apicultoras", engade.
“Non entendemos por que a Xunta non se está implicando suficientemente nesta loita”, conclúe
Lembran tamén "a necesidade de realizar campañas de divulgación social, dirixidas á cidadanía en xeral e tamén a colectivos específicos, como o caso do sector apícola, pola súa afectación directa co problema, ou o educativo, pola importancia de sensibilizar a poboación e conseguir a súa colaboración". Así mesmo, propoñen "establecer protocolos de actuación unificados, elaborados de forma consensuada entre administración, sectores e investigadores, dirixidos tanto á prevención como na retirada de niños".
“Os apicultores e os labregos e agora tamén os investigadores universitarios facemos o que podemos para conter a súa expansión, pero nós sós non damos feito”, alerta Asorey. “A Xunta, que é o noso goberno máis próximo, ten que colaborar”, di. “Non entendemos por que a Xunta non se está implicando suficientemente nesta loita”, conclúe.
Unha gran propagación en toda Galicia
"Todo o mundo está sorprendido pola gran propagación que está habendo en Galicia, superior á que se dá no resto da cornixa cantábrica", comenta Suso Asorey. A pasada primavera fora chuviosa, o que pareceu que ía diminuír a expansión da praga, pero ao final o tempo seco e cálido dos meses seguintes fixo que o número de exemplares de avespa asiática fose finalmente semellante ao do ano anterior. Ademais, continuou a súa estensión por todo o territorio galego, mesmo polas terras altas de Lugo e Ourense, ata onde non chegara ata agora. De feito, os datos ofrecidos por Medio Rural sobre o número de niños detectados en cada concello amosan que nun número moi importante de localidades da provincia da Coruña atopáronse máis de 100 niños no que levamos de ano, ao igual que nas Rías Baixas. Pero, ademais, o sur das provincias de Lugo e Ourense, que ata agora presentaban cifras moito menores, comezan a sumar cifras moi importantes.
Presentación das solicitudes no rexistro da Xunta | Plataforma Stop Velutina