0 Gardados para despois

Así se pode estender a avespa asiática no ano 2018 en Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A vespa velutina asentouse xa nunha parte importante de Galicia, nomeadamente na provincia da Coruña, a maior parte de Pontevedra e o norte da de Lugo. Unha praga que crece moito máis rapidamente que os medios empregados para combatela ("A praga da velutina vai nun bólido e as institucións van detrás nun carro de vacas", dicía este verán Xosé Asorey, da Asociación Galega de Apicultura). A Universidade de Santiago vén de lanzar -en colaboración coa Deputación da Coruña- unha aplicación que permite visualizar nun mapa a distribución presente e futura da velutina en base a un modelo creado polo investigador Luis Rodríguez Lado, do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC.

O modelo emprega 50 variables ambientais, dende a meteoroloxía aos hábitats preferidos polo insecto para asentarse, que permiten predicir a distribución potencial futura do insecto e deste xeito articular mellor os medios e estratexias para combater a súa extensión. "Esta aplicación constitúe unha ferramenta de apoio para a xestión de futuras actuacións de monitorización e control da presenza da especie en Galicia", destácase na presentación, que sinala que "é preciso o desenvolvemento de sistemas de monitorización, baseados nunha metodoloxía científica, que permitan a delineación das áreas potencialmente afectadas e anticipen a sua distribución considerando o efecto das variacións debidas a cambios nas condicións medioambientais, especialmente do clima, a curto e medio prazo".

En Galicia, as primeiras observacións da Vespa velutina datan do ano 2011, cando se constatou a súa presenza na Mariña Lucense, Culleredo e nos arredores de Vigo e Baiona. Dende entón, a súa expansión non foi detida e datos correspondentes ao ano 2016 indican a existencia de niños de avespa asiática en 227 concellos. O informe elaborado por Rodríguez Lado explica que "unha análise da distribución dos niños rexistrados nos últimos anos indica que a especie se localiza preferencialmente a carón da franxa costeira, onde as temperaturas medias anuais son suaves e a amplitude térmica está atenuada debido á súa proximidade ao mar". E alerta de que as previsións de cambio climático "prognostican para Galicia un aumento das temperaturas entre 2,6− 6 °C e un descenso do 20% nas taxas de precipitación para o ano 2099, o que tería implicacións na distribución futura da especie". Outro dos factores analizados é a distribución dos niños en función da clase de solo, de xeito que "a maior parte dos niños atópanse asociados a usos de mosaico agrícola (38.43%), seguidos de solo urbano (24.56%).

A aplicación do modelo para o ano 2016 conclúe que o 21,9% de Galicia presenta risco alto ou moi alto de presenza de niños de V. velutina, mentres que a aplicacións dos mesmos parámetros para 2017 resulta nun o 47.88% de superficie con ese risco alto ou moi alto. Os concellos con maior superficie potencialmente afectada na categoría de risco moi alto son A Guarda, Ames, Boqueixón, Carral, Cerdido, Fene, Ferrol, Frades, Meaño, Moeche, Mondariz-Balneario, Mugardos, Narón, Ordes, Pontecesures, Pontedeume, Portas, Redondela, Ribadumia e Teo.

"Unha imaxe máis precisa da distribución esperada en 2018 estará dispoñible a principios do vindeiro ano"

O sistema permite establecer tamén previsións de probabilidade e risco potencial de presenza para o ano 2018. Porén, o seu creador advirte de que "estes mapas teñen unicamente un carácter orientativo, xa que son produto dun modelo calibrado con datos de presenza recopilados con dous anos de anterioridade (2016), a resposta climática que a especie tivo naquel ano e datos climáticos para o ano 2018 estimados a longo prazo, polo que estas estimacións presentan un alto grao de incerteza". E anuncia que "unha imaxe máis precisa da distribución esperada en 2018 estará dispoñible a principios do vindeiro ano".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.