A velutina seguirá estendéndose este ano en varias comarcas da Coruña e Pontevedra

Probabilidade de distribución da vespa velutina neste 2018 © USC

A Vespa Velutina seguirá estendéndose neste 2018 en Galicia, nomeadamente no interior das provincias da Coruña e Pontevedra, segundo un modelo matemátcio desenvolvido polo investigador Luis Rodríguez Lado, do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC. O moelo permite analizar a presenza da avespa asiática nos diferentes concellos de Galicia e prever a probabilidade de expansión futura, en base a unha serie de 50 variables ambientais, dende a meteoroloxía aos hábitats preferidos polo insecto para asentarse. 

En 2017 apareceron niños de avespa asiática en 258 concellos

O modelo presentouse o pasado ano e os seus resultados poden consultarse ademais nunha aplicación desenvolvida pola Universidade de Santiago co apoio da Deputación da Coruña que permite visualizar nun mapa a distribución presente e futura da velutina.

Datos correspondentes ao ano 2017 indican a presenza de niños de avespa asiática en 258 concellos de Galicia. A maior parte dos niños atópanse asociados a usos de mosaico agrícola (41.5%) -núcleos rurais non consolidados, cultivos, viñedos e prados-, seguidos de solo urbano (26.66%), infraestructuras (7.81%), eucaliptos (6.5%), monte baixo (5.65%), frondosas (5.44%) e coníferas (4.79%).

O modelo prevé para o ano 2018 que o 27.69 % da superficie de Galicia presente risco "alto" ou "moi alto" de presenza de niños de velutina, o que supón un incremento de máis de catro puntos con respecto aos datos de 2017 (23.49%). Os concellos con maior superficie potencialmente afectada na categoría de risco moi alto son Cambados, Pontecesures, Ribadumia, Mugardos, Valga, Cambre, A Coruña, Vilanova de Arousa, A Laracha, Dodro, Padrón, Bergondo, Sanxenxo, Rois, Oleiros, Portas, Narón, Vigo, Teo e Betanzos. Porén, segundo o modelo, serán as comarcas de Bergantiños, Xallas, Terra de Soneira, Sar, A Barcala, Caldas e Pontevedra as que concentren o maior incremento do risco neste 2018, é dicir, as zonas nas que a velutina podería expandirse en maior medida con respecto á súa distribución previa. 

O modelo prevé para o ano 2018 que o 27.69 % da superficie de Galicia presente risco "alto" ou "moi alto" de presenza de niños de velutina, o que supón un incremento de máis de catro puntos con respecto aos datos de 2017 (23.49%)

En 2017 a especie foi xa observada en Suiza e no cinto central de Escocia e é previsible que a avespa invasora colonize novos territorios europeos nun futuro cercano, polo que "é preciso o desenvolvemento de sistemas de monitorización, baseados nunha metodoloxía científica, que permitan a delineación das áreas potencialmente afectadas e anticipen a sua distribución considerando o efecto das variacións debidas a cambios nas condicións medioambientais, especialmente do clima, a curto e medio prazo", destaca Luis Rodríguez Lado.

 

Probabilidade de distribución da vespa velutina neste 2018 © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.