Formoso conclúe a súa axenda con autoridades da UE en Estrasburgo, un "traballo que correspondería" a Rueda

Valentín González Formoso e o eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares, este 14 de setembro de 2022 na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, concluíu este 14 de setembro en Estrasburgo a súa axenda de tres días de xuntanzas con diversas autoridades da Comisión Europea e do Parlamento Europeo. Na súa dupla condición de líder dos socialistas galegos e de presidente da Deputación da Coruña, Formoso reuniuse coas comisarias europeas de Cohesión, Elisa Ferreira, e Enerxía, Kadri Simson; cos comisarios de Emprego e Medio Ambiente, Nicolas Schmit e Virginijus Sinkevičius, e mais co alto representante para Política Exterior, Josep Borrell.

Responsables do grupo dos socialdemócratas na Eurocámara -no que se integra o PSOE e do que é membro o galego Nicolás González Casares- recibiron tamén a Formoso, que no balance final da súa estancia "no corazón de Europa" considerou que estivo a facer en Estrasburgo "o traballo que correspondería ao presidente da Xunta", Alfonso Rueda. Porque o que fixo, defende, foi "trasladar os problemas dos galegos e galegas aos líderes europeos", así como "achegar solucións".

Valentín González Formoso, coa comisaria europea de Cohesión, Elisa Ferreira, este 13 de setembro CC-BY-NC-SA PSdeG

Dende a súa toma de posesión como titular do Goberno galego, coida Formoso, Rueda tivo "tempo de sobra" para un primeiro contacto coa UE pero, reprocha, non o fixo. Mentres, di, el puido tratar directamente asuntos como "a necesidade da conexión ferroviaria co norte de Portugal" e mais a aposta por "incorporar o criterio de despoboamento aos fondos de cohesión", cuestión que abordou coa comisaria Ferreira. Tamén, afirma, é "importante o compromiso de que se fagan estudos científicos que poidan, nun futuro, reverter a decisión de prohibir a pesca de arrastre en distintos caladoiros galegos".

Formoso destaca entre os asuntos abordados en Estrasburgo a conexión ferroviaria co norte de Portugal e saíu "gratamente sorprendido" da xuntanza co comisario de Dereitos Sociais que, di, transmitiu "a preocupación polas queixas que recibe pola precariedade do emprego na sanidade galega"

Destaca tamén Formoso que rematou "gratamente sorprendido" a xuntanza co comisario de Emprego, tamén responsable de Dereitos Sociais, o luxemburgués Schmit. Afirma o líder do PSdeG que lle transmitiu "a preocupación polas queixas constantes que recibe pola precariedade e temporalidade do emprego na sanidade galega". Esta, defende, é "a causa principal" de que o persoal sanitario "prefira ir a outras comunidades autónomas que ofrecen mellores condicións e salarios" en canto remata a súa formación.

Alén dos encontros con membros do Executivo comunitario, Formoso reuniuse tamén con responsables do grupo socialdemócrata como a súa presidenta, a española Iratxe García. Todo, nuns días marcados pola celebración, este mércores, do Debate sobre o Estado da Unión aberto polo discurso da presidenta da Comisión, Ursula Von der Leyen, que ratificou a aposta polo plan para "limitar os ingresos" ás grandes eléctricas, co que estima unha recadación duns 140.000 millóns de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.