Fálase | O Prestige ecoa en Europa e músicas para desvirtualizarse

Ana Miranda, flanqueada por Jacob Terling, da Unidade de Seguridade Marítima da CE, e por Frederic Hebert, da Axencia de Seguridade Marítima da UE CC-BY-NC-SA BNG | Imaxe Fálase: © Isabel Vila

Se non freamos un pouco nas curvas e atendemos ás urxencias desta actualidade frenética, teriamos que falar do que presuntamente van subir as peaxes da autoestrada AP-9 en 2023. Cando iso pase, se é que finalmente acaba sucedendo dese xeito, haberá que falar do asunto.

Mentres non pasa -porque, de momento non pasou-, seguimos tirando fíos de memoria sobre o que sucedía en Galicia hai agora 20 anos, cando xa afundira o Prestige e xa comezara a chegar o chapapote ás nosas costas… Entre o moito que pasaba naqueles días estaba o xurdimento do que acabaría sendo a Plataforma Nunca Máis, un colectivo que levara as súas reivindicacións a moitos lugares. Un deles, o Parlamento Europeo

Conversamos con Ana Miranda, eurodeputada do BNG, sobre a conferencia que organizou na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas ao fío do vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige

Estes días puidestes ler en Praza.gal que a sede do Parlamento Europeo en Bruxelas foi escenario dunha conferencia organizada por Ana Miranda, eurodeputada do BNG, para lembrar aqueles días, pero tamén para pasar revista ao estado da seguridade marítima en Europa, unha seguridade marítima rexida por normas que, en gran medida, foron consecuencia directa da catástrofe do Prestige. 

Para afondarmos máis no alí falado, neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, conversamos con Ana Miranda, que nos atendeu dende Bruxelas. Miranda, que no momento da catástrofe traballaba no equipo de Camilo Nogueira, na altura eurodeputado do BNG, subliña a importancia de lembrar o acontecido e das profundas mudanzas na normativa europea para limitar o paso de buques como o Prestige. Igualmente resalta a relevancia de lembrar a mobilización de Nunca Máis, que tamén se espallara pola capital comunitaria.

Fragmento da entrevista con Ana Miranda para o Fálase de Praza.gal CC BY-NC-SA Praza.gal

Desvirtualizámonos con VINTE

No espazo de VINTE neste episodio do Fálase chega con moita música. Por exemplo, Lamborghini, o novo de Ataque Escampe, un potente tema e un non menos potente videoclip realizado por David Silva que puidestes ver en VINTE.

Ademais, coñecemos un pouco do traballo artístico da arquitecta e ilustradora Lara Lars, que nunha entrevista en VINTE afonda no seu traballo artístico, das súas ilustracións, das súas colaxes. Sen saír das artes, volvemos á música para achegármonos a unha nova entrega das Miudiño Sessións d'A Regueifa Plataforma 2.0, desta volta con Secho.

Música é o que adoita haber nas noites de esmorga universitaria en cidades como Santiago. Pero, tamén con VINTE, agora sabemos que esa festa tamén continúa en internet. Descubríronnolo nunha nova entrega de VINTE na rede.

'Lamborghini', de Ataque Escampe

Falamos, ao cabo, do que podedes ver, ler e escoitar en VINTE, pero tamén de onde van estar Praza.gal e VINTE en datas próximas. A comezar polo Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra do 24 ao 27 de novembro e na que estará cun posto propio a Fundación Praza Pública, editora de Praza e VINTE. Alí poderemos vernos, desvirtualizarnos e escoitarnos, porque alí mesmo gravaremos o vindeiro episodio do Fálase. María Yáñez avánzanos, ademais, que outra ocasión para vérmonos será na festa do cuarto aniversario de VINTE, o 10 de decembro no Café Universal da Coruña.

Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.