A principios de 2003, unha delegación da Plataforma Nunca Máis viaxou ao Parlamento Europeo. Coa axuda de Camilo Nogueira, daquela eurodeputado do BNG, lograran expoñer as súas demandas na Eurocámara, que durante aquel ano abrira unha investigación sobre o acontecido e dedicara abondosos debates á mellora da seguridade marítima no litoral do continente.
Ana Miranda, eurodeputada do BNG, xunta en Bruxelas activistas e profesionais galegos con voces expertas internacionais polo vixésimo aniversario do Prestige
Vinte anos despois da catástrofe, este 16 de novembro quen daquela era membro do equipo de Nogueira e actualmente é eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, auspiciou unha conferencia na sede do lexislativo comunitario en Bruxelas para lembrar o acontecido e abordar o estado da seguridade marítima. Mais tamén para subliñar o "exemplo de dignidade" de Nunca Máis, cuxo impulso foi clave, lembrou, para que "noutros sitios do mundo se falase" do que os gobernos galego e español da época ocultaban.
A bandeira negra e azul de Nunca Máis e imaxes da catástrofe presidiron unha conferencia na que a membros da plataforma, con Xurxo Souto e Suso de Toro, así como representantes do sector pesqueiro galego, non foron os únicos que evocaron a importancia do acontecido co Prestige e da posterior reacción social. Tamén o fixo Jacob Terling, alto funcionario da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea, quen xa nos tempos do Prestige desenvolvía estes cometidos.
Na súa intervención na xornada organizada polo BNG e o grupo no que se integra no Parlamento Europeo (Os Verdes-Alianza Libre Europea), Terling lembrou a "emoción" sentida ante o que acontecía en Galicia. "Quito o sombreiro ante o valor e o traballo heroico de todos os que traballaron tras o accidente do Prestige", no medio do "caos". Todas esas persoas e o movemento xerado "crearon o impulso político necesario para conseguir moito do que temos hoxe" en materia de seguridade marítima.
A xornada impulsada por Miranda, sinala, é unha "boa oportunidade para recordar as consecuencias catastróficas do naufraxio dun petroleiro", mais tamén os "sesenta instrumentos lexislativos no ámbito da protección ambiental" que ten hoxe a UE. Moitos destes avances, sinala, chegaron como resposta ao naufraxio do Prestige e mais do Erika nas costas bretoas en 1999, e supuxeron concrecións como a prohibición dos buques monocasco nas augas europeas ou o endurecemento dos controis das empresas que certifican que os barcos están en condicións de navegar. Eran máis de medio cento e "acabaron quedando 10 ou 11" tras os novos controis, sinala.
Jacob Terling, da Unidade de Seguridade Marítima da Comisión Europea, lembra que a catástrofe do Prestige foi clave para avances como o veto dos petroleiros monocasco ou o endurecemento dos controis aos buques
"Dende estes accidentes", agrega Terling, "é obrigatorio que cada Estado teña unha configuración para xestionar situacións deste tipo". "O que tome a decisión debe facelo de forma independente e baseándose en información técnica". E se "non se pode levar" un buque como o Prestige a un porto refuxio, advirte, "hai que explicalo" e non limitarse a "dar a impresión de que se tenta sacudir a responsabilidade". Alén do conxuntural, Terling deixou tamén na xornada unha reflexión de maior alcance: "Non quero provocar, pero é a nosa demanda de enerxía a que fai que naveguen petroleiros, non é navegación de pracer", advertiu.
Antes do representante da Unidade de Seguridade Marítima da Comisión Europea escoitáronse outras voces na xornada. Xosé Manuel Pereiro, Adela Figueroa, Adela Pasantes ou os devanditos Souto e De Toro. Naqueles días do Prestige e Nunca Máis, evocou Xurxo Souto, "deixamos de ser periferia para converternos no centro do mar". "Por moito que tenten negalo, este pobo e esta cultura creou Nunca Máis" e actos como o organizado por Miranda en Bruxelas contrapóñense aos intentos de "borrar Nunca Máis do relato da Galiza contemporánea" que, di, regresan tamén nestes días do vixésimo aniversario, concluíu.