A Xunta esvaece no aniversario do Prestige

Alfonso Rueda conversa con Francisco Vázquez, antigo alcalde da Coruña, na gala benéfica á que acudiu este 13 de novembro CC-BY-SA Xunta

Cando, en novembro de 2002, o Prestige emitiu o seu SOS e comezou o seu paseo fronte ás costas galegas ata afundir e partir en dous, o actual presidente da Xunta era director xeral de Administración Local na Xunta do PP de Manuel Fraga. Ocupaba ese cargo dende o no 2000 e nel seguiu ás ordes do conselleiro Jesús Palmou ata que o destituíu o socialista José Luis Méndez Romeu, conselleiro da Presidencia do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.

Rueda, quen durante a catástrofe do Prestige era director xeral no Goberno de Fraga, acudiu este 13 de novembro a unha gala benéfica na Coruña. O Goberno galego emitiu 16 comunicados durante a xornada, ningún vinculado ao aniversario

Como é sabido, a xestión política da catástrofe acrecentou a fenda que xa padecían naquel tempo os populares no partido e no Goberno. Foi aproveitada pola dirección central de José María Aznar e Mariano Rajoy para defenestrar a Xosé Cuíña e inserir no Executivo galego a Alberto Núñez Feijóo, protexido de José Manuel Romay Beccaría, quen así tomaba tamén posicións para a carreira sucesoria de Fraga. Esa sucesión acabaría chegando en xaneiro de 2006, medio ano despois de perderen a Xunta, e Feijóo escolleu a Rueda -que volvera á carreira de funcionario como secretario do Concello de Cambados- para poñerse á fronte do aparello do PPdeG como secretario xeral en substitución do que fora o seu xefe na Xunta, Palmou.

Alfonso Rueda, comparecendo no Parlamento como director xeral de Administración Local do Goberno de Fraga CC-BY-NC-SA Praza.gal

Os vencellos políticos do actual presidente e do seu antecesor e actual xefe de filas no PP cos responsables dos gobernos de hai dúas décadas son claros e van alén de pertenceren ao mesmo partido. Con este pano de fondo, a Xunta agora presidida por Rueda optou por borrarse do vixésimo aniversario do naufraxio. Boa mostra disto foi o seu baixísimo perfil, practicamente inexistente, na emblemática xornada do 13 de novembro, na que abondaron as lembranzas políticas e mediáticas do acontecido hai vinte anos.

O único acto incluído na axenda pública de Rueda o pasado domingo foi asistir a unha gala benéfica na coruñesa Sala Pelícano. O Goberno galego distribuíu varias fotografías da presenza do presidente no evento, unha delas saudando ao que fora outro dos protagonistas políticos dos meses posteriores ao desastre do petroleiro, Francisco Vázquez, actualmente ex-militante socialista e quen como alcalde da Coruña se desmarcara da liña crítica do PSdeG e do PSOE para acoller no Pazo de María Pita a José María Aznar na aprobación e presentación do Plan Galicia.

Acto institucional en Camariñas en lembranza do vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige © Deputación da Coruña

Mentres Rueda asistía a esa celebración, o Goberno de España conmemoraba en Camariñas o vixésimo aniversario do Prestige cun acto encabezado pola ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, ao que tamén acudiu o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na súa calidade de presidente da Deputación da Coruña. O PSdeG, ademais, conmemora o aniversario coa publicación dunha serie de vídeos lembrando diferentes aspectos da catástrofe.

A Xunta enviou o subdirector de Gardacostas ao acto institucional do Estado en lembranza do Prestige, en Camariñas. Fora convidada a conselleira do Mar, directora xeral na Consellería de Pesca ás ordes de López Veiga nos tempos do naufraxio

En resposta a unha consulta de Praza.gal, a Delegación do Goberno de España en Galicia confirma que a Xunta foi convidada ao acto institucional en Camariñas na persoa de Rosa Quintana, conselleira do Mar, quen no tempo do Prestige era directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca con Enrique López Veiga como conselleiro. Quintana non asistiu e no seu lugar foi o subdirector do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto. Durante o día, o Goberno galego emitiu 16 comunicados sobre diferentes cuestións, ningunha relativa ao Prestige. Tampouco os seus perfís nas redes sociais dixeron nada ao respecto.

Na véspera do aniversario tamén o BNG acudiu a Camariñas, concretamente a Camelle, dende onde Ana Pontón lembrou a mobilización social que chegou tras a catástrofe e reclamou medidas concretas para procurar que non se repita, tales como a transferencia completa das competencias de salvamento marítimo a Galicia, que "debe coller as rendas da súa costa". Esta semana, a formación soberanista continúa a conmemoración cunha xornada no Parlamento Europeo organizada pola súa eurodeputada, Ana Miranda. O presidente, pola súa banda, realizou o sábado unha ruta en bicicleta para "resaltar o valor turístico do visor A paisaxe de Galicia dende a bicicleta", segundo informou a Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.