Formoso comparou “a manipulación e a mentira” dos que, mentres o chapapote cubría o mar, “negaban a marea negra e falaban de hilillos de plastilina ou galletas de fuel” coa recente xestión da pandemia
No día en que se conmemora o 20 aniversario do inicio da crise do Prestige, o presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso participou en Camariñas nunha homenaxe aos miles de voluntarios e voluntarias que contribuiron a limpar a costa galega tralo afundimento do petroleiro. O acto, celebrado na Casa da Pedra, contou tamén coa participación da ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua.
En Camariñas Formoso reivindicou a “lección de dignidade e solidariedade da cidadanía” cunha “exemplar resposta” de miles de voluntarios que chegaron á costa galega "desde todos os puntos de Galicia e España".

González Formoso valorou que “da catástofe do Prestige aprendemos leccións como que afastar os problemas non fai que desaparezan"
Ademais, González Formoso valorou tamén que “da catástofe do Prestige aprendemos leccións como que afastar os problemas non fai que desaparezan”. O líder dos socialistas galegos salientou que “un Goberno non debe afastar os problemas, senón enfrontalos", e neste senso comparou “a manipulación e a mentira” dos que, mentres o chapapote cubría o mar, “negaban a marea negra e falaban de hilillos de plastilina ou galletas de fuel” coa recente xestión da pandemia na que o goberno “deu a cara”, a pesar de “ter que tomar a decisión máis difícil da historia do pais: confinar á poboación, parar todo o sistema produtivo e centrar os esforzos en reforzar a sanidade”.
Así mesmo, o presidente da Deputación coruñesa destacou tamén que, aínda que na actualidade hai "máis medios e recursos para atender emerxencias no mar e na loita contra a contaminación", iso non significa que poidamos "baixar a garda", porque "os piratas do mar xa non levan parche nin pata de pau, teñen oficina en Luxemburgo e conducen Mercedes”, dixo.

Non podemos "baixar a garda", porque "os piratas do mar xa non levan parche nin pata de pau, teñen oficina en Luxemburgo e conducen Mercedes”
A xornada de homenaxe incluíu unha mesa redonda moderada por Santiago Garrido, xornalista de La Voz de Galicia, na que se contaron experiencias e relatos de persoas que viviron en primeira persoa o afundimento do ‘Prestige’, como Jacqueline Lista, agora mariscadora pero que naquel momento rexentaba o Bar Piña, e Digna Romar e Carmen Pérez, percebeiras que coordinaron ás persoas voluntarias na costa de Camelle. Así mesmo, homenaxeouse ao falecido Antonio Jesús Alonso Ballester, tenente de alcalde de Camariñas durante a catástrofe e encargado de coordinar o dispositivo de emerxencia.
Finalmente, descubríronse placas conmemorativas na Casa de Pedra, edificio que foi o fogar das persoas voluntarias durante eses días, e que estes días acolle unha exposición de fotografías da fotoxornalista de La Voz de Galicia, Ana García, sobre as labores de limpeza que levaron a cabo os voluntarios.