O BNG reclama a transferencia das competencias de salvamento marítimo a Galicia, que "debe coller as rendas da súa costa"

Ana Pontón, este sábado en Camelle (Camariñas) no acto organizado polo BNG para conmemorar o 20 aniversario do Prestige © BNG

O Bloque destaca que “o pobo galego respondeu con dignidade, orgullo, valentía e coraxe” e amosou toda a súa “indignación” ante as mentiras, manipulación e incompetencia do Goberno do Partido Popular

Na véspera do 20 aniversario do inicio da crise do Prestige, o BNG organizou un acto político en Camelle (Camariñas), unha das zonas máis afectadas pola marea negra, para lembrar a catástrofe e reclamar medidas que reduzan a posibilidade de que se volva producir un desastre ecolóxico semellante. O acto serviu tamén como homenaxe á poboación que se mobilizou eses días para denunciar a ineficaz xestión política. O Bloque destaca que “o pobo galego respondeu con dignidade, orgullo, valentía e coraxe” e amosou toda a súa “indignación” ante as mentiras, manipulación e incompetencia do Goberno do Partido Popular no Estado e na Xunta coa intención de tapar “o desastre”.

En Camelle a líder do BNG, Ana Pontón, destacou que esa mobilización conseguiu cambiar lexislacións e políticas que melloraron a seguridade do transporte marítimo. Por exemplo, melloráronse os medios de salvamento marítimo, ampliouse o dispositivo de separación de tráfico no corredor de Fisterra e conseguiuse a retirada dos buques monocasco e seguros para cubrir danos ambientais.

Belén Campos, portavoz municipal do BNG en Carnota © BNG

O BNG reclamou este sábado a transferencia das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña

Porén, Pontón apuntou que "queda moito por facer" porque vinte anos despois "o risco permanece e permanece tamén a irresponsabilidade política dos de sempre, que pensan que a costa se pode gobernar desde Madrid e que lonxe de recoñecer os erros afirman sentirse satisfeitas".

Por este motivo, o BNG reclamou este sábado a transferencia das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, pois "unha das grandes leccións do Prestige é que hai que tomar as decisións sobre o nosa costa aquí". Galicia "debe coller as rendas da súa costa, do noso litoral”, engadiu Pontón.

A formación propón tamén a creación dun servizo público de salvamento porque "a seguridade no mar non pode estar en mans de empresas privadas que só ven a seguridade como negocio"

A formación propón tamén a creación dun servizo público de salvamento porque "a seguridade no mar non pode estar en mans de empresas privadas que só ven a seguridade como negocio". Igualmente, aposta pola construción dun heliporto na Costa da Morte, un proxecto no que despois de mercar os terreos e licitar as obras comprobaron que o emprazamento “non era apto” para que puidesen operar os helicópteros. 

Finalmente, o Bloque esixe o "tratamento definitivo dos residuos do Prestige", subliñando que quenda 10.000 toneladas de chapapote sen tratar, almacenados nunha planta das Somozas. Así mesmo, reclama que se controlen todos os sentinazos (pequenos vertidos de hidrocarburos) que se producen habitualmente na costa galega

Acto organizado polo BNG en Camelle (Camariñas) para conmemorar o 20 aniversario do Prestige © BNG

"Demostramos ao mundo que somos un pobo vivo, que non se resigna e sen renderse nunca", concluíu Pontón

En Camelle Pontón lembrou con emoción as imaxes dos mariñeiros “tinguidos de negro” para defender o seu medio de vida e o seu futuro, así coma as manifestacións masivas ou a presenza tamén masiva de persoas voluntarias nas praias. "Demostramos ao mundo que somos un pobo vivo, que non se resigna e sen renderse nunca", destacou a portavoz nacional do BNG, que tamén fixo fincapé no propio papel da súa formación nas mobilizacións sociais da Plataforma Nunca Máis: “púxemos o BNG ao servizo de Galiza na súa hora máis difícil", sinalou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.