O vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige e das súas consecuencias en forma de desastre medioambiental nas costas galegas é tamén o aniversario do enorme movemento de mobilización cívica canalizado a través da Plataforma Nunca Máis. Vinte anos despois, o colectivo nunca chegou a desaparecer. Mantivo unha intensa actividade ligada ao proceso xudicial e, máis puntualmente, tamén mobilizacións e accións divulgativas como as que se dispón a desenvolver neste 2022.
O 13 de novembro a plataforma presenta o documental '20 anos de dignidade', dirixido por Xosé Aragunde, lembrando un tempo no que Galicia "rompeu clixés"
O vindeiro 13 de novembro, cando se fan vinte anos do golpe de mar que supuxo o inicio da catástrofe, Nunca Máis presentará no Pazo da Cultura de Pontevedra o documental 20 anos de dignidade, unha peza dirixida por Xosé Aragunde que recompila os testemuños de persoas directamente implicadas no nacemento da plataforma. Tamén, avanzan, de "xente do mar que posúe unha visión directa da catástrofe" para lembrar o acontecido e facer balance destes vinte anos. Do sucedido e das materias pendentes para protexer o mar.
A cantante Uxía Senlle, que naquel 2002 exercera como unha das voceiras de Nunca Máis en numerosos actos e protestas, explica que a intención de volverse xuntar neste 2022 e de producir o documental parte da importancia "de recapitular, pensar como chegamos até aquí e tentar saber cal foi o pouso deste movemento social", o "máis aberto, plural e transversal da historia recente" de Galicia. "Todos temos un remuíño de imaxes en branco e negro" daqueles meses de desastre ambiental, di, "pero tamén imaxes a cor da sociedade que plantou cara ao desastre e á incompetencia cunha paixón e determinación que non esqueceremos na vida".
O colectivo sinala que a presión social logrou avances, mais sinala que persisten "perigos" nos buques que transportan mercadorías perigosas con bandeiras de conveniencia e insiste na necesidade de vixiar o estado dos restos do petroleiro, onde "segue habendo 1.100 toneladas de fuel"
Coida Uxía que foron tempos nos que o pobo galego "rompeu clixés". "Amosamos unha cara pouco coñecida, a dunha Galiza en pé de guerra, desafiante, sen pelos na lingua, apoiada e avalada" por numerosos sectores e tamén receptora da "solidariedade inmediata a través do voluntariado" que axudou a limpar as praias. "A bandeira de Nunca Máis representábanos moi ben", lembra, era "o símbolo da unión dun pobo contra o desleixo, contra o silencio e o inmobilismo".
Xunto á denuncia do xeito en que os gobernos da época abordaron a catástrofe, as mobilizacións de Nunca Máis encamiñábanse á esixencia de medidas para que un episodio como aquel non se volvese repetir. Neste sentido Xaquín Rubido, membro da Plataforma na Defensa da Ría de Arousa e tamén participante este 8 de novembro na presentación dos vindeiros actos de Nunca Máis, explica que "se avanzou" en boa medida "grazas á presión social", o cal non significa que desaparecesen os riscos. "O perigo é obvio, vén do mar; de cada cen buques que pasan diante de nós, trinta e cinco son de mercadorías perigosas e 15 levan bandeiras de conveniencia" como a do Prestige.
Tamén, advirte, cómpre seguir esixindo que se descenda aos restos do petroleiro. "Aínda que Rajoy diga que non hai osíxeno á profundidade na que está o pecio", sinala, cómpre "controlar as fugas, ver se hai novas e selalas", porque alí segue "habendo 1.100 toneladas de fuel". Estes e outros asuntos, sinala, deben estar no primeiro plano nuns días nos que algúns dos responsables políticos da época se amosan "como desalmados ao dicir que farían o mesmo. Desgárrame, son uns caraduras", lamenta nun contexto no que a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, coida que "aqueles burradas e decisións baseadas en criterios económicos" son adoptadas agora dende outras instancias fronte á crise climática.