Cada día pasan máis dun cento de barcos polo dispositivo de separación de buques que ordena a circulación fronte a costa galega
Non evita rodeos de milleiros de quilómetros como o de Suez, pero o ‘canal’ creado en 1994 en Fisterra cun carril por sentido e ampliado tras o Prestige a ‘autovía’ con catro carrís si ofrece, como o exipcio, máis fiabilidade e seguridade aos buques, neste caso aos que se desprazan entre o norte de Europa e o Atlántico sur ou o Mediterráneo. Polos corredores virtuais establecidos no denominado Dispositivo de Separación de Tráficos de Fisterra pasan cada ano máis de 40.000 barcos, máis dun cento ao día que máis que duplican o tráfico do Canal de Suez.
O accidente do barco Ever Given no Canal de Suez puxo o foco no volume de tráfico marítimo nese paso estratéxico entre Asia e Europa, entre o Índico e o Mediterráneo. Segundo as cifras oficiais da Autoridade do Canal de Suez, cada ano o empregan preto de 20.000 barcos, uns 50 ao día. Como comparación, polo Canal de Panamá pasaron o ano pasado menos de 15.000 barcos. Fronte a esas cifras, o Dispositivo de Separación de Tráficos de Fisterra hai anos que vén rexistrando máis de 40.000 tránsitos, que en todo caso o deixan lonxe dos máis de 60.000 barcos ao ano que empregan o Dispositivo de Separación de Tráficos do Estreito de Xibraltar nos movementos este-oeste ou viceversa (entre o Mediterráneo e o Atlántico, sen ter en conta os tráficos norte-sur entre a península e África).
"Todos os barcos teñen que reportarse ao Servizo de Tráfico Marítimo de Fisterra” cando cruzan determinadas liñas virtuais respecto dos cabos Vilán ou Fisterra, salienta Salvamento Marítimo
O Dispositivo de Separación de Tráficos de Fisterra consiste en catro corredores virtuais, dous cara ao norte e outros dous cara ao sur, polos que teñen que pasar obrigatoriamente os buques que queiran circular máis preto da costa peninsular para así aforrar distancia nos seus desprazamentos entre o Norte de Europa e o Atlántico Sur ou o Mediterráneo. Comezou a funcionar con só dous corredores en maio de 1994, tras acordo da Organización Marítima Internacional e varios intentos previos rexeitados pola súa posible afectación a zonas de pesca. E tras o accidente do Prestige engadíronselle outros dous corredores exteriores para as mercadorías máis perigosas a granel.
Salvamento Marítimo sinala que “segundo a normativa internacional, todos os barcos teñen que reportarse ao Servizo de Tráfico Marítimo de Fisterra” cando cruzan determinadas liñas virtuais respecto dos cabos Vilán ou Fisterra. Nese espazo os barcos que se dirixen cara ao norte deben circular por un corredor situado a 21,7 millas náuticas da costa (uns 40 quilómetros), mentres que os que van cara ao sur deben facelo a 28,3 millas (52,4 quilómetros). Os corredores máis exteriores para as mercadorías perigosas están situados respectivamente a 35,5 millas (65,7 quilómetros) e 39,5 millas (73 quilómetros) do cabo Fisterra.