A Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra vén de lanzar unha iniciativa para a creación dun Glosario Colectivo Nunca Máis como parte das accións de activación da memoria do 20 aniversario do afundimento do Prestige
En poucos días celebrarase o 20 aniversario da catástrofe do Prestige. O 13 de novembro de 2002 escoitamos falar por primeira vez deste barco, que afundiu o 19 de novembro. Nas semanas seguintes milleiros de toneladas de petróleo chegaron ás costas galegas. Fixéronse populares termos como chapapote (e ghalipote), galletas ou hilillos, e mesmo fóra de Galicia souberon o que era un capacho ou un raño e, por suposto, o berro "Nunca Máis"
De igual xeito, declaracións de sinalados representantes políticos popularizaron expresións como "quinto pino" (onde o ministro Francisco Álvarez Cascos quería enviar o barco) ou "perros que ladran su rencor por las esquinas" (pronunciada polo daquela presidente José María Aznar en referencia aos manifestantes contra a súa xestión).
"Trátase de recuperar os vocabularios que foi preciso inventar ou resignificar para nomear, loitar e compartir un tempo excepcional", destacan
A catástrofe ecolóxica e as protestas cidadás crearon un repertorio de palabras e símbolos que se manteñen no imaxinario das xeracións que viviron en directo aqueles feitos. Agora a Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra vén de lanzar unha iniciativa para a creación dun Glosario Colectivo Nunca Máis como parte das accións de activación da memoria do 20 aniversario do afundimento do Prestige.
"Trátase de recuperar os vocabularios que foi preciso inventar ou resignificar para nomear, loitar e compartir un tempo excepcional marcado pola catástrofe, o desgoberno e a emerxencia dunha cidadanía soberana que soubo organizarse contra o poder que puña en risco todas as formas de vida", destacan dende o colectivo.
"Como os nenos e as nenas que necesitan da aprendizaxe da lingua materna para relacionarse co mundo, esperamos que moitas podamos re-aprender a lingua dunha comunidade que defendeu, ante todo, a dignidade. Serviranos pois para honrar a nosa memoria cidadá"
"Como os nenos e as nenas que necesitan da aprendizaxe da lingua materna para relacionarse co mundo, esperamos que moitas podamos re-aprender a lingua dunha comunidade que defendeu, ante todo, a dignidade. Serviranos pois para honrar a nosa memoria cidadá. Para lembrar, descubrir e recoñecer a súa potencia", subliñan, engadindo que, ademais, "será tamén un tesouro que decante formas de relacionármonos coa complexidade, singulariedade e multiplicidade da experiencia que abriu o Nunca Máis".
Trátase dun traballo en marcha, que dende este mércores se pode ver na web da entidade (con cadansúa definición e explicación) e que suma xa unhas duascentas palabras e expresións pero que nas vindeiras semanas medrará con novas achegas.
Convídase a calquera persoa que "viviu a experiencia" a achegar "vocabularios ou significados"
Os termos que xa forman parte do glosario foron propostos e definidos por Rosa Aneiros, Lupe Ces, Comba Campoy, Xavier Cordal, Chisco Fernández, Adela Figueroa, Pepe Galán, Mónica García, Carme Hermida, Miguel de Lira, Xavier Paz, Vicki Rivadulla, Xesús Ron, Carlos Santiago, Xurxo Souto ou Suso de Toro, entre unha vintena de nomes. Porén, como proxecto aberto, convídase a calquera persoa que "viviu a experiencia" a achegar "vocabularios ou significados", escribindo un correo electrónico a actividades@unhagranburlanegra.gal.
Dende a semana do 7 de novembro Unha Gran Burla Negrá, a xeito de "memoria en rede", irá publicando nas redes socias unha selección destes vocabularios, acompañados sempre doutros recursos documentais en forma de imaxe, audio e vídeo cos que reconstruir algúns dos feitos e efectos do desastre do Prestige.
As palabras do glosario van dende Ghalipote ("É como chamamos na Costa da Morte ó chapapote. Moitas persoas aprenderon esa palabra aqueles días. Representa esa negrura mesta e terrible que enxordecía o mar e cubríao de morte"), Zona Cero ("Denominación que a prensa lle puxo á praza do Coído de Muxía que, pola situación do barco, tinguiuse de negro ás poucas horas do naufraxio"), Mani-Festa-Acción, Contramaré e mesmo termos ténicos empregados nesas semanas como "licuefacción", "skimmer" ou "irisación".
Dende o ano 2018 a Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra traballa "na produción de relatos contra o esquecemento da memoria pública destes acontecementos
Dende o ano 2018 a Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra traballa "na produción de relatos contra o esquecemento da memoria pública destes acontecementos". "O Arquivo Vivo, grazas ao apoio dos que foron parte do movemento, susténtase na procura, custodia, coidado, estudo, catalogación, exposición, reflexión, mediación e activación da morea de pezas artísticas, poemas, imaxes, músicas, textos, intervencións e testemuñas -anónimas ou non- producidas pola cidadanía desbordando as rúas e os medios durante os meses da catástrofe", destacan dende o colectivo.