O 28 de decembro de 2002 morría Manfred Gnädinger, coñecido como Man ou O alemán de Camelle, onde chegara corenta anos antes. Man faleceu apenas un mes despois de que o chapapote do Prestige comezase a chegar á costa, estragando todo o litoral, comezando polas obras que fora compoñendo á beira da súa casa, na propia praia de Camelle, en Camariñas.
O pasado venres inaugurouse en Camelle a mostra Un “Nunca Máis” contado polas fillas de Manfred
A xeito de homenaxe e de reflexión sobre a catástrofe do Prestige o pasado venres inaugurouse no Museo MAN de Camelle a mostra Un “Nunca Máis” contado polas fillas de Manfred, que forma parte do proxecto expositivo Unha Gran Burla Negra, que botou a andar nos últimos meses do pasado ano. A mostra, que permanecerá aberta ata o vindeiro 29 de setembro e componse dunha gran cantidade de material documental sobre as mobilizacións populares que seguiron á catástrofe, comezando por fotografías, carteis e outros elementos gráficos
O obxectivo da mostra é “facer memoria, celebrar o empoderamento colectivo e a unión lograda naquela época e recuperar esta conciencia para aplicala no presente"
O obxectivo desta mostra é “facer memoria, celebrar o empoderamento colectivo e a unión lograda naquela época entre persoas de diferentes lugares, e recuperar esta conciencia para aplicala no presente e imaxinar o futuro que queremos nun tempo no que a cuestión medioambiental está moi vixente”, explica a súa comisaria, María Bella. "Lembralas podería sernos útil para imaxinar futuros desexables en tempos de crise planetaria", conclúe.
O pasado venres, xusto despois da inauguración, tivo lugar a primeira das dúas asembleas de memoria ou debates abertos que buscan afondar no significado e efectos das mobilizacións populares xurdidas tralo accidente e na creatividade política e estética que espertou ao abeiro daquel movemento.
Búscase "revisitar a figura de Manfred desviando a atención do que 'se di' e poñendo o foco sobre a memoria das experiencias compartidas con el"
"A serie de acontecementos desencadeados a partir do accidente do Prestige, aínda que comúns para o conxunto da poboación galega, vivíronse de modos moi distintos dependendo das especificidades dos lugares afectados, das ocupacións e labores dos seus habitantes ou das xentes que viñeron doutras partes para axudar; das distintas responsabilidades que cada quen desempeñaba, das suas idades, das súas sensibilidades, do paso do tempo", explican. Por iso, engaden, "lembrar a experiencia desde cada unha/un para compartila coas outras contribúe a comprender mellor ese Nunca Mais que foi de todas/os e de ninguén".
A segunda das Asembleas de Memoria terá lugar no mesmo escenario o vindeiro 23 de agosto e estará centrada na propia figura de Manfred Gnädinger. "Moitos escoitaron falar do alemán de Camelle pero poucos coñecen a Manfred Gnädinger máis aló da simplificación que nos ofrece a súa lenda", subliñan dende a mostra. Salientan que "esta asemblea pretende revisitar a figura de Manfred desviando a atención do que 'se di' e poñendo o foco, especialmente, sobre a memoria das experiencias compartidas con el".
As actividades de Unha Gran Burla Negra, que comezaron o pasado mes de novembro en Compostela, chegaron a Camariñas despois de pasar pola Coruña, A Pobra do Caramiñal, Rianxo ou Muros. En paralelo, o proxecto creou un arquivo vivo, depositado na USC, que facilitará a conservación e estudo de todos os materiais que xurdiron da Burla Negra e que documentaron o movemento.