A 'Casa de Man' en Camelle será por fin recuperada

O artista alemán morreu en 2002, pouco despois do desastre do 'Prestige' CC-BY-NC-ND Quique Macía

A Deputación da Coruña levará ao pleno deste venres o proxecto de recuperación da Casa de Man en Camelle (Camariñas). As obras pretenden recuperar a que foi a casa do artista e converter o inmoble nun novo referente do patrimonio cultural da provincia. O orzamento total é de case 20 mil euros, dos que o ente provincial achegará o 80% do total.

Na actualidade tanto a propia vivenda do artista alemán coma a súa contorna inmediata, na que se atopan algunhas das súas obras, está moi deteriorada. O 9 de novembro de 2010, un temporal levou a maior parte do que quedaba das súas creacións. Manfred Gnädinger asentouse nos anos sesenta na Costa da Morte e tratou de levar unha vida o máis sinxela e natural posible, creando unha peculiar paisaxe de pedra preto da praia onde vivía e coidando o seu pequeno xardín, no que expoñía algunhas das súas esculturas, na mellor tradición do Land Art.

En 2009 redactouse unha proposta para a declaración do museo como Ben de Interese Cultural. E en 2012, o Museo de Man foi catalogado como un ben patrimonial polo concello de Camariñas. En 2014 iniciouse un proxecto denominado MAN: mar, arte e natureza, que ten por obxectivo recuperar a obra de Man e expoñela tanto na Casa do Alemán coma en Internet, por medio dunha exposición virtual.

A primeira das actuacións previstas contempla a limpeza do interior da caseta, que nestes intres atópase recuberta de terra e material orgánico nas súas fendas. A obra consistirá na descuberta de todos aqueles ocos traballados, que serviron de apoio a outros materiais, principalmente madeiras, cos que se sustentaban o chan e o escaso mobiliario. Trátase de recuperar os soportes e bases que serviron de apoio ás pezas do imaxinario de Man, que conformaba a estancia. As tarefas irán dende a limpeza do terreo e de fendas, así como o selado de gretas, ata a reparación do forxado da cuberta, pintado da superficie do teito, a composición de madeira apoiada nos muros de ladrillo e nos piares, a reparación de toda a estrutura de formigón e a reposición e reparación de vidros, entre outras actuacións.

 

O artista alemán morreu en 2002, pouco despois do desastre do 'Prestige' CC-BY-NC-ND Quique Macía
En 2012, o Museo de Man foi catalogado como un ben patrimonial polo concello de Camariñas CC-BY-NC-ND Quique Macía
As obras pretenden converter o inmoble nun novo referente do patrimonio cultural CC-BY Amaianos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.