Vivimos tempos acelerados en xeral, aínda máis no ámbito informativo. Xa se popularizou iso de que, agora, uns poucos días ou semanas equivalen a anos no ámbito político, social ou xornalístico. Se cadra, por iso é aínda máis importante a memoria, a pausa e o contexto que sempre buscamos no Fálase, o podcast informativo de Praza.gal que conduce David Lombao.
Memoria, precisamente, é o que está agromando nestes días, en vésperas do vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige. Aquilo foi un desastre sen paliativos, outro naufraxio máis que os gobernantes da época, en pleno aznarismo e fraguismo, tentaron minimizar mediática e politicamente aínda que as súas declaracións dixesen unha cousa e a realidade, teimuda, dixese outra.
Fronte a aquelas decisións e, sobre todo, fronte a aquelas actitudes, xurdiu un enorme movemento de mobilización popular canalizado a través da Plataforma Nunca Máis. En torno ás protestas emerxeron palabras, imaxes, cancións, cartaces, un aluvión de creatividade que adquiriu forma na Plataforma contra a Burla Negra, colectivo impulsado por artistas de diversos ámbitos que transformou a indignación en creatividade por toda Galicia e cuxo ronsel foi recollido en 2018 por Unha Gran Burla Negra.
Neste vixésimo aniversario, agora constituída en asociación deu outro paso para preservar aquela memoria cun glosario colectivo que nos leva a palabras como "chapapote", "ghalipote", "galleta"... Pero tamén a expresións daqueles gobernantes que ficaron gravadas na memoria política e social do país.
Algunhas daquelas afirmacións, xa recompiladas no seu día por Nunca Máis, encabezan este novo episodio no que conversamos cunha das impulsoras do glosario e do proxecto, a investigadora e produtora cultural María Bella. Ela mesma escribía en Praza.gal hai un tempo que elaborar arquivos coma estes é, en si mesmo, un exercicio de resistencia.
En VINTE, unha historia de nós en internet
Por aquelas datas de hai vinte anos o uso de internet aínda non era, nin de lonxe, o fenómeno masivo que é agora. Pero xa existía, xa había internet. E, de feito, foi unha ferramenta moi importante para canalizar as mobilizacións e a creatividade xurdida tras o naufraxio do Prestige.
Con VINTE coñecemos o videoensaio no que María Yáñez traza unha historia underground da internet galega
Dese fito na historia da internet galega, pero tamén de moitos outros, é do que fala María Yáñez, directora de VINTE, no videoensaio O outro lado da pantalla, unha historia underground da internet galega. O traballo, con guión e dirección de María Yáñez e con Antón Varela na edición, deseño e animación pasa polo Prestige, pero a viaxe empeza antes, nos anos noventa. Lévanos dende as primeiras webs en galego aos primeiros medios dixitais no noso idioma, tamén ás primeiras webs sociais e moito máis.
No espazo de VINTE neste episodio do Fálase coñecemos tamén un pouco máis das últimas novidades no seu sitio web, que vén de estrear redeseño. Dentro desas novidades destaca Vinte no Patio, un novo espazo multimedia concibido especialmente para rapazada e mocidade menor de 20 anos. Ademais, achegámonos á derradeira entrega das historias da mocidade de Lugo, centrada nas experiencias profesionais e de emprendemento de varias mozas e mozos que residen na capital lucense.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.