En vésperas do seu cuarto aniversario, VINTE volve medrar. A revista de sociedade, tendencias e cultura nacida en 2018 da man de Praza.gal e dirixida por María Yáñez vén de estrear Vinte no Patio, un novo espazo multimedia concibido especialmente para rapazada e mocidade menor de 20 anos.
En Vinte no Patio a xente máis moza atopará vídeos, podcast, xogos e outros formatos de VINTE cos que aprender e gozar dos contidos dixitais en galego. Algúns levan anos sendo xa empregados como material educativo. Outros, son formatos de lecer que gustan especialmente a este público.
Así, por exemplo, na estrea de Vinte no Patio regresamos ao Vinte falando, a peza documental que debulla a relación cos idiomas que ten a xente nova do país nestes anos vinte. E tamén temos ben accesibles Vinte preguntas, o gran trivial da cultura pop-ular galega, ou Os 20 do XX, a serie de vídeos animados na que coñecemos como era a Galicia dos anos 20 do século pasado.
A xente máis moza atopará en Vinte no Patio vídeos, podcast, xogos e novos formatos que chegan acompañados de mudanzas e melloras no sitio web de VINTE
Os podcast tamén teñen un lugar destacado neste novo espazo. Dende NALINGUA, Lecturas dun neofalante, un paseo sonoro por grandes obras da literatura galega desde a ollada dun de Valladolid, ata FAN FAN, o podcast conducido por Cibrán Tenreiro arredor do fenómeno fan na música e as cousas que fai aparecer. E, por suposto, o Café Derby 21, a sobremesa cultural e virtual de Nicolás Carreira, Carme Domínguez e Adrián Lede que na súa terceira temporada está máis ao pé da rúa que nunca.
Os contidos de Vinte no Patio, espazo que nace coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, irán medrando no futuro e chegan acompañados de mudanzas e melloras no sitio web de VINTE. Dende este 28 de outubro, ao entrares en VINTE atoparás unha nova portada, unha nova ordenación dos contidos e novos menús para chegares máis doadamente, tanto dende o teu ordenador como dende o teu dispositivo móbil, aos contido que máis che interesan.