Que fobia lle dá nome a un grupo de rock de Boiro? Cal é a discoteca máis antiga de Galicia aínda en funcionamento? En que rede social se deu a coñecer Páramo Pictures? Quen deseñou o logo do Xacobeo 2021-2022?
Son algunhas das incógnitas que terás que despexar ao xogares a Vinte Preguntas, o gran xogo da cultura popular galega que vén de presentar VINTE. Este é un xogo dixital, en liña, pensado para xogar en calquera dispositivo, dende o ordenador de sobremesa ao teléfono. Pódese xogar de maneira individual ou con ata 4 participantes, sempre que todos estean xuntos.
Das sobremesas de Nadal ás videoconferencias coa parentela, Vinte Preguntas é unha boa opción. Cada persoa que xogue conta con catro quendas de cinco preguntas con distintas dinámicas e nivel de dificultade. Pódense acumular puntos positivos e negativos, e quen máis positivos teña é quen gaña. E que gaña? O recoñecemento dos seus e o aplauso de toda esta xente.
As preguntas abordan a cultura popular galega de amplo espectro: da música aos deportes, pasando pola historia recente, o cinema ou historias cotiás das nosas vilas e cidades
As preguntas abordan a cultura popular galega de amplo espectro: da música aos deportes, pasando pola historia recente, o cinema ou historias cotiás das nosas vilas e cidades. Se les VINTE habitualmente seguro que vas con vantaxe, pero tamén hai preguntas de xeografía, historia, política... Aparecerán de modo aleatorio, polo que cada xogador ou xogadora pode recibir unha pregunta de calquera tema.
O xogo foi desenvolvido coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e nace en fase piloto, pero xa é completamente xogable. VINTE continuará a introducir melloras e tamén estreando novas series de preguntas. Pero xa se pode xogar e compartir nas redes sociais!