O 11 de setembro de 2001, os atentados xihadistas contra os EUA en Nova York e Washington marcaron o inicio do século e, en boa medida, cambiaron o mundo. Aquel 11-S, Carlos Meixide e Tomás Lijó estaban, xunto a outros cinco amigos, na cidade de Nova York. Leváraos alí unha aventura cinematográfica, a presentación da súa curtametraxe O meu nome e o meu mundo, que fora seleccionada para o New York International Independent Film and Video Festival e editada na Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago, onde se coñeceran.
O 11-S de 2001, Lijó e Meixide ían presentar unha curtametraxe en Nova York. Neste 2021, VINTE lembra con eles o día que cambiou o mundo e amósanos o filme que ían presentar nesa mesa xornada e mais a curta documental que montaron coas imaxes gravadas naquela cidade en shock
Dúas décadas despois, VINTE conmemora o vixésimo aniversario daquela viaxe que deu en ser histórica da man dos seus protagonistas. Berta Dávila conversou con Lijó e Meixide -que daquela aínda non eran Os da Ría- para para extraer, coa perspectiva de dúas décadas, a narración daquela experiencia.
O relato é o pórtico para ver, en exclusiva para VINTE dende este 10 de setembro e ata o domingo, día 12, ás 23:59, as dúas pezas audiovisuais ligadas a aquela viaxe. A primeira, a propia curtametraxe coa que Lijó e Meixide ían participar no New York International Film and Video Festival. Rodada en Sardiñeiro, Fisterra e Corcubión na primavera daquel ano, íase proxectar na contorna do Madison Square Garden o propio 11 de setembro.
📺O meu nome, o meu mundo, en VINTE
O meu nome, o meu mundo, protagonizada por Iago Castro e con intervencións dos propios Lijó e Meixide, varios amigos da facultade e veciños de Sardiñeiro, reconstrúe a realidade a través dos ollos dun neno que que ve o mundo con filtros como Schopenhauer ou Nietzche, e coa música de Bob Marley.
A segunda destas pezas audiovisuais é 'Cascallos (postais dende a metrópole). Trátase da curtametraxe documental que Lijó e Meixide montaron coas imaxes que gravaron de urxencia en Nova York o 11 de setembro de 2001 e os días posteriores. Nela, recolleron algunhas das impresións que gardaron dunha cidade en shock.
📺Cascallos, en VINTE
Como detalla Berta Dávila para VINTE, Lojó e Meixide aínda explican todo aquilo con certa estrañeza e un pouso de incredulidade. A vivencia mestúrase coa maneira que cada un ten de contala, coas anécdotas mil veces repetidas. As escenas daquel día fan parte da historia deste século, mais tamén da súa propia historia persoal. «Hai unha cousa que non me esquece, e é ver regresar a xente camiñando, cubertos de pó, algúns descalzos, pola ponte», explica Carlos Meixide. Aquilo converteuse, para os dous, nun relato de cabeceira, nun recordo anual que compartir cada vez que alguén pregunta iso de "Onde estabas ti cando os atentados do 11S?". Vinte anos máis novos, eles estaban alí.