O concurso consiste na creación en Instagram dunha peza de vídeo inferior a 1 minuto "na que cada participante mostre a realidade exterior cunha ollada distinta a como a vía antes da crise do coronavirus"
Moitas cousas cambiaron nestes dous últimos meses, e aínda que imos camiñando cara á normalidade, facémolo cara a unha "nova normalidade" na que moitas cousas serán distintas. Esta nova realidade ten algún elementos que saltan á vista: distancia física entre as persoas, máscaras de protección e outras moitas moitas imaxes que revelan que estamos nun tempo diferente.
A revista dixital VINTE e Puntogal convidan a retratar esta "nova realidade" a través dun concurso titulado “Vinte con outros ollos” consiste na creación en Instagram dunha peza de vídeo inferior a 1 minuto "na que cada participante mostre a realidade exterior cunha ollada distinta a como a vía antes da crise do coronavirus".
Os vídeos deben publicarse entre o días 14 e 31 de maio utilizando o galego nos textos que acompañen a publicación
As rúas, os parques, os montes, a praia, as corredoiras… estivemos tanto tempo sen eles que agora vai ser inevitable velos doutra maneira. Tamén a xente querida e as pequenas cousas que faciamos antes do confinamento. Conforme imos regresando á nova normalidade, a realidade que temos diante mudou e a nosa forma de mirar tamén.
Os vídeos deben publicarse entre o días 14 e 31 de maio, respondendo a esta temática, utilizando o galego nos textos que acompañen a publicación, e empregando o cancelo #VinteConOutrosOllos. Os premios anunciaranse na primeira quincena de xuño. Poderá participar calquera persoa maior de idade con conta en Instagram.
Haberá cinco premios: un agasallo tecnolóxico e 4 bonos de compra en librarías independentes, un xesto de apoio ao sector cultural
Para os gañadores e gañadoras haberá cinco premios: o primeiro premio consistirá nunha cámara GoPro de última xeración e os catro restantes en 4 bonos de 100 euros para a compra en catro librarías independentes que colaboran no concurso, un xesto de apoio ao sector cultural. Trátase de NUMAX (Santiago de Compostela), Librería Trama (Lugo), Airadasletras (Allariz) e Libraría Paz (Pontevedra), todas elas con tenda online.
Os premiados e premiadas serán decididos por un xurado composto por 5 creadores e creadoras galegas de nova xeración: o escritor Jesús Castro Yáñez, a música Elba Souto, o cineasta David Fidalgo Omil, a comunicadora Andrea Villa Feijóo e a actriz Cris Iglesias. Cada un deles e delas preparou un vídeo contribuíndo a esta nova ollada e que servirá de exemplo e inspiración para todas as persoas que queiran participar.